O voo 304 de Trans-Canada Air Lines era un servizo entre Chicago e Toronto operado por un Vickers Viscount 700. O día 9 de xullo de 1956 a hélice número 4 do avión desprendeuse do seu motor sobre Flat Rock, Míchigan, durante un voo dende Chicago, Illinois, ata Toronto, Ontario, e Montreal, Quebec; e unha pa da hélice matou un pasaxeiro e feriu outros catro e a un asistente de voo. O avión desviouse a Windsor, Ontario, e os pilotos realizaron unha aterraxe de emerxencia. O accidente foi o primeiro dun Vickers Viscount nun servizo regular, e foi o primeiro caso dunha perda dunha hélice nun avión con motores turbohélice.

Avión O aparello accidentado era un cuadrimotor Vickers Viscount que voara por vez primeira no Reino Unido en 1955. Fora entregado novo a Trans-Canada Air Lines o 21 de xuño dese ano. O avión foi vendido a un operador estadounidense privado en xaneiro de 1964 antes de ser vendido a Air Inter de Francia en xuño de 1965. Foi retirado do servizo no aeroporto de Orly en outubro de 1974 antes de ser despezado durante o ano 1975.Eastwood & Roach 1990, p. 383

Trans-Canada Air Lines foi a primeira aeroliña norteamericana en recibir o Viscount.Job 2001, p. 81 A diferenza dos avións con motores de pistóns (como o Douglas DC-6 e o Lockheed Constellation) habituais nas aeroliñas norteamericanas, o Viscount era un avión silencioso con motores que producían moitas menos vibracións. Como os motores Rolls-Royce Dart do Viscount funcionaban con máis suavidade que os motores de pistóns, os enxeñeiros de Vickers crían que as perdas de hélices serían moi improbables.Job 2001, p. 83

Accidente Na mañá do 9 de xullo, mentres o avión voaba a un nivel de voo 190 sobre a cidade de Flat Rock, Míchigan, o motor 4 experimentou unha caída das revolucións. O motor entón acelerou ata as 14 000 RPM, moi por riba das especificacións de cruceiro do motor. Cando os pilotos intentaron poñer en bandeira a hélice, o motor acelerou aínda máis, a velocidade do aire do avión baixou e os pilotos declararon unha emerxencia e comezaron inmediatamente un descenso de emerxencia, despresurizando a cabina ao facelo.Durfree et al. 1957, p. 3 Menos dun minuto despois, e cando o avión estaba a uns 9 000 pés, a hélice do motor 4 soltouse. Unha das catro palas da hélice penetrou na cabina de pasaxeiros e cortou a primeira fila de asentos, matando inmediatamente a unha muller que viaxaba cos seus dous fillos pequenos. A pala tamén feriu a unha familia de tres sentada ao outro lado do corredor e a un asistente de voo que estaba de pé na parte dianteira da cabina. Os fillos da vítima non resultaron feridos. Os pilotos finalmente aterraron o avión en Windsor, Ontario; só se decataron de que houbera vítimas a bordo tras aterrar. Unha sección pequena da pala quedou na cabina, mentres que a sección principal e as outras tres palas da hélice foron atopadas en terra na veciñanza de Flat Rock.

Os investigadores canadenses atoparon que fallara unha engrenaxe cónica na unidade da bomba de aceite, facendo que a hélice non se lubricase. Isto causou que a hélice se separase do motor, xirando a gran velocidade. Ademais, durante o descenso de emerxencia, os pilotos permitiron que a velocidade do aire do avión aumentase a case o máximo admisible.Durfree et al. 1957, p. 9 Isto exerceu unha tensión significativa na hélice que probablemente fixo que fallase en voo.Job 2001, p. 83 A posibilidade de que a engrenaxe cónica fallase causando a perda da hélice non fora prevista polos enxeñeiros de Vickers, e non había mención ningunha nos manuais de adestramento e operacións.

O accidente obrigou aos deseñadores e enxeñeiros de avións a reconsiderar a súa suposición de que un turbohélice sería menos propenso a sufrir a perda de hélice.Job 2001, p. 80

Notas

Bibliografía

Trans-Canada Air Lines Categoría:Accidentes e incidentes de Trans-Canada Air Lines Categoría:Accidentes e incidentes de Vickers Viscount Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 1956