O picapau de dorso branco (Dendrocopos leucotos) é un peto eurasiático do xénero Dendrocopos.

Descrición É o máis grande dos petos con pintas do Paleártico occidental, de 24 a 26 cm de longo cunha envergadura de 38 a 40 cm e cunha plumaxe similar á do peto real, pero con barras brancas nas ás en vez de pintas, e unha parte inferior do dorso branca. O macho ten a parte superior da cabeza vermella, a femia tena negra.

Distribución En Europa, viven dúas subespecies: D. l. leucotos, que vive no norte e centro de Europa, e D. l. lilfordi nos Balcáns e Turquía e polo oeste chega aos Pireneos. Outras dez razas viven na rexión cara ao leste ata Corea e o Xapón. É unha ave escasa, xa que necesita grandes extensións de bosque maduro de folla caduca con grandes cantidades de madeira morta aínda en pé ou caída. O seu número diminuíu en Escandinavia. En Suecia, o declive da súa poboación causou que o goberno promulgase a protección da especie no seu Plan de Acción da Biodiversidade nacional.National Biodiversity Action Plan of Sweden, Uppsala (1999) Na estación reprodutora escava un burato para a nidificación duns 7 cm de largo e 30 cm de profundidade no tronco dunha árbore podre. Pon de tres a cinco ovos brancos e incúbaos de 10 a 11 días. Vive predominantemente de escaravellos perforadores da madeira e das súas larvas, así como doutros insectos, noces, sementes e bagas. O tamborileo nos trocos dos machos é moi alto, as chamadas inclúen un débil kiuk e un kweek máis longo.

Subespecies

Hai doce subespecies recoñecidas.

D. l. leucotos (Bechstein, 1802), a subespecie nomeada, espallada por Eurasia desde Europa do norte, central e do leste ao noroeste de Asia, Corea e Sakhalin. D. l. lilfordi (Sharpe & Dresser, 1871) dos Pireneos a Asia Menor, Cáucaso e Transcaucasia. D. l. tangi (Cheng, 1956) da provincia de Sichuan, no oeste da China. D. l. subcirris (Stejneger, 1886) de Hokkaido, norte do Xapón. D. l. stejnegeri (Kuroda, 1921) do norte de Honshū, Xapón. D. l. namiyei (Stejneger, 1886) do sur de Honshū, Kyushu, Shikoku, Xapón, e a illa de Cheju, Corea D. l. takahashii (Kuroda & Mori, 1920) da illa Ullung (no leste de Corea). D. l. owstoni (Ogawa, 1905) da illa Amami-O-Shima no norte das illas Ryukyu, Xapón. D. l. fohkiensis (Buturlin, 1908) das montañas da provincia de Fujian sueste da China. D. l. insularis (Gould, 1863) de Taiwán. D. l. quelpartensis (Kuroda & Mori, 1918). D. l. uralensis (Malherbe, 1860).

Notas

Véxase tamén Bibliografía Gorman, Gerard (2004): Woodpeckers of Europe: A Study of the European Picidae. Bruce Coleman, UK. .

Ligazóns externas Avibase

Categoría:Pícidos Categoría:Animais descritos en 1802 Categoría:Aves de Eurasia