Carlos XII, nado en Estocolmo o 17 de xuño de 1682 e finado en Fredrikshald (Noruega) o 30 de novembro de 1718, chamado Carolus Rex e o Alexandre do Norte, foi un Rei de Suecia (1697-1718), Duque de Bremen e Príncipe de Verden (1697-1718) e conde do Palatinado-Zweibrücken (1697-1718) como Carlos II. Fillo de Carlos XI de Suecia e Ulrica Leonor de Dinamarca. Está considerado o último rei guerreiro de Suecia, e probablemente fose un dos mellores tácticos de guerra da historia.

Participou durante case todo o seu reinado na Gran Guerra do Norte, combatendo as forzas unidas de Dinamarca, Saxonia, Polonia e o Imperio Ruso. A súa vitoria máis coñecida foi a batalla de Narva, en 1700, cando venceu un exército ruso varias veces maior.

Historicamente, foi desculpado da derrota da batalla de Poltava por atoparse ferido nun pé, e non atoparse en condicións de dirixir as súas tropas en persoa. Sobre a súa vida privada sábese moi pouco, só que era unha persoa reservada. A súa vida política reflectiuse, a grandes liñas, nas súas campañas e nas súas decisións durante a Gran Guerra do Norte.

Traxectoria Infancia Naceu no castelo Tre Kronor en Estocolmo. O segundo dos sete fillos de Carlos XI, dos cales só sobreviviron tres: Eduvixes Sofía, Carlos e Ulrica Leonor. A primeira infancia pasouna en compaña da súa nai e das súas irmás. Cumpridos o seis anos, o seu pai decidiu que xa era hora de iniciar unha vida independente, e asignoulle unha sección do palacio como vivenda, coa súa propia corte e serventes. esquerda|miniatura|286x286px|Carlos XI de Suecia, obra de David Klöcker Ehrenstrahl A súa educación foi esmerada, demostrando o seu talento sobre todo en matemáticas e nos temas militares, aprendeu tamén historia, filosofía, tecnoloxía militar, xeografía e literatura, ademais de francés, alemán, inglés, latín e grego. A medida que creceu demostrou un carácter autoritario mesturado con certa tozudez e un enorme orgullo non sen mostras de humildade e autosacrificio. Carlos XI decidiu que había que preparar o futuro rei, así que comezou a introducilo nos seus deberes reais acompañando o seu pai en visitas polo reino, cacerías e paradas militares. Carlos XII destacou nos seus dotes militares, demostrando ser un bo espadachín, tirador e un consumado xinete, tanto así que aos nove anos matou o seu primeiro cervo e aos 13 matou un xabaril con máis nada que un coitelo. dereita|miniatura|299x299px|Carlos XII de Suecia e a súa irmá Eduvixes Sofía na súa nenez. En 1690 enfermou a súa nai e a súa saúde foi empeorando. O 26 de xullo de 1693 morrería u a nova raíña aos 36 anos, deixando orfo a Carlos cumpridos os 11 anos. A súa morte afectou profundamente o rei Carlos XI, afectando tamén á súa saúde.

En 1696 o rei comezou a sufrir de dor no ventre que foi empeorando a pesar de todos os coidados. O 2 de abril de 1697 xacendo o rei no seu leito de morte, despediuse dos membros do Consello do reino e da súa corte. Ao día seguinte fixo chamar os seus fillos para despedirse deles.

Carlos despediuse do seu pai a soas, nunha reunión que durou dúas horas. Transcendeu que Carlos XI aconsellou o seu fillo a non deixarse arrastrar a guerra ningunha, mais se non tiña opción, debería asumila con todo vigor e resolución. Tamén lle aconsellou non casar con alguén doutra relixión, e coidar e velar polas súas irmás. O 5 de abril faleceu o rei Carlos XI aos 41 anos de idade.

Carlos perdera aos 14 anos de idade, o seu pai e a súa nai.

Rexencia e coroación Carlos XI estableceu no seu testamento que un goberno de rexencia debería asumir o poder real ata a maioría de idade do príncipe Carlos. O consello de rexencia quedou conformado pola raíña nai Ulrica Leonor e cinco conselleiros reais. Á morte do seu pai, Carlos contaba con 14 anos, e segundo o costume, a maioría de idade alcanzábase aos 18 anos. Con todo, os seus antecesores máis próximos, mesmo o seu pai, asumiran a coroa antes desa idade.

O consello de rexencia estimou que o príncipe mostraba xa a madurez necesaria para asumir o poder real e comezou a sondar a opinión entre os representantes dos súbditos do reino, para declaralo maior de idade, e desta forma ser coroado rei.

A nobreza aceptou a posibilidade e o pobo tamén. Só entre o clero houbo algunha resistencia, xa que o consideraban demasiado novo aínda. Decidiuse convocar o Parlamento para o 3 de novembro de 1697. A aceptación da nobreza e a plebe tiña motivos políticos, xa que a nobreza mediante o apoio á petición da coroa, aspiraba a unha posibilidade de restitución de terras, terras requisadas por Carlos XI para afianzar economicamente o seu reinado; e para a plebe, a coroación de Carlos significaba o establecemento dun poder neutralizador das aspiracións da nobreza.

O príncipe comezou a asistir ás reunións do consello de rexencia, mantendo unha actitude atenta, pero distante. Cando se lle consultaba o seu parecer e el estaba de acordo, expresábao terminantemente e en caso contrario prefería gardar un pechado silencio, neutralizando desta maneira a consulta, xa que ao non saber o seu parecer, o resto dos membros de consello non se atrevían a decidir. esquerda|miniatura|300x300px|Incendio do Castelo de Tre Kronor Obra de Johan Fredrik Höckert O núcleo familiar mantíñase unido e Ulrica Leonor ocupábase do benestar do fogar. Con todo, un grave incidente turbou a paza cando o 7 de maio de 1697, por un descoido do persoal do palacio, se declarou un incendio no castelo Tre Kronor, e a familia tivo que abandonar o palacio apresuradamente e refuxiarse na residencia do conselleiro Bengt Oxenstierna. O pobo de Estocolmo pronto se agrupou para socorrer, ou simplemente observar a catástrofe. Uns meses despois a familia trasladouse a unha nova e moderna residencia, o palacio Wrangel, que cambiou o seu nome a Kunghuset.

Para resolver a situación política, a nobreza tomou a iniciativa, e o 8 de novembro enviou un par de representantes a palacio, a solicitarlle ao príncipe que aceptase a coroa de Suecia. Informados de antemán, alí esperábanos a raíña nai, Carlos e os cinco conselleiros. Unha vez expresada a solicitude, o príncipe respondeu que agradecía a confianza posta na súa persoa e aceptaba. O seguinte paso foi reunirse con representantes dos outros tres estamentos político-sociais de Suecia: clero, cidadán e agrario, xa que se consideraba importante entregarlle ao novo soberano un amplo apoio político. Os respectivos representantes fixeron acto de presenza no palacio e reiteráronlle á súa vez a petición. Carlos aceptou novamente e logo retirouse a rezar. Todo o procedemento tomara só doce horas.

O extinto rei Carlos XI foi enterrado o 24 de novembro e tres días máis tarde o Consello de rexencia rematou oficialmente as súas funcións, asumindo o novo príncipe o trono de Suecia. O 29 de novembro o novo soberano disolveu o Parlamento. A coroación realizouse o 14 de decembro de 1697 na catedral de San Nicolao de Estocolmo.

Carlos rompeu dúas importantes tradicións ese día. A primeira foi obviar o xuramento de fidelidade mutua entre o rei e os seus vasalos (konungaförsäkran), e a segunda foi coroarse a si mesmo, sen a intervención doutros. Estas dúas manifestacións deixaron claro ante todos, que el se consideraba un monarca absoluto, pasando a ser o único rei de Suecia que reinou como tal.

O adolescente rei Carlos XII manifestou tamén que non habería lugar para conselleiros ao seu lado, e que non restituiría terras á nobreza. A oposición do clero resolveuna arrestando o pastor da cidade de Mora, Jacob Boëthius, que enviara cartas a algunhas autoridades, nas quemanifestaba a súa desconformidade coa monarquía absoluta do rei, para logo xulgalo por traizón e condenalo á morte. A pena foi conmutada posteriormente e o relixioso pasou os seguintes dez anos en arresto, na fortaleza de Nöteberg, en Carelia. Non houbo máis críticas ao rei de ningunha parte. dereita|miniatura|300x300px|Catedral de San Nicolao de Estocolmo

O seu reino Na súa coroación, Carlos XII asumiu como Rei dos Suecos, os Godos e os Vendos. Gran Duque de Finlandia. Duque de Escania, Estonia, Livonia, Carelia, Bremen, Stettin, Pomerania, Kassuben e Verden. Príncipe de Roxen. Señor de Ingria e Wismar. Conde de Zweibrucken, Conde Palatino do Rin en Baviera, Duque de Jülich, Kleve e Berg. Conde de Wälden, Sponheim e Ravensberg, e Señor de Ravenstein.

Todos estes títulos reflectían o enorme imperio que herdara do seu pai. Imperio construído principalmente a través de conquistas militares iniciadas por Gustavo II Adolfo na Guerra dos Trinta Anos e confirmadas no Tratado de paz de Westfalia; seguidas das logradas polo seu avó Carlos X Gustavo, no tratado de Roskilde e polo seu pai Carlos XI na Guerra Escanesa.

No mar Báltico, só Polonia, o ducado de Curlandia, o ducado de Lituania (ambos dominados por Polonia) e o ducado de Prusia tiñan acceso ás vías marítimas.

Poder militar Os Carolinos Despois da batalla de Lund, o 4 de decembro de 1676, unha das máis sanguentas da época, o rei Carlos XI, pai de Carlos XII, comprendeu a importancia de contar cun exército ben organizado, e puxo moito empeño en desenvolvelo, pasando gran parte do seu tempo organizándoo, e participando en revistas e manobras.

A reorganización comezou coa aplicación dun novo sistema chamado de alistamento (indelning), que a diferenza do sistema de recrutamento, permitía contar con rexementos permanentes, adestrados regularmente, moi disciplinados, organizados para responder rapidamente ante un ataque ou emerxencia, e moi homoxéneos en canto ao idioma e á orixe local –a diferenza do resto de Europa. Cada rexemento contaba con batallóns de cabalaría e artillaría. esquerda|miniatura|300x300px| Batalla de Lund. Obra de Johan Philip Lemke A construción da base naval de Karlskrona en 1680, dotou o reino dun recurso moi importante para manter o control do mar Báltico. Con todo, os poderes navais de Dinamarca, Holanda e Gran Bretaña superábano amplamente, tanto pola tonelaxe das súas naves de guerra, como pola súa cantidade.

A oficialidade estaba composta por militares profesionais que estudaran ou perfeccionaran a súa carreira militar noutros países, principalmente Francia. Outros oficiais proviñan das posesións suecas en Alemaña.

Tamén existía unha cantidade de oficiais de distintas nacionalidades (franceses, británicos e outros) que serviran en exércitos doutros países, e participaran en distintas guerras europeas, que actuaban baixo contrato. Suecia contaba tamén con destacados enxeñeiros militares, especializados en fortificacións.

Por ser creados por Carlos XI e participar na Gran Guerra do Norte baixo o mando de Carlos XII, os alistados recibiron o nome de carolinos.

A guerra A Gran Guerra do Norte comezou en febreiro de 1700, cando un exército composto por tropas polacas e saxoas tentaron apoderarse da cidade de Riga en Livonia, sen logralo a pesar da súa superioridade numérica. O 20 de marzo do mesmo ano, Frederico IV de Dinamarca ordenou a invasión por tropas do reino de Dinamarca-Noruega, do ducado de Holstein-Gottorp, gobernado por Frederico IV de Holstein-Gottorp, cuñado do rei Carlos XII, casado coa súa irmá Eduvixes Sofía. O principado, situado na fronteira sur de Dinamarca, era un aliado de Suecia e considerado como unha ameaza polos daneses.

Bautizo de lume Carlos XII decidiu entón reaccionar militarmente e planificou un ataque contra Dinamarca. Concentrou tropas suecas na fronteira sur de Dinamarca, en Escania e na fronteira con Noruega. Embarcándose persoalmente en Landskrona con catro batallóns de infantaría, cruzou o Öresund nun convoi e logo de facer unha manobra táctica evasiva, virou cara ao norte onde ancorou fronte á localidade de Humlebaeck, situado a uns 40 km ao norte de Copenhague, ás seis da tarde do 25 de xullo. Inmediatamente realizouse un desembarco anfibio. dereita|miniatura|350x350px| Tropas suecas realizando un desembarco. Obra de Johan Philip Lemke