Nadia Iglesias de Salvador, nada en Ames o 1 de xuño de 1999, é unha patinadora galega. Compite en patinaxe artística, na modalidade libre, onde foi subcampioa de España en 2019. Ademais en categorías inferiores foi seis veces campioa de Galicia, tres de España e unha de Europa, e logrou un bronce no Mundial júnior de 2017.
Traxectoria Inicios Comezou a seguir os pasos da súa irmá máis vella, Carla, e iniciouse na patinaxe artística no ano 2004 no Club de Patinaxe Artística Compostela. A súa traxectoria nas competicións iniciouse no ano 2005, con 5 anos, e no ano 2009 proclamouse campioa galega en categoría alevín, o que lle permitiu clasificarse para o Campionato de España. Xa como cadete proclamouse campioa galega en 2013 e 2014 e finalizou cuarta e subcampioa de España neses dous anos respectivamente. Tamén en 2013 gañou o ouro no Trofeo Prestige Issy-Paris na capital francesa, no seu debut coa selección española, e quedou cuarta na Copa de Europa celebrada na localidade francesa de Gujan-Mestras, mentres que en 2014 participou no Campionato de Europa cadete en Eslovenia, rematando en quinta posición.
Categoría xuvenil En 2015 proclamouse campioa galega xuvenil, quedou oitava no Campionato de España xuvenil e gañou o ouro xuvenil na Interland Cup en Alemaña, unha competición internacional non oficial. Ao ano seguinte proclamouse campioa galega xuvenil e campioa de España xuvenil e xa como integrante do equipo CPA Maxia da Coruña foi subcampioa de Europa xuvenil na cidade alemá de Friburgo.
Categoría júnior En 2017 pasou a competir en categoría júnior proclamándose campioa de Galicia, de España e de Europa. Ademais participou por primeira vez nun Mundial, celebrado este dentro dos primeiros Xogos Mundiais de Patinaxe, na cidade chinesa de Nanjing, conseguindo a medalla de bronce júnior. En 2018 revalidou os seus títulos de campioa de Galicia e de España júnior, e conseguiu a prata no Campionato de Europa. Ademais logrou unha cuarta posición no Mundial celebrado en La Vendée.
Categoría absoluta Comezou a competir na categoría absoluta no ano 2019, pasando a formar parte do Reus Deportiu. Ese mesmo ano proclamouse subcampioa de España. Conseguiu así a clasificación para o Campionato Mundial, celebrado en Barcelona dentro dos segundos Xogos Mundiais de Patinaxe. Obtivo a 12ª posición na clasificación final.
Galardóns Mellor Deportista Feminina na XI Gala do Deporte de Ames (2006) Mellor Deportista Feminina do Concello de Santiago de Compostela (2014) Premio especial do público ao Mellor Deportista de Ames (2016 e 2017). Mención honorífica do Premio Deportista en Idade Escolar (2017) que concede o Consello Superior de Deportes. Premio Maruxa Mallo (2019), concedido polo IES Maruxa Mallo de Ordes.
Notas
Categoría:Patinadores de Galicia Categoría:Nados en 1999 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en Ames