A apostasía ten diversas acepcións, podendo facer referencia, segundo a Igrexa, á negación da fe de Xesús Cristo recibida no bautismo, ao abandono de xeito irregular a orde ou instituto ao que pertence, ou, no caso de estar referida a un crego, prescindir este habitualmente da condición de seu por incumprimento das obrigas propias do seu estado.
Características En todas estas acepcións o sentido vén sendo o mesmo: abandonar ou negar unha doutrina orixinalmente aceptada pero dende un rexeitamento completo da mesma (fronte ao rexeitamento parcial ou deturpado da herexía). Máis especialmente o termo alude á renuncia formal, por parte de alguén, a pertencer á comunidade de fieis dunha relixión instituída determinada e nese sentido é tradicionalmente un termo marcadamente pexorativo, pois era aplicado polos crentes a aqueles que abxuraban da crenza común.
A etimoloxía da verba ten a súa orixe en dous termos gregos clásicos: απο (apo), "fóra de" e στασις (stasis), "colocarse"; o termo completo: αποστασις (apostasis) ten tamén o significado de rebelión ou deserción militar. Na actualidade o sentido de todos eles mantense case que invariábel. Haberá que analizar como varía o seu significado dependendo dos contextos ideolóxicos nos que se insira.
Dende o punto de vista relixioso, a apostasía é un vicio, a corrupción da virtude da piedade, no sentido de que supón á negación explícita e consciente de cumprir cos deberes relixiosos formalmente establecidos polo dogma e polo mesmo trátase dun pecado. Como consecuencia desta concepción a apostasía é tamén considerada coma un delito eclesiástico e como tal atópase suxeito a penalizacións de diversa índole: excomuñón, ostracismo, pena de morte etc. Estas penas acostuman estar reguladas a través dos código legais correspondentes a cada relixión, como é o caso do dereito canónico católico onde o canon 1364 é explícito ao respecto.
Dende a perspectiva do ateismo e do agnosticismo tradicional, a apostasía non é máis que o final dun longo proceso secular de perda da fe nos resultados do pensamento mítico por parte da conciencia humana e un recoñecemento implícito da independencia liberadora dos valores da racionalidade fronte ao adoutrinamento dogmático relixioso.
Nos últimos tempos o movemento laicista, librepensadores de diferentes correntes e moitos científicos empregan a apostasía como estratexia política activa para defender e garantir a liberdade de conciencia e acción fronte aos poderes eclesiásticos, sendo que os papeis tradicionais aparecen invertidos, pois son os propios apóstatas os que esixen a exclusión formal como membros recoñecidos da igrexa fronte ás fortes reticencias desta última por ter que recoñecer a perda masiva de miles de ata agora supostos fieis.
Apóstatas célebres Do cristianismo Bertrand Russell Friedrich Nietzsche Xudas Iscariote Xuliano o Apóstata, emperador romano.
Do islam Ayaan Hirsi Ali, crítica do islam. Salman Rushdie, acusado de apóstata e sentenciado a morte polo imán iraniano Homeini a causa da publicación do seu libro: Os versos Satánicos.
Do xudaísmo Baruch de Spinoza, excomungado pola comunidade xudía a causa do seu pensamento filosófico e político. Do hinduísmo Ambedkar Periyar Ramasami
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Arrenego Rede Apostática Galega. Prensa. Modelo de carta para apostatar (exclusión da igrexa católica). Conferencia Episcopal Española, institución dos bispos españois. Institucións do dereito canónico (Libro III de penas e delitos eclesiásticos) Agora Apostata, punto de encuentro, discusión y debate sobre laicidad y apostasía.
Categoría:Teoloxía