Susan Jocelyn Bell Burnell, CBE, FRS FRAS, nada en Belfast como Susan Jocelyn Bell, o 15 de xullo de 1943, é unha astrofísica norteirlandesa que descubriu o primeiro radiosinal dun púlsar xunto ao seu titor de tese, Antony Hewish. A detección desas radiofontes permitiron contrastar a teoría da evolución estelar. É unha das científicas máis influentes do Reino Unido e recibiu numerosos galardóns.

Traxectoria Bell Burnell naceu en Irlanda do Norte, onde o seu pai foi arquitecto do planetario Armagh. Dispuña dunha gran biblioteca, e animou a súa filla a ler, sentíndose interesada especialmente polos libros de astronomía.

Aos once anos, suspendeu o exame 11+, e os seus pais enviárona á Mount School en York (Inglaterra), un colexio cuáquero para mozas, onde quedou moi impresionada por un profesor de física que lle ensinou que: «Non tes que aprender moreas e moreas de datos; tan só aprende unhas poucas cousas clave, e... entón poderás aplicalas e construír e desenvolver sobre elas... Foi un gran mestre, e mostroume como, en realidade, a física era sinxela».

Máis adiante, Bell Burnell asistiu ás universidades de Glasgow e Cambridge. En Cambridge, traballou con Hewish e outros na construción dun radiotelescopio para empregar os brillos interplanetarios no estudo dos quásares, que foran descubertos pouco antes (os brillos interplanetarios permiten distinguir fontes compactas das distantes). Detectando un pequeno padrón nos rexistros das lecturas que seguiu polo ceo coas estrelas, Bell Burnell descubriu que se trataba dun pulso regular, aproximadamente un por segundo. Denominouno temporalmente LGM1 (Little Green Man 1, Homiño verde 1) e finalmente identificou a fonte como unha estrela de neutróns de rápida rotación.

Logo de rematar o seu doutoramento, Bell Burnell traballou na Universidade de Southampton, a University College de Londres e o Royal Observatory en Edimburgo, antes de converterse en profesora de física na Open University durante dez anos, e despois como profesora visitante na Universidade de Princeton. Antes de xubilarse, Bell Burnell foi Decana de Ciencias na Universidade de Bath entre os anos 2001 e 2004, e presidenta da Royal Astronomical Society entre 2002 e 2004. Tamén foi profesora visitante na Universidade de Oxford.

Premios e recoñecementos A pesar de que non obtivo o premio Nobel xunto con Hewish polo seu descubrimento, foi galardoada por moitas outras organizacións. A exclusión de Jocelyn Bell entre os galardoados co Premio Nobel causou gran controversia entre os seus colegas, aínda que segundo confesou nunha entrevista, non o lamenta e cre que lle foi mellor na vida sen ese galardón.

Obtivo a Medalla Michelson do Instituto Franklin (1973, xunto a Hewish). En 1978 foille entregado o Premio J. Robert Oppenheimer Memorial do Centro de Estudos Teóricos de Miami. Recibiu o premio Beatrice M. Tinsley da Sociedade Astronómica Estadounidense (1987), o Magellanic Premium da Sociedade Filosófica Estadounidense e o Jansky Lectureship do Observatorio Radioastronómico Nacional. En 1989 foi recoñecida coa medalla Herschel da Real Sociedade Británica de Astronomía polo seu descubrimento dos púlsares. A proposta da comisión Mulleres e Ciencia do CSIC, recibiu o ano 2015 a Medalla de Ouro da institución científica española. En novembro de 2017 foi investida doutora honoris causa da Universidade de Valencia a proposta da Facultade de Física. A primeira muller que recibiu esta distinción en devandita universidade for Nataša Kandić en 2001. Ten os títulos honoríficos de Dama Comandante da Orde do Imperio Británico, así como Fellow da Royal Society. É membro da Religious Society of Friends (cuáqueros) e é conselleira do Instituto Faraday para a Ciencia e a Relixión da Universidade de Cambridge. En 2021, obtivo a Medalla Copley, outorgada por The Royal Society of London "polo seu traballo no descubrimento de púlsares, un dos grandes descubrimentos astronómicos do século XX".

Premio Breaktrough O 6 de setembro de 2018, Bell Burnell recibiu o premio especial Breaktrough en Física Fundamental, cunha recompensa de tres millóns de dólares, por ser a descubridora dos púlsares en 1967, polos seus logros científicos e polo seu liderado inspirador ao longo das últimas cinco décadas. Cos cartos do premio, Bell Burnell estableceu un fondo especial de bolsas para contrarrestar o "nesgo inconsciente" na comunidade da física que dificulta que as mulleres, as minorías étnicas e as estudantes refuxiadas se convertan en investigadoras.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ignotofsky, Rachel (2017). Mujeres de ciencia : 50 intrépidas pioneras que cambiaron el mundo (1ªed.). Madrid. ISBN 978-84-16830-80-0 Outros artigos Mulleres en física Efecto Matilda

Ligazóns externas Transcrición da entrevista de Joan Bakewell para BBC Radio 3 (2 de xaneiro de 2006) Counterbalance. Biography: Jocelyn Bell Burnell Biografía en AstroMia.com

Categoría:Nados en Belfast Categoría:Nados en 1943 Categoría:Físicos de Irlanda do Norte Categoría:Astrónomos do Reino Unido Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Harvard Categoría:Profesores da Universidade de Oxford Categoría:Alumnos da Universidade de Cambridge Categoría:Alumnos da Universidade de Glasgow