dereita|miniatura|Igrexa parroquial. dereita|miniatura|Casa cuartel da Garda Civil. dereita|miniatura|Vista da vila, co río Xares ao fondo. A Veiga é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Valdeorras. Segundo o IGE no ano 2019 tiña 889 habitantes (453 homes e 436 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «».

Demografía

Censo total 889 (2019) Menores de 15 anos 37 (4.16 %) Entre 15 e 64 anos 451 (50.73 %) Maiores de 65 anos 401 (45.11 %)

Xeografía O concello pertence ó partido xudicial do Barco, e á diocese de Astorga, arciprestado da Veiga. Limita ao norte co Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e Petín, ao sur con Viana do Bolo, ao leste coa provincia de Zamora e ao oeste co Bolo.

É o concello máis amplo da provincia, con 291 km², e unha altitude media de 1024 metros. No concello atópase a maior altitude de Galicia: o pico de Pena Trevinca, de 2127 metros.

A súa xeografía pode dividirse en tres zonas diferenciadas:

As terras altas, de orixe cámbrica e precámbrica, son as situadas a máis de 1200 metros de altitude. Abarcan a serra do Eixo (A Chaira, As Minas e Pena Cabrón), as serras do sueste (serra Calva, alto do Torno, alto do Turrideiro e alto da Corraliza) e os Montes de Ramilo.

As terras intermedias están compostas por rochas graníticas hercianas, de 1000 a 1200 metros de altitude. Nelas aséntanse a maior parte dos núcleos habitados, ademais da serra de San Lourenzo.

As terras baixas, con altitudes inferiores aos 1000 metros, coinciden co leito do río Xares e a liña de falla que vai dende O Barco até Quintela de Edroso (Viana do Bolo). A rede hidrográfica é abundante, debido á copiosa pluviometría do municipio. Os principais cursos son os dos ríos Corzos, Xares e Requeixo, e os restantes son regatos con moita pendente, moi rápidos e de gran poder erosivo, dando lugar a estreitos e profundos vales e fervenzas.

A temperatura media anual é fresca, sen superar o conxunto os 8 °C. A oscilación térmica é elevada, sobre todo nas terras situadas a máis de 1300 metros. Os invernos son duros a causa das baixas temperaturas e da presenza da neve. As estacións intermedias son curtas e os veráns mornos con noites claras e frescas, sendo meses máis cálidos xullo e agosto, que alcanzan unha media de 15 °C.

A lagoa da Serpe sitúase a 1697 metros de altitude, no macizo de Pena Trevinca. Ten orixe glacial, e cóntase sobre ela a lenda de que todas as noites de San Xoán aparece sobre unha rocha á beira da lagoa unha fermosa princesa de cabelos negros, que durante o resto do ano permanece convertida en serpe.

Flora e fauna Entre a flora existente no concello hai extensas formacións de prados silíceos con Festuca indigesta e manchas en pendentes rochosas de vexetación casmofítica. Xusto en rochais silíceos existe vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion e do Sedo albi-Veronicion dillenii, e tamén exemplos de mato mediterráneo. Entre os bosques, sobresaen o Teixedal de Casaio (Taxus baccata) e os de castiñeiros e rebolos, incluíndo carballeiras de Quercus orocantabrica.

Entre a fauna destacan entre os invertebrados o escornabois Lucanus cervus e a lesma (Geomalacus maculosus). Entre os vertebrados hai réptiles de grande interese como a lagarta leonesa ou o lagarto das silvas. Entre os peixes están a troita ou as bogas. Entre as aves acharrela ou rapaces como o miñato abelleiro, a aguia cobreira, o gatafornela etc.

Historia No concello hai restos castrexos (testemuña dos cales son topónimos como Castromao, Castromarigo ou O Castro de Xares), e inscricións prerromanas na Casa dos Baqueiros en Ponte. Hai tamén constancia de asentamentos defensivos da época romana no Lombo e As Silviñas, preto de Vilaboa, onde se atoparon abundantes anacos de cerámica común romana e algún resto de tégulas.

A Veiga tivo unha intensa actividade política e económica durante os séculos XVI, XVII, XVIII e principios do XIX, ao ser un pobo de reguengo, pagando impostos e dependendo directamente da coroa. Isto implicaba unha división administrativa moi diferente á das localidades valdeorresas, que eran terras de señorío. Os veciños da Veiga, ao igual cós residentes no limítrofe concello do Bolo, pertencían á xurisdición do Bolo.

Até 1835 as terras da Veiga pertencían aos concellos de Castromarigo e Espiño, no partido xudicial de Valdeorras. A comezos do século XX posuía unha cuantiosa cabana gandeira (10 000 cabezas de vacún, 60 000 ovino-caprino, 500 cabalar) que acreditou a categoría que posuían as súas feiras e constituía a principal riqueza do país.

O 27 de setembro de 2001 o concello da Veiga foi declarado Municipio Turístico Galego polo Consello da Xunta de Galicia. En 2003 foille concedido o premio Agader da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao embelecemento do medio rural pola súa rede etnográfica.

Patrimonio A Cántara da Moura é un espazo natural ó pé do río Corzos, onde a auga, as covas, as pedras e a vexetación, conforman un dos recunchos máis especiais deste concello. As marmitas de xigante dan lugar a covas que forman un labirinto natural, e na cántara o río Corzos vai soterrado, formando unha piscina natural, sempre fresca, saíndo de novo ó exterior a través dunha porta, segundo contan, esculpida na rocha polos "mouros", en forma de cascada branca e ruidosa.

A cántara da Moura está situada nunha zona onde existen moitas covas, sendo a máis famosa a chamada "Cova dos escapados". Nesta cova refuxiáronse durante meses os escapados da guerra civil, pertencentes ó bando republicano, que foron moi perseguidos. A ela só se pode acceder por un pequeno burato, unicamente coñecido polos veciños da zona, ó que lle puñan unha escaleira para baixar, que quitaban unha vez que entraban. Conseguían sobrevivir semanas enteiras sen saír, grazas a que aquí o río vai soterrado e podían pescar as famosas troitas negras do río Corzos.

Rutas A Veiga ten varias rutas homologadas de sendeirismo: o PR-G 198 "Ruta do Maluro e Pena Trevinca", PR-G 199 "Ruta Pena Trevinca polo Sestil Alto", PR-G 200 "Ruta das Lagoas Glaciares da Serpe e de Ocelo", PR-G 201 "Ruta Integral Serra Calva", e o PR-G 211 "Senda Verde do Xares".

As rutas PR-G 198, 199, 200 e 201 son sendeiros de montaña, segundo a definición da FEDME (Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada).

A ruta PR-G 211 é unha ruta de sendeirismo normal arredor do encoro de Prada cun perfil suave que permite o tránsito para bicicletas BTT, sinalizada con sinais propios de BTT.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares da Veiga Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Veiga vexa: Lugares da Veiga.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas A web da Veiga (A Veiga)

Categoría:A Veiga