O Dorcatragus megalotis é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos.Dorcatragus megalotis en MSW.Dorcatragus Noack, 1894 no ITIS.

É unha especie monotípica, isto é, a única do seu xénero. Non se recoñecen subespecies.

Taxonomía Descrición Xénero O xénero foi descrito en 1894 polo zoólogo alemán Theophil Noack, nun traballo publicado en Zoologischer Anzeiger, 17: 202.Dorcatragus en MSW.

Especie A especie describíraa o mesmo ano, un pouco antes, o naturalista tamén alemán Joseph Menges, baixo o nome de Oreotragus megalotis, nun traballo publicado na mesma revista, Zoologischer Anzeiger, 17: 130.

Etimoloxía Xénero Dorcatragus é un termo do latín científico formado pola unión dos elementos dorca- e -tragus, tirados de substantivos do grego antigo. O primeiro é unha adaptación de δορκάσ dorkás, 'gacela',dorcas gazelle no Merriam-Webster Dictionary. e o segundo de τράγος trágos, "bode", "cabrón".tragus no Merriam-Webster Dictionary. Literlamente, 'gacela-bode'.

Especie O epíteto específico, megalotis, está formado así mesmo pola unión de dous elementos derivados do grego antigo, megal-, calco de μεγαλ-, derivado de μέγας, μεγάλη, μέγα mégas, megálē, méga, 'grande', megal- no Merriam-Webster Dictionary. e -otis, de οὗς ὠτός oús, ōtós, 'orella'.Etimología de los nombres científicos en etimologia.htm Literalmente, 'de orellas grandes'.

Nome vulgar En practicamente todas as linguas modernas adoptouse o nome beira, derivado do seu nome en somalí,beira, 1ª acep. no English Oxford Living Dictionaries. beyrac.Beira antelope en Djibouti Nature. Consultada o 21 de outubro de 2018.

Características Aparencia xeral Os beiras son antílopes de pequeno tamaño, aínda que máis grandes que os dicdics, de corpo delicado e compacto, con silueta gacelina, con patas longas, sen cristas no curuto da cabeza, lombo arredondado e ancas máis altas que a cruz, e coas orellas enormes, a diferenza dos outros membros da tribo. A pelaxe é mesta e áspera, de coloración xeral parda amarelada agrisada en cabeza, pescozo e lombo, cunha banda máis escura nos flancos, separando as partes inferiores, máis claras, coas axilas e as inguas brancas. A cola é curta e moi poboada de pelo. Os pezuños son moi curtos, e presentan unha almofada ancha e grosa, elástica, na súa parte interna (que lles facilita camiñar polas rochas onde habitan). Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos e rematados en punta e se presentan claramente separados. Presentan glándulas preorbitais e nos pezuños, e carecen de glándulas inguinais. As femias son similares aos machos, pero sen cornos e lixeiramente máis grandes e pesadas ca eles.

Dimensións Lonxitude de cabeza e tronco entre os 80 e os 86 cm; cola, de 6 a 7,5 cm; alzada (altura na cruz), de 50 a 60 cm. Lonxitude dos cornos, de 9 a 13 cm.Peso, entre os 9 e os 11,5 kg.

Bioloxía Hábitat e distribución Hábitat Os beiras habitan frecuentan en ladeiras rochosas ou pedregosas, en lugares onde a vexetación dominante é unha estepa arborada, con acacias e matogueiras.Giotto, N., Laurent, A. and Künzel, T. (2013): "Dorcatragus megalotis". En: J. S. Kingdon et al. (eds.): The Mammals of Africa. Amsterdam: Academic Press. ISBN 978-1-4081-2257-0. En Somalilandia, en moitos sitios encóntranse en outeiros planos con ladeiras pedregosas empinadas.Mallon, D. P. and Jama, A. A. (2015): Current staus of antelopes in Somaliland . IUCN/SSC Antelope Specialist Group and Nature Somaliland.

Distribución É unha especie endémica das áridas terras do nordeste de África; encóntrase no extremo sur de Djibuti, estendéndose cara ao sur, polo norte de Somalia e o extremo nordeste de Etiopía. A parte principal da súa área de distribución encóntrase no norte de Somalia (Somalilandia), desde a fronteira con Djibouti, ao leste cara a Puntlandia. A súa presenza en Djibuti confirmouse en 1993.

Costumes Os beiras son máis activos no serán e na noite, descansando nas horas centrais do día. Son extremadamente cautelosos e alármanse diante da menor perturbación, grazas a súa excelente audición, fuxindo a gran velocidade a través das rochas ou dos pedregais, saltando con axilidade de rocha en rocha nun terreo moi inclinado. Están adaptados ao clima árido e non necesitan auga, que a obteñen das plantas das que se alimentan. Son predominantemente comedores de ramallos e follas, pero tamén pacen cando encontran herba. Viven solitarios, ou en parellas, ou en pequenos grupos familiares (sempre cun só macho), pero se documentaron grupos máis grandes, probabelmente resultado da reunión de varios grupos familiares.

Reprodución A xestación dura seis meses, e só se rexistraron partos en abril, no apoxeo da temporada de chuvias. Nos partos nace unha soa cría.

Depredadores As hienas, os caracais e os chacais son os principais depredadores do beira pero, se na zona onde se encontran hai leóns e leopardos, tamén os cazan.

Status Os beiras soportan un baixo nivel de caza por parte do home, porque o seu pequeno tamaño, a súa extremada cautela e o seu case inaccesíbel hábitat rochoso permítelles soportar a presión cazadora. Pero o sobrepastoreo, a seca e a corta de matogueiras de acacia para a produción de carbón vexetal son as súas maiores ameazas. Por iso a Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualifica o seu status de VU (vulnerábel). En Djibuti é un animal raro, pero pénsase que non está en perigo, e o seu status en Etiopía é actualmente descoñecido, xa que o último rexistro data de 1972.IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Dorcatragus megalotis na Lista vermella da UICN. Versión 2018-1. Consultada o 21 de outubro de 2018.

O único grupo de cría en catividade do beira está na Al Wabra Wildlife Preservation, no concello de Al Shahaniya, Qatar, onde se reproduce con éxito e o número de espécimes alcanzou un máximo de 58 en 2005.Beira Antelope en Al Wabra Wildlife Preservation. Consultada o 21 de outubro de 2018.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A. Groves, C. & Grubb, P. (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8. Groves, C. P. et al. (2011): "Family Bovidae (Hollow-horned rumiants)". In: Wilson, D. E. & Mittermeier, R. A. eds (2011): Handbook of the Mammals of the World. Volume II. Hoofed Mammals. Barcelona: Lynx edicions. ISBN 978-84-96553-77-4. Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2. VV.AA. (1986): Natura. Enciclopedia de los animales. Tomo II. Los primates. Los ungulados. Barcelona: Ediciones Orbis, S.A. ISBN 84-7634-752-9. Wilson, D. E., & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.

Outros artigos Bóvidos Antílopes Antilopinos

Ligazóns externas Xénero Dorcatragus beira na ADW. Dorcatragus no NCBI. Especie Dorcatragus megalotis na ADW. Dorcatragus megalotis Beira na EOL. Dorcatragus megalotis no NCBI.

Categoría:Antílopes