A pardela caboverdiana (Calonectris edwardsii)Pardela de Cabo Verde en Avibase. Consultado o 19 de novembro de 2012 é unha especie de ave procelariforme da familia Procellariidae que vive no océano Atlántico, nas augas da Macaronesia meridional. Cría unicamente no arquipélago africano de Cabo Verde.
Taxonomía
Foi inicialmente descrita como especie en 1883 por Émile Oustalet. Posteriormente reconsiderouse a súa clasificación e tratouse como unha subespecie da pardela cincenta, ata que en 1995 Cornelis Hazevoet volveu asignarlle a categoría de especie de seu.Hazevoet, C.J. (1995). The birds of the Cape Verde Islands. Tring, UK: British Ornithologists' Union (Check-list 13).
Descrición
É unha ave mariña esvelta, coa cabeza e as partes superiores máis escuras que a pardela cincenta e o bico escuro. Comparada coa pardela cincenta é de menor tamaño, máis delgada e de formas máis angulosas.
Distribución
Esta ave só cría nas illas de Cabo Verde. As colonias máis grandes están nas illas e illotes Brava, Branco e Raso, aínda que tamén aniña en colonias menos numerosas noutras illas do arquipélago. Aínda que os seus movementos e distribución en mar aberto non son coñecidos en profundidade, son avistadas con regularidade arredor das illas na estación de cría. Trala época de reprodución espállanse polas augas tropicais e poden ser avistadas na zona de surxencias de augas senegalesas, onde se concentra arredor dun 10% da poboación en outubro. Existen rexistros de avistamentos ata o Atlántico sur,Registros de la Pardela de Cabo Verde Calonectris edwardsii (Oustalet, 1883) en Uruguay (Aves: Procellariidae). Abreu M., Jiménez S., Domingo A. 2010. Boletín de la Sociedad Zoológica del Uruguay 19: 29-35. e un na costa oriental de Norteamérica.Hazevoet, C.J. (1997). Notes on distribution, conservation, and taxonomy of birds from the Cape Verde Islands, including records of six species new to the archipelago. Bulletin Zoologisch Museum, University of Amsterdam 15(13): 89-100.Curtis,W.F. (1994). Further South Atlantic records. Sea Swallow 43: 19-28.
Comportamento
Reprodución
Tras unha ausencia de tres meses, os adultos chegan ás súas colonisas de cría das illas entre finais de febreiro e marzo, onde aniñan nos ocos dos cantís e entre as rochas costeiras. As femias poñen un só ovo, que incuban entre maio e xullo. Os pitos abandonan o niño desde finais de setembro a outubro. Despois de abandonaren o niño todas as pardelas permanecen no mar ata a seguinte estación de cría.
Alimentación
Como o resto de pardelas aliméntanse pescando no mar pequenos peixes, luras e outros pequenos animais mariños.
Estado de conservación Estímase que a poboación total en 1993 constaba duns 20 000 adultos (10 000 parellas reprodutoras). Aínda que a especie está teoricamente protexida, os pitos son recolectados polos pescadores, nunhas cifras que se estiman nunhas 5 000 aves capturdas nos seus niños cada ano nos illotes Branco e Raso. A súa poboación está en declive a causa do exceso de recolección de pitos e considérase que a especie está case ameazada.BirdLife International. (2008). Species factsheet: Calonectris edwardsii. Downloaded from http://www.birdlife.org on 10/1/2009.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Categoría:Proceláridos Categoría:Animais descritos en 1883