As eleccións xerais de Suráfrica de 1994 realizáronse do 26 ao 29 de abril de 1994. Foron os primeiros comicios celebrados en Suráfrica aplicando o dereito ao sufraxio universal e consolidaron a fin do réxime do apartheid. A elección desenvolveuse baixo a dirección da Comisión Electoral Independente.
Durante os catro días de votación millóns de cidadáns foron votar, formándose longas fileiras. O proceso estivo marcado polos asasinatos de vinte e unha persoas en atentados terroristas perpetrados por grupos vinculados á extrema dereita surafricana oposta ao proceso de democratización. En total, foron computados 19 726 579 votos, dos cales 193 081 foron invalidados. O gañador foi o Congreso Nacional Africano (ANC) —apoiado polo Partido Comunista de Suráfrica (SACP) e o Congreso de Sindicatos Surafricanos (COSATU)—, con máis do 62 % dos sufraxios. Tal e como estaba previamente pactado, formouse un goberno tripartito composto polo ANC, o Partido Nacional (PN) e o Partido da Liberdade Inkatha (PLI), as tres forzas políticas que obtiveran polo menos o 5 % dos votos.The 1994 Elections
Antecedentes 130px|left|thumb|P.W. Botha intentou manter o apartheid. Durante os anos 1980, o réxime racista do apartheid instaurado en 1948 deu mostras de esgotamento debido á combinación de oposición interna e sancións externas. O presidente Botha, consciente da situación, promoveu en 1984 unha reforma constitucional que concedía o dereito ao voto ás minorías mulata e asiática co fin de ampliar a base social do réxime. Como resultado, creáronse dúas novas cámaras lexislativas para representar ambas minorías, que se sumaron á xa existente para a minoría branca.
Pero a situación continuou empeorando. Aínda que os grupos violentos da oposición non podían vencer o Estado, o custo económico e humano era demasiado alto. Ademais, o boicot internacional afectaba negativamente a economía e os acredores internacionais cada vez eran máis esixentes. Adicionalmente, a caída do comunismo en Europa fixo que os africáneres e os propios Estados Unidos percibiran de forma distinta o Congreso Nacional Africano (ANC), a principal forza de oposición ao réxime. Aínda que Botha introduciu outras pequenas reformas para suavizar o sistema de segregación racial, non tivo intención de cuestionalo. Non obstante, xa en 1985 tivo lugar o primeiro encontro entre o encarcerado Nelson Mandela e o ministro de Xustiza Kobie Coetsee. Os contactos culminaron o 5 de xullo de 1989 cun encontro igualmente secreto de Mandela co propio presidente Botha na súa residencia oficial, reunión que marcou o inicio das negociacións.
En febreiro de 1989, Botha sufriu un accidente cerebrovascular e foi obrigado a renunciar ao liderado do Partido Nacional e, máis tarde, á presidencia, sendo substituído en ambos cargos por Frederik de Klerk.
Inicio da transición Só tras a substitución de Botha por De Klerk acentuouse o ritmo das reformas. O 2 de febreiro de 1990, no seu discurso de apertura do parlamento, De Klerk pronunciou un discurso que algúns consideran o inicio do proceso de transición. Nel dixo o seguinte: O ANC foi legalizado e o seu líder, Mandela, posto en liberdade tras 27 anos de estancia en prisión. Igualmente foron legalizados o Partido Comunista Surafricano (PCSA), o Congreso Panafricano (PAC) e o Congreso de Sindicatos Surafricanos (COSATU). O movemento de De Klerk sorprendeu totalmente o ANC, que na mesma véspera cría imposible que o goberno dera un paso semellante. Mandela fixo público o seu desexo de cooperar co proceso reformista aberto por De Klerk, pero o radical CPA decidiu seguir apostando pola vía revolucionaria. O estado de emerxencia, vixente desde 1986, foi levantado en xuño en case todo o país, e en outubro en Natal. A maioría das leis racistas foron derrogadas entre 1990 e 1991, de forma que se foi suprimindo todo o tecido legal que regulaba a segregación racial. O 6 de agosto de 1990, o ANC renunciou formalmente ao uso da violencia, se ben non disolviou o seu brazo armado, A Lanza da Nación.
200px|thumb|esquerda|A colaboración entre o presidente De Klerk e o líder do ANC Nelson Mandela foi decisiva para o éxito da transición.
En decembro de 1991 constituíuse a Convención para unha Suráfrica Democrática (CODESA), un organismo composto por dezanove persoas representantes dos distintos grupos étnicos surafricanos. En marzo de 1992 acordouse a constitución dun goberno interino multirracial e o 17 de marzo de 1992 a minoría branca aprobou en referendo unha reforma constitucional que garantía a igualdade de dereitos con independencia da raza. Tras difíciles negociacións, a Convención aprobou unha Constitución Provisional e varias leis que debían regular o proceso de transición. As distintas normas foron aprobadas polo parlamento tricameral racial entre setembro e decembro de 1993. A Constitución Provisional establecía 34 principios —entre eles, os principais dereitos fundamentais— aos que debía axustarse a constitución definitiva. O respecto a ditos principios sería examinado con carácter previo polo Tribunal Constitucional xa creado e presidido por Arthur Chaskalson, un dos defensores de Mandela no proceso de Rivonia de 1963-1964. Curiosamente, dous partidos claramente antiliberais como o PN e o ANC, pactaron unha constitución marcadamente liberal. O 10 de decembro, Mandela e De Klerk recibiron en Oslo o Premio Nobel da Paz, símbolo do respaldo internacional ao proceso que lideraban.
Designouse un Consello Executivo de Transición (CET) para asesorar en todo o proceso de celebración de eleccións lexítimas. A Constitución Provisional establecía que se elixiría por sufraxio universal un parlamento bicameral que nomearía unha autoridade executiva composta por un presidente e dous vicepresidentes. Todos os partidos que superaran o 5 % dos votos terían dereito a formar parte dun Goberno de Unidade Nacional que duraría cinco anos, tempo previsto para a realización das reformas necesarias para establecer un novo réxime. O CET determinaría a forma máis axeitada de elaborar unha nova constitución definitiva que substituiría a provisional.
Deste xeito, a transición realizouse mantendo sempre a legalidade vixente, sen ruptura co réxime anterior. Este camiño continuísta foi defendido en todo momento tanto por Mandela como por De Klerk, ambos avogados de profesión e formación. O obxectivo era manter o imperio da lei durante todo o delicado proceso. Pese ás súas evidentes diferenzas políticas, ambos líderes eran conscientes de que era imprescindible o diálogo co outro. De Klerk estaba convencido de que Mandela sería o próximo presidente de Suráfrica, e Mandela opinaba que non podía haber un cambio pacífico sen a participación do presidente.
A influencia moderadora de Mandela fíxose notar nunha reunión da executiva do ANC celebrada a principios de 1994 na que se tratou a delicada cuestión do himno nacional. En ausencia do veterano activista, os asistentes acordaron por unanimidade substituír o tradicional himno da Suráfrica do apartheid —«A chamada»— polo popular «Deus bendiga África», himno extraoficial da oposición negra. Cando Mandela se reincorporou á reunión fíxolles notar que esa decisión supoñía pisar os sentimentos dunha parte da poboación e que impediría o obxectivo de lograr a reconciliación. Ninguén se opuxo e, como resultado, o himno nacional componse das dúas cancións cantadas sucesivamente: «Deus bendiga África» e «A chamada».
Violencia política
A transición distou de ser sinxela e caracterizouse por unha forte violencia de orixe política debida a varios factores. Seis meses antes das eleccións, John Carlin —daquelas correspondente en Suráfrica do xornal británico The Independent— calculaba que desde a liberación de Mandela morreran máis de dez mil persoas a consecuencia da violencia política. Ademais, o temor ao estoupido dunha guerra civil similar á que se estaba librando en Bosnia estendíase entre diversos sectores. Paradoxalmente, do total de mortes violentas por motivos políticos habidas durante o longo período de goberno do Partido Nacional, máis da metade tiveron lugar no período 1990-1994, unha vez abolido o apartheid.
Un dos focos de violencia estivo nos ultradereitistas brancos contrarios á fin do réxime do apartheid, cuxos escuadróns da morte actuaban sen control. O ANC dicía que existía unha «terceira forza» allea ao Exército e a Policía amparando a violencia, pero nunca puido demostrar a súa existencia. Quizais o momento de maior tensión provocado por este sector foi o ocasionado polo asasinato do líder do Partido Comunista de Suráfrica, Chris Hani. Afortunadamente, a pronta detención do seu asasino grazas á colaboración dun cidadán africáner e o chamamento á calma feito por Mandela evitaron unha resposta violenta.
250px|thumb|esquerda|Os violentos milicianos do extremista Movemento de Resistencia Africáner foron un factor de desestabilización.
Outro dos motivos da violencia foi a resistencia a perder o seu poder por parte dalgúns dos líderes dos bantustáns creados polo réxime racista. En setembro de 1992, o ANC convocou unha marcha cara a Bhisho, a capital de Ciskei. As forzas armadas do bantustán —teoricamente independente e gobernado por Oupa Gqozo— abriron fogo contra a multitude e causaron vinte e unha vítimas mortais.
Ambos sectores —extrema dereita africáner e gobernadores dos bantustáns— confluíron na crise de Bofutatsuana en marzo de 1994, pouco antes da celebración das eleccións. O posto do seu líder, Lucas Mangope, estaba en perigo. O xeneral Viljoen entrou con milicianos da Fronte do Pobo Africáner para apoiar o seu réxime, xa que o vían como un aliado dos supremacistas brancos. Aos seus paramilitares uníronse indisciplinados milicianos do extremista Movemento de Resistencia Africáner que dispararon indiscriminadamente contra a poboación. As forzas armadas do bantustán reaccionaron atacando os invasores e tres milicianos morreron durante a retirada, dous deles asasinados por un coronel ante as cámaras de televisión. O Exército surafricano tivo que intervir para restablecer a orde, e o Goberno de De Klerk acordou terminar coa «independencia» do bantustán.
Un dos conflitos máis sanguentos foi o enfrontamento entre o Congreso Nacional Africano e o Partido da Liberdade Inkatha (PLI) no bantustán de KwaZulu. Mangosutu Buthelezi era o seu primeiro ministro e líder de Inkatha, e intentaba manter o seu predominio territorial fronte ao auxe do ANC. Aínda que o ANC se presentou como vítima, a súa dirección provincial tivo responsabilidade no agravamento do conflito por negarse a que Mandela negociara directamente co líder do PLI —como fixo con outros líderes— o que podería ter mitigado o enfrontamento. O momento de maior tensión produciuse en xuño de 1992, cando membros do PLI asasinaron a corenta e seis persoas en Boipatong (Transvaal) e Mandela acusou ao goberno de De Klerk de complicidade nos feitos. Pola súa banda, tamén a rama militar do ANC, A Lanza da Nación, asasinou a centos de líderes de Inkatha actuando como escuadróns da morte. A pesar das acusacións do ANC, non hai constancia de que o Goberno apoiara a Inkatha, aínda que non hai dúbida de que moitos policías e militares estaban dispostos a favorecelo no conflito. Polo ANC foi o zulú Jacob Zuma o encargado de negociar con Buthelezi, se ben a súa designación como candidato do seu partido ao cargo de primeiro ministro de KwaZulu-Natal enfureceu o líder de Inkatha.
No extremo ideolóxico oposto, tamén o Congreso Panafricano cometeu actos de violencia. O peor de todos foi a matanza dun grupo de cristiáns que rezaban nunha igrexa do Cabo.