Francisco Dotras Lamberti, nado en Vigo o 5 de outubro de 1921 e finado na Coruña o 15 de setembro de 2014, foi un diplomático, empresario, pintor, escritor e locutor español.
Traxectoria Naceu en Vigo, aínda que pasou a maior parte da súa vida na Coruña, e sempre estivo vinculado ó mar. A súa familia, de feito, era propietaria de negocios de pesca, e el comezou a traballar nunha das súas industrias conserveiras aos 16 anos. Estudou na súa cidade de nacemento Profesorado Mercantil e Enxeñaría Técnica Industrial e fixo as prácticas de alférez en Santo Amaro (A Coruña). Tivo varios cargos na Naviera Ponte Naya (propiedade da familia da súa esposa) que recibe o seu nome do navieiro Joaquín Ponte Naya. En 1940 foi un dos fundadores, xunto con Francisco Otero Mariño da empresa Conservas Friscos, título que provén da contracción de ambos os nomes.
En 1962, grazas á súa condición de consignatario e armador, foi nomeado cónsul honorario de Francia na Coruña, cargo que ostentou ata 1991, cando o ocupou a súa esposa ata 1999, ano en que asumiu o cargo a súa filla Mónica.
miniatura|O "Blanca Quiroga" no parque de Bens. Tras o naufraxio en 1970 do pesqueiro "La Isla" ao encallar xunto á Torre de Hércules, no que unicamente foi recollido con vida o maquinista do barco, Francisco Dotras encabezou un movemento social que conseguiu establecer a primeira base en España da Cruz Vermella do Mar, e a chegada á Coruña en 1973 do barco de rescate marítimo Blanca Quiroga, que participou en salvamentos de catástrofes como as dos petroleiros Urquiola (1976) ou o Mar Exeo (1992). Desde 2002, o barco está retirado e exposto no parque de Bens.
Xa nos anos 1980, foi presidente da compañía Aluflet e armador do buque Xove, que transportaba alumina desde San Cibrao á Coruña.
Tamén foi Presidente do Colexio Profesional de Peritos Industriais da Coruña e do Club de Cine Afeccionado da mesma cidade.
Asociación Gran Armada En 2000, asumiu o cargo de Presidente da Asociación Histórico Cultural Gran Armada, que ostentou ata o 8 de febreiro de 2014, cando foi nomeado Presidente de Honra. Esta asociación dedicouse, segundo os seus estatutos, á promoción e execución de todo tipo de iniciativas encamiñadas a conservar, protexer e divulgar o patrimonio artístico, cultural e histórico que representan as armadas españolas. Xunto co secretario da asociación, Rafael Ramos, Francisco Dotras participou en 2001 na homenaxe ao 400 aniversario da Batalla de Kinsale, á que asistiron o Duque de York, a Presidenta de Irlanda e os embaixadores en dito país de España e o Reino Unido. Tamén impulsaron a creación en 2006 dun monumento á infantaría de mariña en Ortigueira. Durante a súa presidencia recibiu a medalla da Real Liga Naval en 2011.
Tamén colaborou na revista da asociación con diversos artigos; nun deles, tras o Desastre do Prestige, Francisco Dotras pedía o seguinte:
Unha das súas actividades representando á asociación foi crear en 2010, na emisora comunitaria Cuac FM, un programa de radio que trataba dunha conversa entre el e Antonio Abeijón sobre distintos asuntos relacionados co mar. Francisco Dotras gañou o premio da emisora ao Mellor Locutor Novato, e seguiu participando na radio ata pouco antes do seu falecemento en 2014.
Escritor e pintor Francisco Dotras publicou diversos artigos, tanto na citada revista da Asociación Gran Armada como noutros medios; en 1997, reuniu unha serie de escritos seus no libro El árbol, el hijo y esto.
Realizou diversas exposicións das súas pinturas, nas que ilustraba con acuarelas temas marítimos e campestres. A modo de exemplo, doou ao Museo Militar da Coruña o seu cadro María Pita. Outros cadros seus foron incluídos no Catálogo do Patrimonio Artístico da Deputación da Coruña.
Falecemento O 15 de setembro de 2014, aos 92 anos de idade, faleceu na Coruña, segundo recolleron varios medios galegos. Recibiu diversos recoñecementos, entre os que destaca o da embaixada francesa en España. Vida persoal
Casou na Coruña con María de la Consolación Menéndez Ponte, coa que tivo catro fillos (Sonia, Leticia, Mónica e Virginia).
Recoñecementos Cabaleiro da Orde do Mérito Civil da República Francesa. Oficial do Mérito Naval da República Francesa. Medalla de Exteriores da República Francesa. 2011. Medalla da Real Liga Naval.
Obras El árbol, el hijo y esto (Stanfer Ediciones, 1997)
Notas
Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Pintores de Galicia Categoría:Finados en 2014 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Cónsules honorarios en Galicia