dereita|miniatura|Alicia Fernández coa selección española. Alicia Fernández Fraga, nada o 21 de decembro de 1992 en Valdoviño, é unha xogadora de balonmán galega, que xoga no CS Rapid București de Romanía e na selección española.

Traxectoria Comezou a xogar ao balonmán aos 8 anos no CB Narón, e aos 15 marchou a Sagunto, onde ingresou no BM Sagunto. Con 17 anos debutou na División de Honra e en 2012 regresou a Galicia, fichando polo BM Porriño, onde militou dous anos.

Despois de pasar polo Aula Cultural de Valladolid, recalou en 2015 no Bera Bera. Xogou dúas tempadas no equipo donostiarra, gañando unha liga, unha Copa da Raíña e unha Supercopa.

En 2017 deu un xiro á súa carreira, marchando a Romanía, onde fichou polo Râmnicu Vâlcea da cidade homónima. Con este club xogou catro tempadas, gañando unha liga romanesa e sendo elixida en 2019 mellor estranxeira da liga. En abril de 2021 fichou polo CS Rapid București da capital romanesa. Con este club conquistou a liga romanesa na tempada 2021/22 e obtivo dous subcampionatos nas seguintes dúas campañas, xogando ademais de xeito habitual na Liga de Campións.

Selección española Foi internacional coa selección española dende as categorías inferiores e o 30 de maio de 2018 debutou coa selección absoluta, nun encontro fronte a Turquía. Só unhas semanas despois conseguiu a medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos, despois de derrotar a Montenegro nunha final na que foi a máxima goleadora do equipo, con 8 tantos. A finais de ano disputou o Campionato de Europa en Francia, e ao ano seguinte o Campionato Mundial no Xapón, onde conseguiu a medalla de prata despois de perder na final contra os Países Baixos.

En 2021 disputou os Xogos Olímpicos de Toquio, onde o equipo español non puido pasar da fase de grupos, despois de obter dúas vitorias e tres derrotas. Tamén en 2021 disputou o seu segundo Campionato do Mundo, rematando na cuarta posición.

En 2022 disputou o Campionato de Europa que se celebrou entre Eslovenia, Macedonia do Norte e Montenegro, pero nun partido da primeira fase ante Alemaña, sufriu a rotura do menisco interno do xeonllo esquerdo, o que a afastou do terreo de xogo no que restaba do torneo e durante os seguintes meses. En 2023 participou sen éxito no Campionato do Mundo en Escandinavia.

En París 2024 participou nos seus segundos Xogos Olímpicos, aínda que o equipo español foi a gran decepción do torneo, ao non conseguir sumar nin un só punto. Sumou unha nova decepción no seu cuarto Campionato do Mundo, en 2025, onde a selección española quedou eliminada tras unha derrota ante Alemaña.

Palmarés Bera Bera División de Honra (1): 2015/16. Copa da Raíña (1): 2015/16. Supercopa de España (1): 2015/16.

SCM Râmnicu Vâlcea Liga Națională (1): 2018/19. Supercopa de Romanía (1): 2017/18.

Rapid București Liga Națională (1): 2021/22.

Selección española Xogos Mediterráneos (1): 2018.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020 Galegos nos Xogos Olímpicos de 2024

Ligazóns externas Perfil de Alicia Fernández Fraga na páxina do SCM Râmnicu Vâlcea . Datos de Alicia Fernández no sitio web oficial do Comité Olímpico Español . Datos de Alicia Fernández no sitio web oficial da Federación Europea de Balonmán .

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Valdoviño Categoría:Xogadores de balonmán de Galicia Categoría:Xogadores de balonmán olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de balonmán olímpicos de España Categoría:Xogadores de balonmán nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Xogadores de balonmán nos Xogos Olímpicos de 2024