O voitre de Rüppell (Gyps rueppelli ou ás veces Gyps rueppellii) é un voitre grande que pode encontrarse normalmente na rexión do Sahel de África central e oriental. A súa poboación actual é de 30 000 individuos, pero está decrecendo debido á perda do seu hábitat, envelenamentos accidentais e outros factores. Non debe confundirse co voitre Gyps fulvus. O voitre de Rüppell foi nomeado en honra de Eduard Rüppell, un explorador alemán do século XIX, coleccionista e zoólogo. O voitre de Rüppell é considerado a ave que voa máis alto, xa que se confirmou que nun voo esta ave chegou a unha altitude de 11 300 m sobre o nivel do mar.

Distribución

A súa área de distribución esténdese pola rexión de Sahel de África, onde se pode encontrar en praderías, montañas e bosques. Antes considerábase común neses hábitats, pero agora está experimentando un forte declive, especialmente na parte oeste da súa área. Son aves relativamente lentas, que voan a 35 km/h, pero durante 6 a 7 horas ao día e cobren distancias de 150 km desde o niño para atopar comida. Como ave errante foi detectada na Península Ibérica principalmente na zona próxima ao estreito de Xibraltar; a súa presenza en Galicia é rarísima e só hai dous rexistros del.

Descrición

Estes grandes voitres, que superan en tamaño o emparentado Gyps africanus, co cal conviven con frecuencia. Os adultos teñen unha lonxitude de 85 a 103 cm,Field Guide to the Birds of East Africa: Kenya, Tanzania, Uganda, Rwanda, Burundi by Stevenson & Fanshawe. Elsevier Science (2001), cunha envergadura de 2,26 a 2,6 m, e un peso que vai de 6,4 a 9 kg.Raptors of the World by Ferguson-Lees, Christie, Franklin, Mead & Burton. Houghton Mifflin (2001), Ambos os sexos teñen aparencia similar: marrón con pintas ou negro por arriba cunha barriga marrón abrancazada e delgada, cunha penuxe branca sucia que cobre a cabeza e pescozo. A base do pescozo ten un colar branco, o ollo é amarelo ou ámbar, e ten unha mancha no boche marrón escura. A cabeza non ten plumas, o cal é unha adaptación ao costume de meter o pescozo dentro da prea para comer, o que facilita a alimentación e evita que se ensuciasen as plumas se as tivese. Son normalmente silenciosos, pero vocalizan no niño e cando loitan por un posto para comer nas carcasas, chiando moito. Voan comunmente a altitudes de miles de metros. Teñen unha variante especializada da subunidade alfaD da hemoglobina; esta proteína ten unha grande afinidade polo oxíxeno, o que permite que a especie absorba oxíxeno eficientemente malia a baixa presión parcial deste gas na alta troposfera. Confirmouse que un voitre de Rüppell foi absorbido por un motor de propulsión a chorro dun avión que voaba sobre Abidjan en 1973 a unha altitude de 11 300 m.

Comportamento

Social Son moi sociais, pousándose, nidificando e xuntándose para alimentarse en grandes bandadas.

Alimentación

O voitre de Rüppell ten varias adaptacións á súa dieta e teñen unha alimentación especializada entre os voitres do Vello Mundo africanos. Teñen unha constitución especialmente poderosa e, unha vez que se consumiron as partes máis moles e apetecibles dunha carcasa, son eles os que continúan comendo o que quede dos coiros e mesmo os ósos, fartándose tanto que ás veces apenas poden voar. Na lingua teñen unhas espiñas dirixidas cara a atrás que lles axudan a separar a carne do óso. Malia o seu tamaño, potencia e adaptacións, non son os voitres máis dominantes na área onde viven, papel que se considera que desempeña o aínda meirande Torgos tracheliotos.

Reprodución

Esta especie de voitre considérase monógama, e forma parellas reprodutoras para toda a vida. Despois do cortexo a parella traballa conxuntamente para construír o niño utilizando ramiñas, herba e follas que recollen no campo ou rouban doutros niños. Constrúen os niños en barrancos, e en áreas clave de nidificación forman grandes colonias reprodutoras con centos de parellas. Ambos os sexos comparten a incubación do ovo durante 55 días. Unha vez que eclosiona o polo, ambos os proxenitores aliméntano e cóidano durante 150 días, momento en que empluma. As crías seguen dependendo dos pais despois de emplumar, e non se fan independentes ata a seguinte tempada reprodutora. Durante este tempo aprenden como atopar e competir pola comida.

Status Como estimou inicialmente a IUCN durante 1988, as poboacións de voitre de Rüppell diminuíron. A especie situouse na súa Lista Vermella co status de "case ameazada" desde 2007 e a IUCN predí que a poboación da especie continuará minguando. Desde 2012 a 2014 o voitre de Rüppell púxose na lista de especies en perigo, pero en 2015 a especie foi reavaliada e pasada á lista de especies en perigo crítico.

O voitre de Rüppell está listado actualmente no Apéndice II do CITES, que regula o comercio internacional de animais e plantas. Con esta designación o voitre de Rüppell é definido como especie que non está nun risco inmediato de extinción, aínda que a poboación actual podería verse ameazada sen unha coidadosa regulación do seu comercio.

Desde 1992, o voitre de Rüppell foi detectado como ave errante en España e Portugal, con rexistros anuais desde 1997, principalmente na área de Cádiz e estreito de Xibraltar, pero tamén máis ao norte,Gutiérrez, Ricard (2003) Occurrence of Rüppell's Griffon Vulture in Europe Dutch Birding 2595): 289-303 incluso hai dous rexistros deste voitre en Galicia e Asturias, onde, por tanto, é unha especie rarísima.BirdersCove. La web de las rarezas en Galicia Gyps reupelli en Galicia

Ameazas As poboacións de voitre de Rüppell están a experimentar un declive en toda a súa área. Esta diminución pode atribuírse á perda do hábitat relacionado co uso humano da terra, envelenamentos, uso humano de partes do voitre como medicina ou outros usos, perda de sitios de nidificación, e diminución da dispoñibilidade de fontes de alimento. O envelenamento considérase que é a peor das ameazas para todas as poboacións de voitres de África, aínda que eles non son a quen van directamente dirixidos os velenos. Nos casos nos que os leóns ou hienas matan gando, ás veces a xente pon o veleno carbofurano en carcasas como represalia contra os depredadores, pero os voitres tamén van comer desas carcasas. Ditas carcasas poden atraer a centos de voitres porque estas especies identifican a comida pola vista. Unha avaliación de cen episodios de envelenamento atopou que cada un deles causara a morte de 37 a 600 individuos.

A matanza de voitres de Rüppell para usalos como medicina contribuíu tamén bastante ao rápido declive das súas poboacións. En moitas culturas africanas, os voitres son utilizados para a medicina e a maxia relacionada con supersticións de que son animais clarividentes e poden utilizarse para incrementar a intelixencia dos nenos. O establecemento de áreas de vida salvaxe protexidas pénsase que é un camiño efectivo para protexer o voitre de Rüppell da extinción. O voitre de Rüppell reprodúcese e aniña en barrancos do norte e sur de Kenya e en Tanzania. Estes lugares de reprodución e nidificación xuntan un gran número de exemplares que crían a súa proxenie e procuran o seu alimento nas áreas que os rodean. Considerando que a taxa de detección de voitres de Rüppell era máis baixa nas áreas protexidas que fóra delas, ampliar a protección deses sitios clave de reprodución podería axudar ás súas poboacións.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

BirdLife International (2007a): 2006–2007 Red List status changes . 2007. BirdLife International (2007b): Rüppell's Vulture - BirdLife Species Factsheet. 2007.

Categoría:Accipítridos Categoría:Animais descritos en 1852