A igrexa de Grötlingbo (sueco: Grötlingbo kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Grötlingbo, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia O primeiro rexistro escrito da igrexa é de 1296, cando é mencionada nunha bula papal. Porén, escavacións arqueolóxicas levadas a cabo en 1956-1957 demostraron que había unha igrexa de pedra no lugar xa no século XII. Os releves que adornan a fachada sur do presente edificio proceden desa igrexa románica e foron incorporados á igrexa gótica actual. O torre incorporouse no século XIII e a finais do século XIV houbo unha gran reconstrución da igrexa para darlle a súa presente forma. Dende entón a estrutura permaneceu case inalterada, coa excepción da incorporación dunhas poucas pezas de mobiliario.

O artista e autor dinamarqués Asger Jorn está enterrado no cemiterio da igrexa.

Arquitectura O edificio é bastante grande para unha igrexa do rural de Gotland e foi construída con arenito local. A nave está dividida en tres seccións por robustas columnas. O coro carece de ábsida e no seu lugar remata nunha parede recta con tres esveltas fiestras, un tratamento típico nas igrexas medievais da illa. A torre é románica, pero o chapitel é do século XVIII.

A fachada sur está adornada con frisos románicos realizados polo artista coñecido como Sigraf ao redor do ano 1200. Representan animais, tanto reais como míticos, ademais de homes loitando e cabaleiros a cabalo. Os académicos están divididos sobre o significado desas figuras. Algúns especulan que pode ser unha representación das forzas do mal perseguindo a humanos. Outros argumentan que poden ilustrar un antigo conto, quizais o de Beowulf.

Na cara sur da igrexa hai dous portais posteriores e de estilo gótico. Datan de mediados do século XIV e o obradoiro que os realizou foi identificado como o do artista coñecido como Master Egypticus. Representan escenas cristiás como a Virxe María e a Resurrección. Os portais tamén inclúen caras grotescas, unha característica típica nos traballos de Master Egypticus.

No interior sobreviven un feixe de frescos do século XIV no coro, representando escenas cristiás do mesmo tipo que as dos portais. As bóvedas da nave tamén teñen algunhas pinturas, puramente decorativas. Entre a nave e o coro colga unha gran cruz triunfal que data de mediados do século XIII. A pía bautismal é particularmente notable, tamén realizada por Master Sigraf e un dos exemplos máis elaborados da arte do escultor. O púlpito data do Renacimento e orixinalmente foi feito para a catedral de Visby. Aínda amosa o escudo de armas dinamarqués no lugar do sueco.

Galería de imaxes

Notas

Grötlingbo