Georgii Brianchaninov (en ), nado como Gleb Anatolevich Brianchaninov (en ) o 8 de xuño de 1919 en Blagoveshchensk (RSFS de Rusia) e finado o 5 de abril de 2018 en Melbourne (Australia), foi un relixioso grecocatólico ruso, arquimandrita e membro do apostolado na diáspora.
Traxectoria Naceu nunha familia ortodoxa, e foi bautizado co nome de Gleb. Emigrou xunto aos seus pais á China, onde en 1937 graduouse pola escola de San Nicolao de Harbin. Pouco despois entrou na Igrexa católica, e o 4 de decembro de 1938 ingresou na Congregación dos Padres Marianos, tomando o nome monástico de "Georgii". A partir de maio de 1939 estudou en Roma, en 1944 foi ordenado sacerdote polo bispo Aleksandr Evreinov, e en 1947 doutorouse cunha tese sobre san Xoán Crisóstomo. O xeneral da súa orde Petras Pranciškus Būčys encargoulle entón traballar a prol dos cativos rusos en campos de refuxiados en Europa occidental, e até 1950 traballou no Comité Ruso para os Refuxiados da Santa Sé, trasladándose a Londres en 1956.
En 1957 trasladouse a Australia para colaborar con Andrei Katkov, compañeiro seu de estudos e de orde relixiosa. Xuntos fundaron o Centro Misioneiro para Católicos Orientais de Melbourne, atendendo aos católicos rusos que chegaban ao país. A comezos da década de 1990, xa con cidadanía australiana, viaxou varias veces a Rusia, e até finais de 2007 viviu no Centro que fundara, e posteriormente nunha residencia sacerdotal en Northcote (un suburbio de Melbourne). Alí finou o 5 de abril de 2018.
En 2002 foi distinguido polos seus servizos á comunidade, recibindo o premio á multiculturalidade do estado de Victoria.
Notas
Categoría:Nados en 1919 Categoría:Nados en Blagoveshchensk, óblast de Amur Categoría:Finados en 2018 Categoría:Relixiosos católicos de Rusia Categoría:Marianos da Inmaculada Concepción Categoría:Sacerdotes católicos de Australia Categoría:Sacerdotes católicos de Rusia Categoría:Sacerdotes da Igrexa católica bizantina rusa