Coñécese como Restauración Borbónica o período que abrangue dende o pronunciamento do xeneral Arsenio Martínez Campos en 1874, en Sagunto, e que dá fin á Primeira República Española e a proclamación da Segunda República Española o 14 de abril de 1931. A denominación alude ao feito da recuperación do trono español por parte dunha persoa da dinastía Borbón, o futuro Afonso XII, tras a paréntese do Sexenio Revolucionario.
Este período caracterízase por certa estabilidade institucional, a conformación dun modelo liberal do Estado e a incorporación dos novos movementos sociais e políticos, froito da Revolución Industrial, que comeza a súa decadencia coa ditadura de Miguel Primo de Rivera en 1923.
Inicio da restauración Afonso de Borbón atopábase no exilio en Gran Bretaña tras o fracaso da I República, e Cánovas del Castillo dende o Partido Liberal-Conservador contacta con el para restaurar a monarquía en España. Cánovas fai promesas á clase política de que se tratará da superación da República, pero tamén dos modos e maneiras do reinado de Isabel II. Convencido xa o futuro rei, asina o Manifesto de Sandhurst o 1 de decembro de 1874 (publícase na prensa española o día 27) no que comunica que moitos son os que se puxeron en contacto con el para establecer unha monarquía constitucional,Comellas (2014), p. 256 considera orfa á nación e considérase lexítimo herdeiro do trono pola abdicación da súa nai, poñéndose a disposición dos españois. Deseguido, o alzamento de Martínez-Campos en 1874 restablece a dinastía borbónica na persoa do fillo de Isabel II, como Afonso XII.
O sistema político que se estableceu dende ese momento era bipartidista, entre o Partido Liberal-Conservador fundado e liderado por Antonio Cánovas del Castillo e o Partido Liberal Fusionista que liderou Práxedes Mateo Sagasta. Isto permitiu superar o sistema de unipartidismo que producira unha falta de lexitimidade ao reinado de Isabel II e que provocara a súa saída do goberno. Este novo panorama permitirá unha maior estabilidade, pero aumentará a complexidade do sistema co tempo, cunha alternancia política ficticia, que causará graves problemas que desembocarán na corrupción, a base da cal estaba no denominado caciquismo.
O reinado de Afonso XII (1875-1885) e a rexencia de María Cristina (1885-1902) A lexitimidade do novo réxime estaba establecida na Constitución Española de 1876, que conforma o novo modelo de Estado cun poder lexislativo dividido en dúas cámaras: Congreso dos Deputados e Senado, con sufraxio censitario para elixir un Congreso e un Senado nomeado polo Rei, e onde o monarca conserva boa parte das funcións de Xefe de Estado e do poder executivo. Antonio Cánovas del Castillo é o artífice do proceso, que segue as liñas marcadas anos antes por Afonso XII no seu exilio en Gran Bretaña e permite o fin da guerra carlista.
Disolta a República, os chamados "partidos dinásticos", conservadores e liberais, encabezados por Cánovas e Práxedes Mateo Sagasta alternaranse no poder mediante o sistema das quendas ou "quenda pacífica".
A morte de Afonso XII, en 1885, deu paso á rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, período que se inicia co goberno de Sagasta caracterizado pola aprobación da Lei de Asociacións, a liberdade de prensa, a extensión do sufraxio universal, soamente masculino, (1890) e a creación da institución do xurado, entre outros avances. A nova regulación permite a aparición doutro partido político en escena, o Partido Republicano de España, que terá grande influencia no futuro. Comeza neste período a aparición do anarquismo e do socialismo a través do PSOE (fundado en 1879) cos primeiros movementos obreiros que xorden da revolución industrial.
Desenvolvemento económico A emigración para América, o escaso crecemento en poboación (en 1900 España tiña 18,5 millóns de habitantes) e as situacións de fame e epidemias produciron unha desigualdade crecente en España e o resto dos países europeos.
O 79% da poboación española estaba ocupada na agricultura de baixo rendemento e na manufactura de produtos agrícolas. O sistema de proteccionismo impediu a modernización do sector, véndose imposibilitado a competir adecuadamente. O latifundismo condicionaba a vida dos campesiños de grandes zonas da península, sobre todo en Andalucía e Estremadura. Soamente algúns sectores (viño, aceite etc.) comezan a funcionar con exportacións pouco significativas a Europa.
O desenvolvemento da industria e das comunicacións é escaso. Mentres que Europa vive a Revolución Industrial, soamente Cataluña (ferrocarril e industria téxtil), zonas do País Vasco (siderurxia) e as explotacións de minería en Andalucía (ferro, cobre e chumbo) e en Asturias (carbón) avanzan no camiño do progreso. Isto acentuará a desigualdade rexional.
En 1888 celébrase en Barcelona a Exposición Universal.
Unha sociedade cambiante A sociedade estaba dividida en varios sectores. Por un lado, a tradición que representan os partidos de Cánovas e Sagasta: monárquicos, defensores dun modelo limitado de apertura e alleos ao sentir das novas clases sociais. E por outro, os republicanos e nacionalistas: representantes da nova burguesía que non atopa o seu espazo nacional. O proletariado irase aproximando ao Partido Socialista Obreiro Español (fundado en 1879 por Pablo Iglesias Posse) e a sindicatos como Unión Xeral de Traballadores (creada en 1888) e ao anarquismo das organizacións de oficios, presente na Federación de Traballadores da Rexión Española, que confluirán en 1910 na Confederación Nacional do Traballo.
A monarquía cuestiona estes movementos cunha forte represión, con especial énfase contra o anarquismo. O territorio de moitos destes enfrontamentos será Cataluña, onde en 1897 un anarquista italiano, Michelle Angiolillo, asasinará a Cánovas.
A Restauración leva consigo unha profunda centralización administrativa e legal. Os nacionalismos catalán e vasco non tardan en reaccionar. No primeiro caso, unido á súa revolución burguesa e á identidade cultural xorde a Lliga Regionalista e a Unió Catalanista; no segundo, que perdera os foros tras as guerras carlistas e andaba na procura de definir o seu futuro, aparece o Partido Nacionalista Vasco.
miniatura|200px|Antonio García Quejido, un dos fundadores da Unión Xeral de Traballadores xunto a Pablo Iglesias.
A Igrexa evoluciona dende unha primeira posición de intransixencia cara á conciliación. Na Constitución española de 1876 presentouse un duro conflito en relación á aplicación do artigo 11:
«A relixión Católica, Apostólica, Romana, é a do Estado. A Nación obrígase a manter o culto e os seus ministros. Ninguén será molestado no territorio español polas súas opinións relixiosas, nin polo exercicio do seu respectivo culto, salvo o respecto debido á moral cristiá. Non se permitirán, porén, outras manifestacións públicas cás da relixión do Estado.»
Inicialmente, os gobernos conservadores levaron a cabo unha interpretación restritiva, que provocou numerosas protestas de embaixadores estranxeiros. O debate fíxose máis tenso en relación coa ensinanza, esixindo os bispos a garantía dunha ensinanza doutrinal -como un dereito recoñecido polo concordato- e da supervisión e censura dos contidos da ensinanza, en lugar da función inspectora que lle correspondía ao Estado.
Tamén se estendeu o conflito na regularización do matrimonio civil, previsto inicialmente, pero sen desenvolvemento posterior debido á oposición da Igrexa. En novembro de 1886, Alonso Martínez tomou a iniciativa de autorizar o matrimonio para os non católicos. Tras intensas negociacións acadouse un acordo coa Santa Sé, polo que esta lle recoñecía ao Estado a potestade de regular os efectos civís do matrimonio.
Os gobernos dende o inicio da restauración até o desastre de 1898 A principal novidade dos sucesivos gobernos da Restauración foi a alternancia pacífica entre os partidos dinásticos, mediante o sistema de quenda pacífica, que consistía en que o monarca transfería o poder ao partido opositor que procedía á convocatoria dunhas eleccións que lexitimasen o seu goberno, invertendo, polo tanto, a orde natural de dito proceso. Para lograr esa alternancia, empregábanse métodos como o encasillado ou a fraude electoral.
miniatura|200px|esquerda| Antonio Cánovas del CastilloAs primeiras eleccións da Restauración tiveron lugar o 20 de xaneiro de 1876, obtendo a maioría absoluta os conservadores de Cánovas, con 333 escanos. Celebráronse aínda baixo o sistema da Constitución de 1869. Os constitucionalistas, porén, aínda non aceptaban o novo réxime, obtendo 27 escanos. O ascenso ao poder do xeneral Martínez Campos levou a unha convocatoria de eleccións o 20 de abril de 1879, que deu aos liberais-conservadores 293 escanos. Cánovas volveu ao poder en decembro do mesmo ano como resultado da división nas ringleiras conservadoras debido á lei de abolición da escravitude nas Antillas. Centrou os seus esforzos en lograr unha alternancia estable cos constitucionalistas de Sagasta, fundador do Partido Liberal Fusionista en marzo de 1880, identificado xa co novo réxime. Accedeu ao poder o 10 de febreiro de 1881, nun ensaio da alternancia pacífica dos partidos. Disolveu as Cortes e convocou novas eleccións, nas que a súa formación obtén 297 escanos.
Sagasta gobernou até o 13 de outubro de 1883, no que deixou paso a un goberno de Posada Herrera, da súa mesma formación política, que finalmente tivo que dimitir pola hostilidade dos propios sagastinos. Encargouse o goberno a Cánovas, que volveu disolver as Cortes; nos comicios de abril de 1884 a súa formación obtivo 318 deputados. Nestas eleccións, nas palabras do deputado José Mª Celleruelo, ponse de manifesto o espírito do sistema electoral: "falsificouse a Xunta do Censo; esta falsificou os interventores; o alcalde falsificou as presidencias das mesas e as mesas, despois destas gravísimas falsificacións, falsificaron o resultado da elección".
A morte prematura de Afonso XII, o 24 de novembro de 1885, decidiu a Cánovas a outorgar o poder ao Partido Liberal, nun acordo de consolidación do réxime que pasaría á historia como Pacto del Pardo, pero que precipitaría a defección do canovismo dun grupo acaudillado por Romero Robledo. O novo goberno de Sagasta, o primeiro da Rexencia, nomeouse o 25 de novembro de 1885, convocando eleccións para o 4 de abril do seguinte ano. Repetíronse as irregularidades xa usuais, logrando que os liberais acadasen 278 escanos, entre eles, por primeira vez, Álvaro de Figueroa, Conde de Romanones (pola provincia de Guadalaxara).
O 26 de xuño de 1890, o goberno liberal cambiou a lei electoral, restituíndo o sufraxio universal para os homes maiores de 25 anos. Este sistema non supuxo unha variación substancial dos vicios electorais, pero trouxo consigo novas condutas políticas que, ao final, levarían á súa crise e ao seu desmantelamento.
As Cortes liberais disolvéronse en decembro de 1890, tomando o poder un goberno de Cánovas, que convocou eleccións para febreiro de 1891. Aínda que os métodos empregados polo Ministro de Gobernación, Francisco Sivela, foron algo menos escandalosos que os do seu antecesor Romero Robledo, o Partido Conservador obtivo a maioría, aínda que algo máis escasa que de costume, con 253 actas. Os partidarios da república conseguiron algúns éxitos chegando a 31 escanos.
A unidade dos conservadores tremía, xa sufrira unha disidencia con Romero Robledo, aínda que volvera ao rego. Desta vez, foi Sivela, baixo a bandeira da moralización. A súa saída provocou a dimisión de Cánovas en decembro de 1892, e deixou paso á terceira quenda liberal.
Sagasta formou goberno, que convocou eleccións o 5 de marzo de 1893, que deron a habitual maioría aos liberais con 281 escanos. A sorpresa dérona os republicanos con 47 escanos, o segundo grupo, superando os conservadores oficialistas, afectados polos problemas internos.