Henry de Lumley (ou Henry de Lumley-Woodyear) é un historiador francés, especialista en Prehistoria nado en Marsella o 14 de agosto de 1934.
Biografía Henry de Lumley é un persoeiro importante do estudo da Prehistoria en Francia e marcou os progresos desta ciencia nese país en particular grazas ás pescudas realizadas baixo a súa dirección en Terra Amata e na Cova de Lazaret (Alpes Marítimos), ao igual ca en Aragó onde descobre o home de Tautavel (Pireneos Orientais) en 1971. Tamén participou no estudo dos gravados rupestres protohistóricos do Val das Marabillas, nos Alpes.
Doutorado en Ciencias pola Universidade de París, entre 1955 e 1980 seguiu as súas pescudas en Marsella no seo do CNRS ata acadar o grao de director de investigación. Creou un equipo de investigación na Universidade da Provenza dedicado ao estudo da xeoloxía do Cuaternario e da Prehistoria e dos homínidos fósiles.
Foi nomeado profesor no Museo Nacional de Historia Natural de París en 1980, do que foi director entre 1994 e 1999 e do que agora é profesor emérito.
É director do laboratorio de prehistoria do Museo do Home e do Instituto de Paleontoloxía Humana de París. Entre 1994 e 1999 foi director do Museo Nacional de Historia Natural. Actualmente é membro do Institut de France (Academia Francesa das Ciencias).
Fundador da Asociación Mundial de Paleontoloxía Humana, afiliada á UNESCO, dirixiu máis de 200 escavacións arqueolóxicas e participou na construción de seis museos de prehistoria en Francia (Terra Amata, Tautavel, Eyzies de Tayac, Menton, Tende e Quinson). Segue en activo participando en proxectos de escavación internacionais na Asia Central, na China e en Etiopía. Un dos seus proxectos actuais é o estudo das ferramentas máis antigas da humanidade, de hai 2’7 millóns de anos, en Kada Gona (Etiopía) e na construción dun museo da evolución do home en Adís Abeba.
Publicacións Le Paléolithique inférieur et moyen du Midi méditerranéen dans son cadre géologique 1969. Une cabane acheuléenne dans la Grotte du Lazaret, 1969. Le Mont Bégo, 1992. Le grandiose et le sacré, 1995. L’Homme premier, 1998. Le sol d’occupation acheuléen de l’unité archéostratigraphique UA 25 de la grotte du Lazaret, 2004.
Categoría:Nados en 1934 Categoría:Nados en Marsella Categoría:Directores de museos Categoría:Arqueólogos de Francia Categoría:Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres