O exarcado apostólico de Harbin (en ; en ) é unha sé da Igrexa católica bizantina rusa; malia seguir a existir oficialmente, está vacante dende 1952 e sen actividade.

Territorio O exarcado apostólico estende a súa xurisdición sobre todos os fieis católicos rusos de rito bizantino residentes na China. A catedral do exarcado é formalmente a catedral de San Vladimiro, hoxe inexistente.

Historia O exarcado apostólico foi erixido o 20 de maio de 1928 co decreto Fidelium Russorum da Pontificia Comisión pro Russia. A sé do exarcado foi estabelecida na cidade de Harbin, na Manchuria chinesa, onde moitos rusos se refuxiaran cando os comunistas chegaron ao poder en Rusia. O mesmo decreto instituíu en Harbin a parroquia de San Vladimiro. O exarcado foi estabelecido con xurisdición sobre todos os fieis da Igrexa católica bizantina rusa residentes na República da China. O 31 de maio Fabijan Abrantovič foi nomeado primeiro exarca.

Porén, cando Fabijan Abrantovič, o primeiro exarca apostólico, chegou a Harbin o 6 de novembro de 1928, se atopou cunha situación desastrosa. Tan só sete persoas asistiron á súa primeira divina liturxia. Aínda que a Santa Sé consideraba a posibilidade de converter a moitos ortodoxos rusos ao catolicismo, ao padre Abrantovič esta posibilidade lle parecía bastante distante e pouco realista. As conversións seguiron a ser relativamente escasas, mais foron creadas escolas e orfanatos para rusos e polacos.

O 11 de outubro de 1937 abriuse un novizado da Congregación dos Padres Marianos para o rito bizantino.

En 1939 o padre Abrantovič viaxou a Roma para a visita ad limina, e posteriormente visitou as casas da súa congregación en Polonia, Letonia e Lituania. Co estoupido da segunda guerra mundial non puido regresar a Polonia, e foi arrestado e torturado polos axentes do NKVD. En 1942 foi condenado a dez anos de traballos forzados, e finou na cadea en 1946.

En 1948 o exarcado apostólico tiña arredor de 500 fieis bautizados. O 22 de decembro do mesmo ano, o exarca Andrej Cikota foi arrestado en Harbin xunto con todos os sacerdotes do exarcado. Foron deportados a Siberia e detidos en Chita, no krai de Zabaikalskii. En 1949 foron condenados a 25 anos de traballos forzados. Andrej Cikota finou na enfenmería do lager Ozerlag, preto de Taishet, o 13 de febreiro de 1952.

Episcopoloxio Fabijan Abrantovič, M.I.C. (31 de maio de 1928 - 1939) Andrej Cikota, M.I.C. (20 de outubro de 1939 - 13 de febreiro de 1952) Notas

Harbin Categoría:Divisións territoriais da Igrexa católica bizantina rusa Harbin