Manuel Graña González, nado en Cangas de Morrazo o 13 de decembro de 1878 e finado en Madrid o 28 de novembro de 1963, foi un sacerdote e xornalista galego.
Traxectoria Sacerdote e doutor en Teoloxía. Dirixiu unha revista católica en Italia. Despois regresou para estudar ciencias na Universidade de Madrid. Ingresou no consello de redacción de El Debate en 1918. O director, Ángel Herrera Oria tiña o proxecto de crear unha escola de xornalismo, e para a formación dos profesores, enviou aos Estados Unidos en 1925 a Manuel Graña e dous dos seus colaboradores, Francisco de Luis e Ricardo Oreja Elósegui, co obxectivo de estudar o funcionamento, métodos e programas das escolas de xornalismo máis avanzadas e a organización empresarial do xornalismo moderno. Foron enviados á Escola de Xornalismo da Universidade de Columbia (Nova York), onde Graña estivo dous anos. A Escola de Xornalismo de El Debate foi inaugurada o 10 de marzo de 1926 e Manuel Graña impartiu o cursiño de redacción previo á celebración do primeiro curso en outubro. Expuxo as técnicas documentais en xornalismo na su obra La Escuela de Periodismo. Programas y Métodos. A súa formación estadounidense tamén se reflectiu nos seus artigos de El Debate, como “Los días de Chicago”.
Tamén foi redactor de Ya, da revista España Pesquera e de El Ideal Gallego. Foi correspondente en España da axencia católica New’s Service, para a que redactou crónicas sobre a campaña do Norte da Guerra Civil. Traduciu a obra do cardeal Newman, Mi conversión al Catolicismo en 1940 e publicou un libro sobre fauna mariña, Mares y peces (1953).
Obras La Escuela de Periodismo. Programas y métodos, Madrid, CIAP, 1930. ¿Qué debe España a los religiosos? Artículos publicados en “El Debate” al discutirse en las Cortes la cuestión religiosa, Madrid, Imprenta Juan Bravo, 1932. Mares y peces, Madrid, La Editorial Católica, 1953. Recoñecementos Fillo predilecto de Cangas, 1949. Periodista de Honor, 1963, na XXI Asemblea da Federación de Asociacións de Prensa.
Véxase tamén
Ligazóns externas Manuel Graña González na Real Academia de la Historia.
Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Xornalistas de Cangas de Morrazo Categoría:Nados en Cangas de Morrazo
Categoría:Nados en 1878 Categoría:Finados en 1963