Rainier Fog é o sexto álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo Alice in Chains, publicado o 24 de agosto de 2018 a través do selo BMG, sendo o seu primeiro coa discográfica. O título está inspirado no monte Rainier, un volcán que domina a área metropolitana de Seattle-Tacoma, e a canción do título é un tributo á escena musical de Seattle. Trátase do terceiro disco do grupo con William DuVall como vocalista, compartindo tarefas de cantante con Jerry Cantrell. Foi parcialmente gravado no Studio X de Seattle (anteriormente Bad Animals Studios), o mesmo onde gravaron o seu álbum de 1995 Alice in Chains. Rainier Fog tamén é a terceira colaboración de Alice in Chains co produtor Nick Raskulinecz.
Os temas "The One You Know", "So Far Under" e "Never Fade" publicáronse como sinxelos para promover o álbum.
Rainier Fog estreouse no número 12 da lista Billboard 200. Tamén foi número 1 nas listas Top Rock Albums, Alternative Albums e Hard Rock Albums, tamén da Billboard. Converteuse no primeiro disco da banda en ser top 10 no Reino Unido, chegando ao número 9.
Antecedentes e gravación En agosto de 2015 o baixista Mike Inez dixo nunha entrevista que Alice in Chains estivera "tirando riffs para un novo disco". Preguntado sobre se a banda gravara algún material nunha entrevista coa emisora de radio de Detroit WRIF en xuño de 2016, o vocalista William DuVall dixo que aínda era cedo e que o grupo probablemente falaría sobre iso nos seguintes meses, despois de rematar a xira con Guns N' Roses.
En xaneiro de 2017 Mike Inez dixo nunha entrevista que a banda comezara a traballar nun novo álbum. Falando con Good Celebrity o 1 de maio de 2017, o guitarrista e vocalista Jerry Cantrell revelou que Alice in Chains regresaría ao Studio X (antes Bad Animals Studios) de Seattle para gravar un novo álbum no seguinte mes.
No mes de xuño de 2017 Mike Inez revelou que a banda aínda non asinara cunha discográfica, tendo rematado o seu anterior contacto por dous discos con Universal Music Group. Inez recordou que o grupo financiara o seu álbum de 2009 Black Gives Way to Blue, polo que non estaban demasiado preocupados por non ter aínda selo.
William DuVall revelou a través da súa conta de Instagram que a banda comezara a gravar o disco o 12 de xuño. As sesións foron dirixidas por Nick Raskulinecz, que xa producira os dous últimos traballos do grupo, Black Gives Way to Blue (2009) e The Devil Put Dinosaurs Here (2013).
Durante unha entrevista con Eddie Trunk no seu programa de radio Trunk Nation o 21 de agosto, Jerry Cantrell dixo sobre o álbum; "Estamos no proceso de reunir agunhas cancións e agardo que nun futuro proximo teñamos algo para vós". Cando foi preguntado sobre unha data de lanzamento respondeu; "Non sei. Veremos. Cando esteamos listos cho faremos saber, pero estamos no proceso de traballar co material". Durante unha aparición no programa de televisión Fantasy Live o 19 de setembro, Cantrell dixo que a banda estivera traballando todo o verán compoñendo música e agardaban que algo puidese aparecer no ano seguinte.
En decembro de 2017 o disco foi cualificado por Ultimate Guitar como o número 2 da súa lista dos 25 álbums máis agardados de 2018.
O 11 de xaneiro de 2018 o producer Nick Raskulinecz anunciou a través de Instagram que o traballo estaba case rematado e que só quedaba un día máis de gravación.
Durante unha entrevista con Guitar World publicada o 11 de abril, Jerry Cantrell dixo que o álbum gravouse en catro estudios. Despois de gravar no Studio X de Seattle, a banda foi a Nashville para gravar voces e guitarras principais no estudio caseiro de Nick Raskulinecz. Pero Cantrell tivo que tomarse un tempo de descanso non previsto ao poñerse enfermo nunha viaxe a Cabo San Lucas en México para celebrar o aniversario de Sammy Hagar. Cantrell comeu algo en mal estado e prescribíronlle antibióticos que o seu corpo rexeitou, polo que tivo que pasar seis semanas recuperándose nos Ánxeles. Cantrell fixo que o enxeñeiro do grupo, Paul Figueroa, fose á súa casa e gravase moitas das voces e solos alí. A banda rematou de gravar o disco nos Henson Recording Studios dos Ánxeles. Cantrell tamén dixo que esperaba que o álbum fose lanzado "probablemente nalgún momento deste verán". O álbum mesturouse en JHOC Studio, o estudio de Joe Barresi en Pasadena.
Cantrell dixo que usou "moito material estándar antigo", as súas guitarras G&L e Les Paul, e o seu amplificador signature Dave Friedman ‘Double J’. Tamén se usaron amplificadores máis limpos como AC30 e Fender. Un amplificador de cigar box que Nick Raskulinecz mercou no Pike Place Market de Seattle usouse en tres ou catro cancións cunha guitarra barítona.
Cando o grupo estaba gravando en Seattle, unha das irmás de Chris Cornell trouxo unha das súas guitarras acústicas ao Studio X e regaloulla a DuVall e Cantrell, e ámbolos dous tocárona no álbum. "Ese foi outro momento relixioso. Está aí na mestura, cada vez que escoitamos este disco sabemos onde está", dixo DuVall.
Na sala de prensa da cerimonia de inclusión do Salón da Fama do Rock o 14 de abril de 2018 Cantrell revelou que Alice in Chains asinara recentemente con BMG, e que remataran de mesturar o seu novo álbum.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de Alice in Chains Categoría:Álbums musicais de 2018 Categoría:Álbums producidos por Nick Raskulinecz Categoría:Álbums de BMG