A igrexa de Öja (sueco: Öja kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Öja, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia A igrexa de Öja está construída nun lugar de antigas tradicións culturais. O seu nome, procedente da palabra sueca ö que significa illa, indica que estaba habitado antes de que a zona se convertese en parte do resto de Gotland (debido a un proceso de axuste posglacial), é dicir, durante a idade de ferro, nalgún momento entre o ano 500 a.C. e o 500 d.C. En 1987 aínda había campos de cultivo organizados segundo un sistema de uso da terra que probablemente se desenvolveu entón, ou incluso durante a idade de bronce.
A primeira igrexa do lugar foi construída durante o século XII. Deste primeiro edificio románico só quedan un feixe de fragmentos esculpidos, incorporados na presente igrexa principalmente gótica. Durante o século XIII comezou a construción da igrexa actual. O coro coa súa ábsida interna é a parte máis antiga, construído durante a primeira metade do século. A nave engadíuse posteriormente, a finais do século, mentres que a torre levantouse no século XIV. A construción da igrexa indica que os plans orixinais non incluían unha torre separada, senón unha enriba do extremo occidental da nave. Os académicos concluíron que a torre foi construída polo obradoiro dun canteiro coñecido co nome de Master Egypticus, que tamén traballou nas igrexas de Grötlingbo e Hablingo.
Dende a idade media a igrexa permaneceu case inalterada, coa excepción da sancristía que foi engadida durante o século XIX.
Arquitectura Externamente a igrexa destaca pola súa ben conservada torre, que aínda ten as gárgolas e as decoracións dos gabletes orixinais. A igrexa tamén tres portais góticos esculpidos, do cal o do norte é o que está máis ricamente decorado. O portal ten esculturas que representan a Xesús, María, Xoán o Evanxelista e unha moi peculiar dun santo boca abaixo, interpretado como San Elixio.
O interior é escuro e caracterízase polos seus resistentes piares e columnas. As paredes están decoradas con frescos do século XV, que representan a Paixón de Cristo e escenas da infancia de Xesús, realizados polo artista coñecido como Passionsmästaren. Ademais as bóvedas están adornadas con ornamentacións do século XIII e un feixe de frescos pouco comúns, probablemente dun artista de Dinamarca ou do continente sueco, decoran o coro.
A igrexa é probablemente famosa pola súa gran e elaborada cruz triunfal. Foi realizada por un carpinteiro, posiblemente adestrado en Francia, que seguramente tamén fixese unha cruz semellante na igrexa de Fröjel a finais do século XIII. O elaborado e pouco común crucifixo foi chamado "a escultura de madeira máis admirada de Gotland" e "unha das pezas artísticas medievais máis coñecidas de Gotland". Baixo a cruz hai ademais copias de dúas esculturas case tan ben consideradas que representan a María e a San Xoán (as orixinais atópanse no Museo de Gotland en Visby).
Galería de imaxes
Notas
Öja