miniatura|En 1748, o doutor e filósofo francés La Mettrie publicou a primeira definición de materialismo da alma humana en L'Homme Machine. O materialismo é unha doutrina metafísica consistente en afirmar que só existe a materia ou que esta é a realidade básica da que depende todo o que existe. Isto significa que, fundamental e substancialmente, todas as cousas teñen unha natureza "material"; é dicir, o fundamento e a substancia da realidade son materiais. Por materia enténdese calquera substancia que ocupa un espazo e que pode verse e tocarse. En consecuencia, o materialismo nega a existencia de substancias absolutamente independentes da materia, como poden ser as almas, espíritos, deuses etc. Por este motivo o materialismo asóciase xeralmente con actitudes ateas e antirrelixiosas.
Aínda que as metafísicas materialistas existen dende os inicios da filosofía occidental, a época materialista máis relevante acontece nos séculos XVIII, co empirismo inglés e os enciclopedistas franceses e, sobre todo, no século XIX en Alemaña co materialismo mecanicista (Karl Vogt e Ludwig Büchner) e o materialismo dialéctico (Friedrich Engels e Karl Marx). No século XX o materialismo vese reflectido tamén no programa fisicalista da corrente filosófica denominada Neopositivismo.
O materialismo mecanicista apóiase fundamentalmente nos avances experimentados polas ciencias da natureza durante o século XIX e sostén que os procesos psíquicos e mentais, aparentemente de natureza incorpórea, non son outra cousa que procesos químicos e fisiolóxicos explicables de maneira soamente mecánica a medida que as ciencias vaian progresando. Nun sentido parecido hai que entender tamén o fisicalismo neopositivista. Estas orientacións, polo tanto, caracterízanse por un reducionismo do psíquico ó neuro-fisiolóxico.
O materialismo dialéctico, en cambio, admite que os procesos psíquicos son de natureza irredutible a meros procesos físicos, se ben estes últimos son a base material da que emerxen os primeiros. Sen cerebro, polo tanto, non poderían existir os procesos mentais. Estes, por outra parte, consideran que a materia está sometida a procesos evolutivos dominados polas leis da dialéctica.
Hai tamén un uso popular do termo, alleo ó seu significado filosófico, e segundo o cal fálase, por exemplo, de "época materialista". Neste uso a palabra ten un significado moral e designa unha actitude vital desprovista de valores e interesada unicamente no aprecio do benestar material (ter cousas) xunto coas accións que contribúen a logralo.
Introdución Unha das grandes dificultades para achegarse ao materialismo reside en saír da multiplicidade das súas direccións historicamente identificadas ou nas cualificacións que, especialmente na época moderna, os diversos teóricos do mesmo deron como a súa "forma" específica. Abonda con lembrar algunhas delas (cosmolóxicas, metafísicas, epistemolóxicas, metodolóxicas, mecanicistas, vitalistas, históricas, dialécticas, culturais, psicofísicas, etc.) para darnos conta do necesario que é comprender ben cales son as verdadeiras direccións teóricas e cales non.
Unha distinción esencial a facer respecto dos materialismos tamén pode ser distinguir os materialismos sobre unha base ontolóxica dos que teñen unha base ética ou sociolóxica. Desde este punto de vista, os materialismos de Meslier, La Mettrie, d'Holbach e Diderot están fundados ontoloxicamente, non os de Marx e Engels, ou os de Nietzsche, onde a tese materialista básica é só un apoio teórico para unha refundación das relacións políticas ou sociais.
A oposición entre o enfoque materialista e o enfoque idealista é unha das polémicas filosóficas máis antigas e persistentes. No século XVII o termo «materialismo» adoitaba usarse principalmente no senso de representacións físicas sobre a materia. Nese sentido as ciencias naturais modernas teñen un enfoque completamente materialista.
Dende comezos do século XIX, por influencia do materialismo histórico, o termo pasa a empregarse tamén en contexto das ciencias sociais. Nese sentido o materialismo refírese a varios marcos teóricos que buscan as causas dos procesos históricos e a mudanza cultural en causas materiais. Para este materialismo de tipo histórico as causas últimas dos fenómenos sociais están determinadas por factores materiais e rexeita explicitamente as explicacións nas que interveñen factores sobrenaturais, tomando como un feito a irrelevancia científica de Deus, de espíritos e dunha suposta intelixencia do mundo no devir histórico. De acordo co materialismo, as causas últimas deben buscarse en factores medibles ou aprehendibles empiricamente."As premisas das que partimos (...) [s]on os individuos reais, a súa acción e as súas condicións materiais de vida, tanto aquelas con que se atoparon xa feitas, como as xeradas pola súa propia acción. Estas premisas poden comprobarse, conseguintemente, pola vía puramente empírica." Karl Marx e Friedrich Engels, A ideoloxía alemá. http://www.marxists.org/espanol/m-e/1840s/feuerbach/1.htm
Aínda que historicamente o materialismo histórico popularizouse no seo do marxismo, onde segue sendo un tema principal, atópanse antecedentes anteriores a Marx. No presente forma parte da antropoloxía, teoría da historia ou socioloxía, facendo que o materialismo histórico acolla toda unha serie de elaboracións teóricas non necesariamente marxistas. Fóra do eido do marxismo, o materialismo de tipo histórico é a hipótese de que os trazos definitorios das sociedades humanas e a evolución histórica das mesmas estivo determinada por factores materiais (tecnoloxía dispoñible, sistema de produción, características xeográficas e climáticas). Por mor do intento de estabelecer as ideas do materialismo histórico de xeito independente á versión marxista do mesmo, acuñáronse termos novos como: materialismo cultural, funcionalismo ecolóxico, determinismo xeográfico, determinismo económico, e outros, que poden ser considerados como concepcións materiais da historia. Diversos autores académicos como Jared Diamond ou Marvin Harris trataron en detalle a evolución histórica de extensas áreas xeográficas, e tentando explicar trazos definitorios da sociedade a partir de factores materiais, sinalando que este tipo de factores son os preponderantes cando se tenta entender a evolución das sociedades e as civilizacións.
Historia
Doutrinas materialistas do Antigo Oriente Os primeiros vestixios que se teñen da doutrina materialista remóntanse a fins do terceiro e principios do segundo milenio a.n.e. nas culturas exipcia e babilónica, onde se formaron as primeiras concepcións materialistas espontáneas. Tamén se atopa, un pouco máis tarde pero con maior integridade, na filosofía da India e a China Antiga.
En monumentos da cultura exipcia antiga menciónase por exemplo «a auga fría creadora de todos os seres e da que proceden todas as cousas, así como o aire que enche o espazo e áchase en todas partes», o cal mostra que xa nese entón expúñase en forma embrionaria a cuestión da orixe material dos fenómenos naturais. Ou poida que interpretasen estes elementos desde un punto de vista netamente simbólico.
Na cultura babilónica, por exemplo, atopámonos co astrónomo Seleuco (século II a.C.) quen xa nese entón formulou conxecturas acerca da estrutura heliocéntrica do mundo.
Na India Antiga aparece a mediados do I milenio a. C. na doutrina Lokaiata (ou escola dos chārvākas) que sostiñan que o mundo era material, composto de catro elementos primixenios: a terra, a auga, o lume e o aire. Destes elementos formábanse tamén os seres vivos, incluído o ser humano, os cales logo de morrer descompoñíanse novamente nestes elementos. Os chārvākas ademais, someteron a crítica as doutrinas relixiosas imperantes nesa época sobre a existencia de Deus, a alma e o mundo do máis aló, demostrando que ao morrer o corpo, desaparecía a conciencia, polo que consideraban absurda a doutrina da transmigración das almas.
O materialismo dos chárvakas achábase intimamente relacionado co seu ateísmo. Posteriormente na corrente Sāṃkhya (preto do ano 600 a. C.) sostíñase que o carácter material do mundo desenvolvíase a partir dunha substancia primixenia (prakriti); pero o logro máis importante desta corrente foi o postulado de que o movemento, o espazo e o tempo son propiedades inseparables da materia.
A medida que se desenvolvía a filosofía hindú antiga, a concepción da materia composta polos catro elementos (lume, aire, auga e terra) foi substituída por representacións máis desenvolvidas baseadas na estrutura atomista do mundo. Nas escolas filosóficas Nyāxa e Vaiśeṣika xorden as ideas de que o mundo se compón de pequenas partículas de diversa calidade que se achan no éter, no espazo e no tempo. Estas partículas serían eternas, increables e indestrutibles, á vez que os obxectos compostos delas serían mutables, inestables e transitorios. Estas ideas materialistas exerceron un forte influxo sobre escolas e doutrinas relixiosas da época, por exemplo na escola relixiosa Mīmāṃsā, a cal recoñecía a realidade do mundo, cuxo ser non depende de ningún creador, existe eternamente e componse de partículas rexidas pola lei autónoma do karma.
Na China Antiga atopamos a doutrina materialista na teoría do coñecemento de Mozi (479-381 a. C.) en oposición a Confucio. Achegas importantes tamén as deu o taoísmo, cuxo creador Lao-Tsé (séculos VI a. C. a IV a. C.) sostiña que o mundo, que é eterno, áchase en movemento e mutación continuos. O movemento, segundo os taoístas, é rexido polo Tao (lei natural), que aínda que é un concepto abstracto e metafísico, é ao mesmo tempo anti-espiritista xa que o Tao considera o inmaterial pero natural, e non de orixe divina ou sobrenatural, polo que a cosmovisión taoísta resulta nunha dialéctica materialista-metafísica, dualmente naturalista e non espiritista.
As ideas materialistas inxenuas cobraron sucesivo desenvolvemento na doutrina de Xun Zi (313-238 a. C.) unha das relevantes figuras do confucianismo, quen a diferenza doutros confucianos consideraba que o ceo non posúe conciencia e é parte da natureza, na que incluía así mesmo o Sol, a Lúa, os astros, as estacións do ano, a luz e as tebras, o vento e a chuvia, e que a sucesión de fenómenos celestes discorre segundo determinadas leis naturais, de modo que o destino das persoas non pode ser rexido por unha inexistente «vontade do ceo».
Xun Zi afirmaba que o ser humano, contrariamente aos animais, sabe mancomunar os seus esforzos e organizar a súa vida pública, que pode coñecer o mundo circundante e aproveitar os coñecementos adquiridos no seu ben; ademais de que o coñecemento empeza pola percepción, pero é gobernado polo pensamento que cumpre leis naturais.
Por último xa nas inmediacións de nosa era atopámola en Wang Chung (27-97 a. C.) quen sostiña que o mundo se compón da substancia qì, a cal se move na eternidade, mentres que o tao é a lei da propia realidade. Pola acción recíproca de dúas qi —os enrarecidos que se achan no espazo celeste e os condensados que se achan na terra constituíndo os diversos corpos— son procreadas todas as cousas. Sostiña que o home é un ser natural composto de substancia material no que se instalou unha enerxía vital, un principio espiritual elaborado pola circulación do sangue, a cal desaparece ao morrer o home. Este materialismo era inxenuo e metafísico.
Materialismo da Grecia antiga Desde o século VI a. C. a filosofía desenvólvese con maior ímpeto na Grecia antiga e posmoderna. Alí a corrente materialista xorde en controversia coa relixión principalmente nos filósofos representantes da chamada escola de Mileto; Tales de Mileto (ca. 624-547 a. C.), Anaximandro (ca. 610-546 a. C.) e Anaxímenes (ca. 585-525 a. C.).
Segundo a doutrina de Tales, a auga é o principio de todas as cousas; todo procede da auga e todo se converte en auga.