Sexismundo III Vasa, nado en Mariefred (Suecia) o 20 de xuño de 1566 e finado en Varsovia (Polonia) o 30 de abril de 1632, foi rei de Polonia de 1587 até 1632, co nome de Sexismundo III e rei de Suecia de 1592 a 1599, co nome de Sexismundo I. Era fillo do rei Xoán III e de Catarina Jagiellon.

Sexismundo alcanzou a autoridade real de dous reinos: Polonia e Suecia. Foi un fervente católico e un monarca de visión expansionista. O seu goberno levouno a cabo principalmente en Polonia, dende onde tentou gobernar Suecia. A súa impopularidade ocasionou que fose derrocado en Suecia e que ocorresen levantamentos en Polonia, así como o fracaso da súa expansión no tsarato ruso. No entanto, a República das Dúas Nacións comezou con el un período de fortaleza e influencia política.

Herdeiro de Suecia e candidato a rei de Polonia-Lituania Sexismundo naceu o 20 de xuño de 1566 no castelo de Gripsholm, en Mariefred, Suecia, onde os seus pais atopábanse prisioneiros por ordes do rei Erico XIV. O seu pai era o duque Xoán de Finlandia (posteriormente Xoán III de Suecia), fillo de Gustavo Vasa, e a súa nai a princesa polaca Catarina Jagiellon, filla á súa vez do rei polaco Sexismundo I e Bona Sforza. Cando o seu pai se converteu en rei, Sexismundo á súa vez foi elevado a herdeiro á coroa sueca. Por outra banda, tamén foi nomeado herdeiro da coroa de Lituania, pero en 1569 creouse a Unión de Lublin e Polonia e Lituania formaron unha confederación, que a partir de entón tivo unha monarquía única de tipo electiva.

Para que Sexismundo puidese gañar adeptos no electorado polaco, Xoán III deulle unha educación no catolicismo, que era a relixión das realezas polaca e lituana, aínda que os seus primeiros profesores foron protestantes. Precisamente por estes plans do seu pai, rexeitouse a posibilidade de que Sexismundo casase con Cristina de Holstein-Gottorp, de convicción protestante. A esmerada educación do intelixente Sexismundo quedou en mans das xesuítas, que fixeron del un ardente católico. Adquiriu deles gran cultura e aprendeu varios idiomas: falaba sueco, polaco, alemán, italiano e latín. Era ademais bo músico, pintor, ourive e alquimista.

Cando faleceu o rei Estevo I de Polonia (o conde húngaro Estevo Báthory), monarca da Confederación Polaco-Lituana, a candidatura de Sexismundo enfrontouse coa do arquiduque Maximiliano III de Austria. Sexismundo contou co apoio do chanceler Xoán Zamoyski e da viúva de Batory, a súa tía Ana Jagiellon de Polonia. Os delegados polaco-lituanos esixiron a Suecia que cedese Livonia oriental (aproximadamente a actual Estonia) á Confederación Polaco-Lituana para aceptar a Sexismundo, pero acabaron por facelo mesmo cando este se negou a entregar o territorio. Sexismundo triunfou nas eleccións o 19 de agosto de 1587, pero un sector apoiou a Maximiliano, e librouse unha guerra civil de curta duración que finalizou en xaneiro de 1588, coa derrota e encarceramento do arquiduque.

Rei da Confederación Polaco-Lituana Sexismundo partiu de Suecia rumbo a Polonia, a ocupar o cargo que gañara, en setembro de 1587. A súa coroación levouse a cabo en Cracovia en decembro dese mesmo ano e Sexismundo non puido resolver a cuestión da cesión de Estonia por parte de Suecia, o que decepcionou os nobres polacos, incluído Zamoyski. Sexismundo decidiu aprazar a cuestión ata que tomase posesión da coroa sueca. Pouco despois de chegar a Polonia, Sexismundo reuniuse co seu pai en Revel; este, medorento de que o seu fillo insistise en obter Estonia e permitise que Carlos (irmán de Xoán e duque de Soderman) lle arrebatase o cetro sueco, tratou de persuadilo para que renunciase á coroa polaco-lituana a cambio dun substancioso donativo, desposase unha princesa Habsburgo e se retirase a un ducado italiano. Sexismundo rexeitou a proposta, pero a oferta desagradou a parte da nobreza, que lembraba a marcha de Henrique de Valois.

Relación coa nobreza e o Parlamento O longo reinado de Sexismundo empezou con mal pé, pois o seu temperamento desgustou á fracción da nobreza que o elixiu e axiña se puxo a mal con Zamoyski, cuxa actitude paternalista o desgustaba. Os intentos do chanceler de reformar as eleccións de soberano para axilizalas e evitar as eleccións dobres que podían acabar en choques militares fracasaron pola falta de apoio. Aínda que non pretendeu disolver o Parlamento e gobernar de maneira absolutista, parte da nobreza sospeitaba que así era, e os intentos do rei de reformar o sistema político foron rexeitados polas dietas. Sexismundo, tras dúas décadas de reinado, tratou en van de que o Parlamento permitise crear un exército permanente sufragado con impostos adecuados, apresurar os procedementos das Cámaras e celebrar a elección do herdeiro ao trono sen esperar á morte do rei. As dietas, que temían o reforzamento do poder real e perder autonomía, tenderon cada vez máis a entorpecer a acción gobernamental. Segundo avanzou o reinado, os choques co Parlamento creceron; Sexismundo tratou de aprobar medidas por maioría, de subornar os adversarios e mesmo de amañar as medidas aprobadas grazas ao control que tiña da comisión de edictos. Aínda que era o desexo de fortalecer política e militarmente o país o que motivaba as súas accións, estas desgustaron a parte da nobreza e contribuíron a frustrar toda reforma do sistema político.

A principal fracción opositora volveuse cada vez máis irada trala morte de Zamoyski en xuño de 1605, cando pasou a encabezala Mikołaj Zebrzydowski. Este chegou a acusar o rei na sesión parlamentaria de marzo de 1606 de desexar abolir a Constitución polaco-lituana e en 1607 alzouse contra o rei. As tropas reais esmagaron os rebeldes na batalla de Guzów o 7 de xullo pero, falto de apoios, o rei tivo que contentarse co sometemento dos rebeldes, que dominaron a Cámara Baixa até o final do reinado. A corrente política que avogaba por un maior control político da nobreza foi gañando adeptos. En 1631, o ano antes da súa morte, tratou infrutuosamente de que se aprobase o antigo plan de Zamoyski de que a elección do soberano se fixese por maioría. Para obter o permiso para que os seus fillos herdasen as súas terras, tivo que confirmar a prohibición de que a elección do seguinte rei se fixese en vida do monarca.

A pesar dos continuos choques entre o rei e a nobreza, o Parlamento funcionou mellor durante o reinado de Sexismundo que en ningún outro da historia da Unión polaco-lituana. A clave diso foi a hábil actividade do Senado, que foi gañando poder e serviu como eficaz intermediario entre o monarca e a Cámara Baixa.

Relixión e Contrarreforma Mediante a mediación da curia pontificia, tentáronse mellorar as relacións con Austria. Sexismundo casou en Cracovia con Ana de Habsburgo, filla do arquiduque Carlos II de Estiria, o mes de maio de 1592. A partir de entón, as relacións cos Habsburgo foron cada vez máis estreitas, o que xerou descontento entre a nobreza polaca inimiga dos austríacos. Sexismundo levou unha política represiva contra os seus adversarios políticos.

O seu intenso catolicismo provocou a rápida reconciliación coa xerarquía católica, que se opuxo á súa elección. Aínda que respectou o xuramento de tolerancia relixiosa que fixera ao asumir a coroa, mostrou unha clara preferencia pola nobreza católica tanto no nomeamento de cargos como na concesión de grazas. Cando Sexismundo chegou ao trono, no Senado había trinta e oito protestantes, mentres que á súa morte, debido á preferencia real por nomear católicos para os postos que dependían do monarca, só quedaban dous.

Permitiu ademais as persecucións que os católicos levaron a cabo dos protestantes en diversos puntos do reino e prohibiu en ocasións a celebración de reunións do clero protestante. Durante o seu reinado tamén empeorou a sorte dos xudeus e dos tártaros musulmáns.

Sexismundo foi un férreo promotor da contrarreforma que permitiu a rápida expansión da rede educativa xesuíta polo país, de gran calidade e prestixio. Os colexios xesuítas, aos que en ocasións asistían protestantes e ortodoxos, pasaron de vinte e cinco en 1608 a corenta e dous en 1634.

Durante o seu reinado aconteceu tamén a Unión de Brest, entre a Igrexa católica e unha parte da ortodoxa, entón en crise. Aínda que a unión mellorou a curto prazo a situación da xerarquía ortodoxa e reforzou o poder do catolicismo, a longo prazo acentuou o enfrontamento entre católicos e ortodoxos. Ante o amplo rexeitamento que suscitou a unión por parte dos ortodoxos, Sexismundo mantivo unha actitude moderada para suavizar a oposición ortodoxa á medida e evitar problemas políticos. dereita|miniatura|290x290px|Sexismundo III de Polonia de a cabalo

Rei de Suecia En 1592, faleceu o seu pai, o rei Xoán III de Suecia, e Sexismundo recibiu permiso do parlamento polaco para partir rumbo a Suecia, coa condición de regresar en certo prazo establecido e de ceder Estonia a Polonia. Sexismundo desembarcou en Estocolmo o 30 de setembro de 1593 en compañía da súa esposa e de varios xesuítas, así como do nuncio da Santa Sé Germanico Malaspina. A súa chegada espertou inquietude entre a nobreza sueca, encabezada polo seu tío o duque Carlos, debido ao fervor católico do herdeiro. Sexismundo, pola súa banda, prometeu a liberdade de culto en Suecia. Foi coroado o 19 de febreiro de 1594 na catedral de Uppsala. Para obter a coroa, tivera que recoñecer o luteranismo como relixión de Estado e conceder o goberno do país a un consello de rexencia presidido polo seu tío durante os períodos nos que el se atopase ausente.

Sexismundo contara con poder ceder Livonia oriental a Polonia-Lituania e compensar a Suecia con territorios arrebatados aos rusos. O tratado de Teusina, asinado en 1595 polo consello de rexencia sueco para conservar as conquistas que o país realizara ata ese momento, frustrou os plans de Sexismundo.

En xullo de 1594, coaccionado polo parlamento polaco, regresou a Polonia. Tentou gobernar Suecia dende ese país, deixando o goberno sueco en mans dun goberno interino que rexese no seu nome. O goberno foi deixado de maneira nominal en mans do consello e do seu tío o duque Carlos, mais Sexismundo deixou lugartenentes que favoreceron os seus intereses e os da Igrexa católica, o que provocou irritación entre os suecos.

Conflito co duque Carlos e derrocamento en Suecia En Suecia, o apoio que Sexismundo concedera á contrarreforma, fixo que se temese o regreso do reino á autoridade da Igrexa católica. Apoiado neste argumento, o duque Carlos levantouse contra o goberno de Sexismundo e logrou en pouco tempo controlar a maior parte do país. Sexismundo, pola súa banda, planeou unha expedición armada a Suecia, e recrutou mercenarios polacos e buques prusianos. O Parlamento polaco outorgoulle o permiso para viaxar novamente a Suecia, pero formalmente Polonia mantívose neutral no conflito. Sexismundo tentou gañar o apoio das cidades e príncipes do norte de Alemaña para realizar un bloqueo económico a Suecia, mais unicamente obtivo o da dinastía Hohenzollern, que gobernaba o ducado de Prusia.

Sexismundo ocupou o porto de Kalmar, e dende aí enviou emisarios para negociar con Carlos. As negociacións non levaron a ningún acordo. O 8 de setembro de 1598 Sexismundo inflixiu unha derrota a Carlos na batalla de Stegeborg. Con todo, pouco despois, Carlos triunfou de forma decisiva trala batalla de Stångebro o 25 de setembro do mesmo ano. Sexismundo foi apresado na lide e, para recobrar a liberdade, entregou a Carlos aos seus principais partidarios que, tras ser xulgados polo Parlamento, foron axustizados en 1600. En Estocolmo, Sexismundo foi formalmente deposto do goberno sueco o 24 de xullo de 1599.

A sesión do Parlamento de 1600 que condenou os seguidores de Sexismundo derrocou a este, mais permitiu que o seu fillo Ladislau obtivese o cetro real a cambio de trasladarse de inmediato a Suecia e converterse ao protestantismo. Cando Ladislau rexeitou as condicións que se lle impuñan, Carlos asumiu a coroa como Carlos IX.