ADAMTS13 (siglas do inglés a disintegrin and metalloproteinase with a thrombospondin type 1 motif, member 13), tamén chamada "protease que cliva o factor de von Willebrand" (VWFCP), é un encima metaloprotease que contén zinc, que cliva o factor de von Willebrand (vWf), o cal é unha proteína de gran tamaño que intervén na coagulación do sangue. ADAMST13 é segregada no sangue e degrada os grandes multímeros de vWf, facendo diminuír a súa actividade.
Xenética O xene ADAMTS13 está situado no cromosoma 9 humano (9q34).
Descubrimento
Desde 1982 sábese que a púrpura trombocitopénica trombótica, un tipo de anemia hemolítica microanxiopática (véxase máis adiante), estaba caraterizada na súa forma familiar pola presenza no plasma de multímeros de factor de von Willebrand infrecuentemente grandes (ULVWF).
En 1994, descubriuse que o vWF era clivado entre unha tirosina na posición 1605 e unha metionina na 1606 por un encima metaloprotease do plasma cando era exposta a un alto nivel de tensión cortante de cizalla (creado polo fluxo sanguíneo rápido). En 1996, dous grupos de investigadores traballando independentemente caracterizaron mellor este encima. Nos dous anos seguintes, eses mesmos grupos demostraron que a deficiencia conxénita dunha protease que clivaba o factor de von Willebrand estaba asociada á formación de microtrombos plaquetarios nos vasos sanguíneos pequenos. Ademais, informaron que os anticorpos IgG dirixidos contra este emesmo encima causaban púrpura trombocitopénica trombótica na maioría dos casos non familiares (non hereditarios).
Proteómica Xenomicamente, a ADAMTS13 comparte moitas propiedades co membro 19 da familia ADAMTS, cuxos membros están todos caracterizados por ter un dominio de protease (a parte que realiza a hidrólise da proteína), un dominio de desintegrina adxacente e un ou máis dominios de trombospondina. A ADAMTS13, de feito, ten oito dominios de trombospondina. Non ten dominio hidrófobo transmembrana e, por tanto, non está ancorada á membrana plasmática.
Papel en enfermidades
A deficiencia de ADAMTS13 foi descuberta na síndrome de Upshaw Schulman, a forma familiar recorrente da púrpura trombocitopénica trombótica. Na época dese descubrimento xa se sospeitaba que a púrpura trombocitopénica trombótica aparecía tamén nunha forma autoinmune, debido á súa resposta á plasmaférese e a caracterización de IgG inhibitorios. Desde o descubrimento de ADAMTS13, os epítopos específicos na súa superficie foron a diana de anticorpos inhibitorios.
Os niveis baixos de ADAMTS13 están tamén asociados cun incremento do risco de padecer trombose arterial, incluíndo infarto de miocardio e enfermidades cerebrovasculares.
Finalmente, desde que se probou que a ligazón entre a estenose de válvula aórtica e a anxiodisplasia se debía a unha alta tensión cortante no fluxo sanguíneo (síndrome de Heyde), aceptouse que un aumento da exposición do factor de von Willebrand a ADAMTS13 debida a varias razóns predispoñería ás hemorraxias ao causar un aumento da degradación do factor de von Willebrand. Este fenómeno caracterízase por presentarse como unha forma da enfermidade de von Willebrand, a tipo 2a.
Notas
Bibliografía
Ligazóns externas A base de datos en liña MEROPS para peptidases e os seus inhibidores: M12.241
Secreted protein database
Categoría:Hidrolases