Serhii Nazarovych Bubka, (en , en ), nado en Voroshilovgrad o 4 de decembro de 1963 é un exatleta ucraíno especializado en salto con pértega. Está considerado como un dos mellores deportistas na historia da especialidade, destacando as seis vitorias consecutivas no Campionato Mundial de Atletismo, a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1988 e os 35 récords mundiais (17 ao aire libre e 18 en recintos pechados). O 21 de febreiro de 1993 saltou en Donetsk 6,15 metros, un récord que se mantivo vixente durante 21 anos, ata que foi superado nun centímetro polo francés Renaud Lavillenie o 15 de febreiro de 2014 no mesmo lugar.

Traxectoria Bubka comezou a destacar nas competicións locais nas mans do adestrador Vitaly Petrov, primeiro cun salto de 2,70 metros aos 11 anos e logo superando os cinco metros con 16 anos. Saltou á fama internacional en 1981 cando foi sétimo no Campionato Europeo Júnior. Nese momento o seu potencial causou admiración e de feito, a pesar de clasificarse oitavo no campionato nacional, o adestrador do equipo soviético, Igor Ter-Ovanessian, incluíuno na selección que ía participar no primeiro Campionato Mundial de Atletismo, en Helsinqui, en 1983.

En Helsinqui conseguiu o campionato cun salto de 5,70 m. A partir de aí, empeñouse en demostrar que non lograra o título de casualidade e mellorou ano tras ano. En 1984 logrou o seu primeiro récord mundial, baixo teito, cunha marca de 5,81 metros, que logo superou en tres ocasións. Ao aire libre marcou 5,85 m, e superouno catro veces. Nese ano bateu nove récords mundiais en total.

Por mor do boicot do bloque comunista aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles tivo que esperar catro anos para gañar a súa primeira medalla olímpica. Asemade, gañou todos os campionatos do mundo ata 1997.

A hexemonía de Bubka parecía inapelable. En competición en recinto pechado, o francés Thierry Vigneron bateu o seu récord en 1984 cunha marca de 5,91 m, superior nun centímetro. Porén, dez minutos despois, Bubka mostrou o seu poderío chegando tres centímetros máis alto e deixando segundo o francés.

As lesións comezaron a prexudicar o saltador e, na súa última competición, o seu principal obstáculo foi o seu tendón de Aquiles. Abandonou o atletismo en 2001, aos 37 anos.

Bubka é vicepresidente sénior da International Association of Athletics Federations (IAAF) dende 2007, e presidente do Comité Olímpico de Ucraína dende 2005. É membro honorario do Comité Olímpico Internacional.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas IAAF profile for Sergey Bubka Interview with Sergey Bubka on BBC World News Magazine article tracing Bubka's career A small video with the highlights of Bubka's career Masters T&F Pole Vault All-Time Rankings ESPN bio

Categoría:Atletas olímpicos de Ucraína Categoría:Nados en Luhansk Categoría:Nados en 1963 Categoría:Medallistas olímpicos en atletismo Categoría:Medallistas olímpicos de ouro pola Unión Soviética Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Premios Princesa de Asturias dos Deportes Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 2000 Categoría:Atletas olímpicos da Unión Soviética Categoría:Atletas olímpicos do Equipo Unificado Categoría:Saltadores con pértega