A igrexa de Tingstäde (sueco: Tingstäde kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Tingstäde, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia No mesmo lugar onde se atopa a presente igrexa construíuse unha de madeira a comezos do século XII a máis tardar. Posteriormente foi substituída primeiro por unha igrexa románica, da cal sobreviven os portais, e posteriormente foi reconstruída en estilo gótico durante os séculos XIII e XIV. Dende entón a igrexa permaneceu case inalterada.

A igrexa foi unha das tres chamadas igrexas de asilo en Gotland durante a idade media, un lugar onde presuntos criminais podían atopar refuxio en espera de xuízo. O nome Tingstäde tamén se traduce como "situación dun thing", indicando que o lugar ten antigas tradicións xudiciais.

Arquitectura A igrexa ten unha alta torre (55 metros) adornada con galerías góticas en varios pisos. No seu interior restos de pedras pintaras foron usados como material de construción. A nave está abovedada e o teito está apoiado nunha única columna central con capiteis ricamente decorados, realizados no século XIII polo escultor anónimo coñecido co nome de Calcarius. O coro carece de ábsida. Externamente os portais románicos están tamén decorados con esculturas de pedra. O portal interior que vai do coro á sancristía é máis antigo, do século XII, e está decorado co Año de Deus, que tamén é o símbolo heráldico de Gotland. Dada a situación da igrexa nun antigo lugar de importancia política, os académicos especulan sobre se xa era un símbolo para a illa durante o século XII.

A igrexa de Tingstäde ten unha pía bautismal probablemente feita polo artista coñecido como Master Majestatis, e posiblemente procedente da primeira igrexa de madeira. Tamén ten unha notable cruz triunfal do século XIV. O retablo é considerablemente posterior, do século XVIII, mentres que os bancos son probablemente do XVII.

Galería de imaxes

Notas

Tingstäde