Caroline Emilie Bleeker, máis coñecida como Lili Bleeker, nada en Middelburg (Países Baixos) o 17 de xaneiro de 1897 e finada en Zeist (Países Baixos) o 8 de novembro de 1985, foi unha empresaria e física neerlandesa, coñecida polos seus deseños e fabricación de instrumentos ópticos. Aínda que non era habitual que as mulleres desenvolvesen unha carreira senón que traballasen no fogar, decidiu continuar coa súa educación e nunca chegou a casar coa súa parella, Gerard Willemse, o cal era altamente infrecuente para a época. Ao acabar os seus estudos, converteuse nunha das primeiras mulleres nos Países Baixos en converterse en doutora en física e matemáticas. Tras obter o seu doutoramento, fundou unha empresa dedicada á física, que influíu na creación da Organización Neerlandesa para a Investigación Científica Aplicada, e construíu unha pequena fábrica para a elaboración de instrumentos científicos e ópticos.

A empresa de Bleeker sufriu duramente os efectos da segunda guerra mundial. As vendas baixaron, tivo que despedir a algúns dos seus empregados e aos restantes tívolles que pagar do seu propio peto. Bleeker, xunto coa súa parella Willemse, tivo que esconderse por ocultar a xudeus dos oficiais alemáns despois de que estes últimos invadisen a súa fábrica. Tras o fin da guerra, a súa empresa rexurdiu, e debido aos seus actos durante a guerra foi recoñecida coa Medalla Real do exército neerlandés e concedéuselle un préstamo para recuperarse e abrir unha nova fábrica en Zeist. A súa empresa fabricou os instrumentos ópticos necesarios para o desenvolvemento do microscopio de contraste de fases, inventado por Frits Zernike, que recibiu por iso o premio Nobel en 1953.

Traxectoria Lili Bleeker naceu o 17 de xaneiro de 1897 en Middelburg, era a menor dos cinco fillos de John Lambert Bleeker, un pastor luterano desa cidade, e Martha Gerhardina Döhne. Criouse en Middelburg e mostrou unha gran precocidade na súa infancia, de forma que saltou o seu primeiro ano de primaria. Bleeker asistiu ao instituto Lange Sint en Middelburg, e aínda que era unha estudante brillante a súa nai desalentábaa a continuar os seus estudos. Con todo, Bleeker decidiu continuar os seus estudos a pesar destas reticencias.

En 1916, entrou na Universidade de Utrecht para estudar física e astronomía. Durante a carreira, Bleeker traballou como profesora nunha escola secundaria feminina para pagar os seus estudos, aínda que non se vía apta para o traballo porque considerábase demasiado nova. Como resultado, traballou como titora privada. En 1919 converteuse en axudante de laboratorio de varios profesores no Observatorio Sonnenborgh de Utrecht e en 1926 foi nomeada axudante xefe. O 5 de novembro de 1928 completou o seu doutoramento en física cum laude da Universidade de Utrecht baixo a dirección de Leonard Ornstein, que a describiu como «moi intelixente e ben formada, tanto teórica como experimentalmente». A tese de Bleeker tratou sobre a medida de emisión e dispersión no espectro de metais alcalinos. A imprenta responsable de imprimir a súa tese era propiedade do pai do que sería a súa parella, Gerard Willemse.

Carreira O 5 de xuño de 1930, 18 meses despois de obter o seu título, Bleeker fundou unha consultoría física que traballou con diversas empresas e fábricas de instrumentos científicos. A súa consultoría serviu de modelo para a fundación da Organización Neerlandesa para a Investigación Científica Aplicada en 1932. Máis tarde, Bleeker abriu unha fábrica de instrumental científico e óptico. Até 1936, a empresa centrouse na fabricación de ferramentas de laboratorio e instrumentos para medir a electricidade. Con todo, en 1936, Bleeker decidiu fundar un obradoiro de óptica, e en 1937 comezou a produción de instrumentos ópticos. Os seus deseños foron punteiros na industria óptica dos Países Baixos, que até entón era case inexistente. En 1938, Bleeker comezou a fabricar prismáticos para o exército neerlandés. En 1940, os Países Baixos entraron na segunda guerra mundial e Bleeker detivo a produción de prismáticos xa que non quería producir nada para o exército alemán. No entanto, mantivo a produción doutros instrumentos. Desenvolveu microscopios para as universidades neerlandesas e os seus estudantes. Bleeker tamén escondeu a cidadáns xudeus na súa fábrica ata que en 1944 as autoridades alemás recibiron información respecto diso. Logrou enganar aos oficiais alemáns e escapar cos xudeus, pero Bleeker e a súa parella tiveron que esconderse tamén. Durante ese tempo os alemáns pecharon a súa fábrica. Tras a guerra, abriu unha nova fábrica, que foi a primeira no mundo en fabricar o microscopio de contraste de fases inventado por Frits Zernike.

Recoñecementos

A Universidade de Utrecht nomeou un dos seus edificios en honra a Bleeker.

Notas

Categoría:Físicos dos Países Baixos Categoría:Nados en 1897 Categoría:Científicos dos Países Baixos Categoría:Finados en 1985