Zulema González González, nada en Ourense o 8 de abril de 1992, é unha árbitra de fútbol galega, de categoría internacional.

Traxectoria González comezou na arbitraxe cando nena, con doce anos. En 2015 ascendeu a categoría nacional, e arbitrou o seu primeiro encontro de Terceira División (masculina), sendo a primeira muller en facelo en Galicia. Dous anos máis tarde, en 2017, estivo entre as dúas primeiras árbitras galegas en arbitrar partidos de Primeira División Feminina.

En 2018 cumpriu os requisitos para chegar á internacionalidade, á que accedeu formalmente en 2019, cando arbitrou o seu primeiro encontro como tal, un amigable entre as seleccións de Bélxica e Irlanda. Deste xeito converteuse na primeira galega en chegar á categoría internacional como árbitra principal, se ben Yolanda Parga e Tania Fente xa o fixeran como árbitras asistentes. En 2019 recibiu o Premio Deporte Galego á mellor árbitra de 2018.

Vida persoal É sobriña de Bernardino González, quen tamén chegara a ser árbitro internacional de fútbol, e de Manuel González Vázquez, que fora árbitro asistente en Segunda división.

Practica o atletismo, o baloncesto e o tiro olímpico. É diplomada en Maxisterio.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Elena Casal Fernández, árbitra galega.

Categoría:Árbitros de fútbol de Galicia Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes