miniatura|Escultura realizada en estuco da cabeza de K'inich Janaab' Pakal que o representa á idade de trinta anos. Foi atopada baixo o seu sarcófago. K'inich Janaab' Pakal (pronunciado en maia: [k’ihniʧ xanaːɓ pakal]) ou Pakal o Grande, nado o 23 de marzo de 603 e finado o 28 de agosto de 683, foi un ahau ou gobernante do ajawlel ou señorío maia de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', agora coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, que se atopa no norte do estado mexicano de Chiapas.

Foi entronizado pola súa nai á idade de doce anos, gobernou dende o ano 615 até o 683. Ascendeu ó poder despois de que Palenque sufrise un período de adversidade. Durante as primeiras décadas do seu goberno viviuse unha época de paz e produtividade. No ano 659 iniciou unha campaña militar que consolidou a Palenque como unha das cidades máis importantes da rexión. Durante un reinado de 68 anos, o máis longo período de reinado coñecido na historia de América, o goberno de Pakal caracterizouse por impulsar o crecemento da obra arquitectónica de Palenque e por iniciar os rexistros xeroglíficos da súa historia dinástica.

Nome miniatura|300x300px|Máscara mortuoria de K'inich Janaab' Pakal elaborada con 340 teselas de xadeíta, albita e cosmocor de varias tonalidades. Cando se descubriu a súa tumba chamóuselle o Señor da Pirámide. Antes de que existisen os avances no descifrado dos xeroglíficos maias era coñecido simplemente como 8 Ahau ou 8 Ajaw, pois só se identificaron algúns dos glifos que corresponden á data do seu nacemento.

Denominóuselle Pakal II para distinguilo do seu avó materno, Janaab' Pakal, a quen algúns historiadores lle asignan o número ordinal romano I. Porén, malia que o retrato do seu avó se atopa tallado en altorrelevo na tumba do Templo das Inscricións e a pesar de que o seu avó exerceu un título secundario ou un goberno no exilio paralelo ó de Aj Ne' Ohl Mat, non existen evidencias da súa entronización como ahau de Palenque. Por este motivo, tamén existe a tendencia a chamalo K'inich Janaab' Pakal I ou Pakal I, pois foi realmente o primeiro gobernante que utilizou este nome en Palenque. Existen dous gobernantes que anos despois tamén utilizaron o mesmo nome: Upakal K'inich Janaab' Pakal (K'inich Janaab' Pakal II) e Wak Kimi Janaab' Pakal (Janaab' Pakal III). Para evitar confundir a Pakal “o Grande” co seu avó, algúns investigadores optaron por referirse a este último como Pakal “o Vello” (Pakal “the Elder”).

O termo K'inich, que se utiliza como un título ou prefixo para diversos gobernantes, fai alusión ó deus do Sol, por iso tradúcese como Radiante ou Solar. Por outra banda, o termo Pakal tradúcese como escudo en lingua maia clásica. O nome deste gobernante maia traduciuse de forma incompleta como Radiante ? Escudo ou Escudo Solar, ou ben, dunha forma máis completa como Escudo Ave-Janaab’ de Rostro Solar.

Respecto diso do nome existe unha controversia. Yuri Knorozov opinou que Pakal non pode ser un nome propio, pois esta palabra traduciuna como o que leva a bandeira, é dicir, un título militar, así mesmo, indicou que en todo caso a pronuncia sería Ngakal, termo que aparece noutras cidades maias. Realizou estas deducións con base nos propios glifos do sarcófago, afirmando que o nome do gobernante é mencionado polo menos en dúas ocasións: o fillo da Guacamaio Amarelo e do Xaguar, ambas as liñaxes independentes da nobreza maia.

Traxectoria Entronización e matrimonio miniatura|Representación iconográfica do taboleiro ovalado da Casa “C” do Palacio de Palenque que amosa a entronización de K'inich Janaab' Pakal. A súa nai, Sak K'uk', entrégalle un diadema conformado por discos de xade, un sak hu'unal e plumas flamíxeras. De acordo á conta longa do calendario maia naceu o 9.8.9.13.0 8 ajau 13 pop, equivalente ó 23 de marzo do ano 603. O seu pai foi K'an Mo' Hix, quen era cho'j ajaw, un nobre de segundo rango cuxa liñaxe subordinada vivía posiblemente no Grupo Pedras Bólas. A súa nai foi Sak K'uk', a quen se considera filla de Janaab' Pakal e neta de Yohl Ik'nal, polo tanto, pertencente ó núcleo dinástico do señorío de B'aakal.

O nacemento de Pakal o Grande ocorreu durante unha época de confrontacións bélicas entre o señorío de B'aakal, que era gobernado polo seu tío avó Ajen Yohl Mat, e o señorío de Kan, cuxa sede principal era Calakmul, que duraron máis dunha década. O 4 de abril de 611, cando Pakal tiña tan só 8 anos de idade, o señor U K'ai Kan atacou Lakamha' (Palenque). Pouco despois, nun lapso de dezaseis meses, morreron o seu avó Janaab' Pakal e o seu tío avó, Ajen Yohl Mat. Estes feitos xeraron unha crise dinástica no señorío de B'aakal. Por unha banda, Ik' Muuy Muwaan reclamou para si o seu dereito ó trono e estabeleceuse en Tortuguero. Por outra banda, os pais de Pakal regresaron a Palenque para promover a súa entronización, probablemente pactando alianzas cos diferentes grupos de nobres e xefes de liñaxes, pois aínda que Sak K'uk' pertencía á familia de gobernantes, a varonía (liña de sucesión patrilineal) rompeuse. Tanto os dirixentes de Tortuguero, como os de Palenque, utilizaron o glifo emblema k'uhul B'aakal ajaw, que significa sacro gobernante de B'aakal, recoñecéndose a si mesmos como os lexítimos descendentes da liñaxe do señorío. A rivalidade entre ambas as faccións fíxose patente, anos máis tarde, mediante os diversos conflitos bélicos que sostiveron estas dúas cidades.

O 9.9.2.4.8 5 lamat 1 mol, é dicir, o 26 de xullo de 615, Pakal foi entronizado pola súa nai. A escena atópase tallada en altorrelevo no taboleiro ovalado da Casa “C” do Palacio de Palenque: Sak K'uk fai entrega das insignias de poder ó seu novo fillo, un tocado real utilizado polos gobernantes conformado por aneis de xade e unha imaxe da deidade da realeza maia Hu'unal, mentres que Pakal atópase sentado nun trono con dobre cabeza de xaguar. Debido a que Pakal tan só contaba con doce anos de idade, considérase que a súa nai foi a verdadeira depositaria do poder dinástico durante varios anos.

O 19 de marzo de 626, á idade de vinte e tres anos, Pakal casou con Tz'akbu Ajaw, filla de Yax Itzam Aatml, quen era o tuun ajaw da localidade de Ux Che' K'uh (Tortuguero), un gobernante de segundo nivel. Tradicionalmente sóubose que o matrimonio tivo tres fillos, dous deles foron gobernantes de Palenque, K'inich Kan Bahlam II e K'an Joy Chitam II (Kan Hul); o terceiro, Tiwol Chan Mat, foi pai do tamén gobernante K'inich Ahkal Mo' Naab III; porén, as investigacións do epigrafista Guillermo Bernal Romeu, realizadas no taboleiro de K'an Tok, sinalan que houbo un fillo de nome Wak-?-nal B'ahlam Ch'aaj Il Sib'ik Kan? que naceu despois de Kan Bahlam e antes de Joy Chitam, e un quinto fillo cuxo sexo e nome aínda se descoñece.

O 24 de xaneiro de 633 Pakal realizou os festexos do final do katún 9.10.0.0.0 1 ajau 8 kayab; este evento foi de bastante relevancia pois as celebracións do final do katún anterior non se puideron levar a cabo pola derrota bélica sufrida ante Calakmul. A nai de Pakal, Sak Kuk', morreu o 9 de setembro de 640, e o seu pai, K'an Mo' Hix, morreu o 29 de decembro de 642. Dende a entronización de Pakal en 615 até o ano 644, Palenque viviu unha época de paz que axudou ao crecemento da poboación. Durante este período de case trinta anos impulsouse a actividade produtiva e a reactivación de cerimonias públicas, desta forma consolidouse a confianza do pobo na dinastía gobernante.

Actividades militares miniatura|300px|esquerda|Variantes de glifos que significan o nome de K'inich Janaab' Pakal. O 6 de febreiro de 644, despois de morrer Ik' Muuy Muwaan I, B'ahlam Ajaw foi entronizado en Tortuguero. Este novo gobernante iniciou unha política de guerra en contra de Lakamha' (Palenque) e das súas cidades aliadas. O 1 de xuño de 644 realizou o primeiro ataque contra Ux Te' K'uh —lugar de onde era orixinaria Tz'akbu Ajaw— sen lograr someter ó gobernante local. O 25 de xullo de 649 atacou o señorío de Moyoop (cuxa localización non se identificou). En novembro capturou Usiij e en decembro atacou Comalcalco, ámbalas dúas prazas aliadas ó réxime de Pakal; deste xeito o dominio palencano debilitouse no occidente. Porén, as celebracións do final do katún 9.11.0.0.0 12 ajau 1 ceh (11 de xuño de 652) leváronse a cabo. O 10 de setembro de 655, rexistrouse un segundo ataque contra Ux Te' K'uh, o cal provocou a saída dalgúns habitantes que se trasladaron a Palenque. Porén, o asedio que realizou Tortuguero non conseguiu desestabilizar o goberno de Pakal.

En troques, Pakal organizou unha ofensiva militar no verán de 659, dirixiu o seu exército cara ó leste cruzando os señoríos de Pomoná e Yo’ki’b (Pedras Negras) até chegar á zona arqueolóxica de Santa Elena, sé do señorío de Wak'aab'-ha'. Nesta campaña capturou a Nu'n U Jol Chaak, gobernante de Santa Elena, a Sakjaal Itzamnaaj e Ahiin Chan Ahk, ambos dignatarios de Pomoná, así como ós gobernantes locais das poboacións de K'in-ha', Yaxkab' e B'atuun. Descoñécese o motivo que tivo Pakal para comezar esta incursión militar, aínda que é probable que fose unha acción preventiva contra un posible ataque destas cidades artellado por Calakmul. Aínda que non se logrou o control total da zona, impuxéronse algúns tributos ós señoríos derrotados. É posible tamén que se tratase dunha vinganza, xa que Santa Elena foi unha fonte de constante de conflito entre Calakmul e Palenque que tiña a súa orixe corenta anos antes e no que participara o seu avó materno; nesta ocasión, Pakal impuxo un novo gobernante leal á súa política.

De acordo cos rexistros descifrados, a partir do ano 672 Palenque sostivo guerras contra os gobernantes de Oriente e Occidente; aínda non se sabe cales foron os contendentes, pero quedou asentado que durante estas confrontacións foi humillada B'olon Chan, “a familia das dezaseis familias do gobernante dos innumerables sucesores”. A balanza do resultado destas confrontacións inclinouse a prol de Palenque no ano 675 cando foi capturado un dignatario de nome Sak-jal? K'in?, a quen se sacrificou o 17 de outubro para satisfacer ó deus Ich Cham Ajaw.

Construcións arquitectónicas e rexistros históricos miniatura|300px|esquerda|Maqueta que representa o Palacio de Palenque reconstruído no Museo do Sitio “Alberto Ruz Lhuillier”. Durante o goberno de Pakal a arquitectura e a arte en xeral foron impulsados de xeito salientable. A primeira obra monumental que mandou construír Pakal foi o Templo do Esquecido. Malia ter sufrido os primeiros ataques de B'ahlam Ajaw, no ano 652, iniciouse a ampliación e remodelación do Palacio, sobre o cal se construíron as casas “E”, “C”, “A” e “B”; dous anos máis tarde inaugurouse a área dos Subterráneos, a galería occidental da Casa “E”, e varios taboleiros (lousas de pedra) onde se rexistraron os acontecementos históricos de Palenque, incluído o taboleiro oval onde se amosa a súa entronización. No ano 659, despois das vitorias militares da súa campaña no leste, inaugurouse a Casa “C” do Palacio, á cal os maias coñecían como U Naah Chan, cuxo significado é A Casa do Ceo e que estaba adicada a catro deidades da guerra.

Malia que a escritura maia tivo a súa orixe nunha época anterior á do goberno de Pakal, determinouse que todas as inscricións xeroglíficas que se atopan nos edificios e taboleiros de Palenque comezaron a realizarse baixo as súas ordes. Pakal esforzouse por deixar rexistros da historia dinástica do seu señorío así como dos acontecementos máis importantes do seu goberno: celebracións relixiosas, eventos da familia real e triunfos militares. As inscricións tamén foron acompañadas de representacións iconográficas, exemplos deles son a da súa entronización no taboleiro oval ou o da captura de prisioneiros de guerra no baseamento occidental da casa “C”.