Manuel Rodríguez Louro, coñecido como o Marrolas, nado no Ézaro (Dumbría) o 15 de maio de 1916 e finado en Hartheim (Austria) o 16 de setembro de 1941, foi un mariñeiro e militar galego.
Traxectoria Mariñeiro do Ézaro. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e agochouse no monte Pindo. Buscando un xeito de poder escapar, xunto con outros once mozos tamén fuxidos (entre eles o seu irmán Joaquín), o 16 de outubro de 1937 asaltaron a motora El As e días despois chegaron a Bristol (Inglaterra).
Por Francia entrou en España e combateu no exército republicano. Coa derrota da República pasou a Francia e foi internado en Argelès-sur-Mer. Incorporado á Compañía de Traballadores Estranxeiros, foi destinado á liña Maginot. Foi detido polos alemáns coa caída de Francia na segunda guerra mundial. Deportado a Mauthausen en xaneiro de 1941, foi trasladado a Gusen en febreiro. Morreu en Hartheim en setembro.
Recoñecementos O concello de Dumbría celebrou no ano 2006 na casa de Cultura de Olveira a primeira homenaxe en recordo dos veciños que pereceron no campo de concentración de Mauthausen-Gusen; Manuel Rodríguez Louro, Silvestre Albite Miranda e Manuel Piñeiro Agulleiro, así como en memoria de Máximo Ingilde Maceiras que perdeu a vida combatendo contra o exército alemán na Resistencia francesa.
O 18 de febreiro de 2018 celebrouse no Parlamento de Galicia unha homenaxe promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica onde se leron os nomes das 193 vítimas galegas que fuxindo da represión franquista acabaron deportados nos campos de concentración nazis, entre eles o de Manuel Rodríguez Louro.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista de galegos asasinados en Mauthausen
Bibliografía
Ligazóns externas Los caídos en Mauthausen: Manuel Rodríguez Louro, de O Ézaro
Categoría:Nados en Dumbría Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes