Os corpos de Herring ou corpos neurosecretores son estruturas que se encontran na neurohipófise. Representan os corpos terminais dos axóns do hipotálamo, e nesas localizacións son almacenadas temporalmente hormonas en vesículas. Son, pois terminais neurosecretores que permiten que a secreción desas hormonas sexa pulsátil e en cantidades maiores do que se podería imaxinar en caso de que non houbese ese almacenamento de vesículas nas terminacións axonais.
A hormona antidiurética (ADH) e a oxitocina son hormonas que se almacenan en corpos de Herring, pero non se almacenan simultaneamente no mesmo corpo de Herring.
Ademais, cada corpo de Herring contén tamén ATP e un tipo de proteína neurofisina. As neurofisinas son proteínas carrexadoras que se unen a hormonas, das cales hai dous tipos: neurofisina I, que se une á ADH, e neurofisina II, que se une á oxitocina. As neurofisinas e a súa hormona respectiva forman un complexo proteico, que adoita considerarse unha única proteína, e almacénanse na neurohipófise. Cando se estimula o hipotálamo, os gránulos secretores liberan ditas hormonas no torrente sanguíneo. As fibras dos núcleos supraópticos están relacionadas coa secreción de ADH, mentres que as dos núcleos paraventriculares coa de oxitocina.
Esta estrutura anatómica foi descrita prmeiramente por Percy Theodore Herring en 1908, de aí o seu nome.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Medical Physiology. Walter F. Boron, Emile L. Boulpaep. ISBN 9781416031154 R. Vazquez, P. Amat: The ultrastructure of the Herring bodies in rats subjected to different experimental conditions. In: Cell and Tissue Research 189/1978, S. 41–51. PMID 667909
Ligazóns externas
Categoría:Histoloxía