A eparquía de Alepo dos Caldeos é unha diocese da Igrexa católica caldea inmediatamente suxeita ao Patriarcado de Babilonia. En 2015 tiña arredor de 10.000 bautizados. O seu bispo dende 1992 é Antuan Audu.
Territorio A eparquía ten xurisdición sobre todos os fieis da Igrexa católica caldea en Siria. A sé episcopal é a cidade de Alepo, onde está a catedral de San Xosé. O territorio está organizado en 10 parroquias.
Historia Unha comunidade caldea estaba xa presente a comezos do século XVI. En 1723 o patriarca caldeo Xosé III obtivo do goberno otomán un firmán que recoñecía a súa xurisdición sobre os fieis caldeos da cidade. O número de fieis, porén, foi sempre moi reducido, e a comezos do século XX a comunidade tan só chegaba ás 250 persoas. En 1901 o papa León XIII autorizou a creación dunha vigairía patriarcal, directamente dependente do patriarca.
A eparquía actual foi erixida coa supresión da eparquía da Alta Mesopotamia o 3 de xullo de 1957 coa bula Quasi pastor de Pío XII, atendendo á petición feita polo Sínodo da Igrexa caldea; na mesma bula facíaa sufragánea do patriarcado de Babilonia, igualaba os seus límites aos de Siria, estabelecía a sé en Alepo, e designaba a Paolo Pappalardo para ocuparse do estabelecemento da nova xurisdición.
Episcopoloxio Bispos de Alepo dos Caldeos Bulus Xaikhu (28 de xuño de 1957 - 13 de marzo de 1959, confirmado como patriarca de Babilonia). Istifan Bilu, O.A.O.C. (23 de outubro de 1959 - 26 de novembro de 1989, finado). Antuan Audu, S.I. (18 de xaneiro de 1992 - actualidade)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Catholic-Hierarchy.org Perfil en GCatholic.org
Categoría:Divisións territoriais católicas en Siria Categoría:Divisións territoriais da Igrexa católica caldea Categoría:Eparquías católicas Categoría:Alepo