Pablo Trigueros Estrada, nado en Herreruela de Oropesa o 4 de abril de 1993, é un futbolista español que xoga como defensa central no Gimnàstic de Tarragona, da Primeira División RFEF.

É curmán do centrocampista do Villarreal, Manu Trigueros.Trigueros: "Mi padre quiso hacerme del Atlético"

Traxectoria Naceu nunha familia de futbolistas, pois seu pai, Julio Trigueros, militou varios anos en equipos da Segunda División B, ao igual que o seu tío José Antonio; mentres que outro dos seus tíos, Manuel, xogou na Segunda División co Atlético Marileño e o Granada. Ademais o seu curmán Manu Trigueros é xogador do Villarreal.

Pasou polas filas do equipo xuvenil do Atlético de Madrid, antes de chegar na tempada 2012/13 ao Atlético de Madrid C, da Terceira División. Durante as seguintes dúas tempadas alternou o C co Atlético de Madrid B, da Segunda B.

Nas tempadas 2015/16 e 2016/17 xogou nas filas da Arandina CF, onde se fixo coa titularidade. Na tempada 2017/18 fichou polo Rápido de Bouzas, que iniciaba a primeira campaña na Segunda B da súa historia. Titular indiscutible, foi o xogador de campo con máis minutos esa tempada no equipo adestrado por Borja Jiménez, que acabou sendo a revelación do Grupo I, no que quedou a tan só 2 puntos da promoción de ascenso a Segunda División.

Na tempada 2018/19 asinou pola Ponferradina, adestrada por Bolo. Foi titular durante case toda a tempada, facendo parella de centrais con Zabaco, e conseguiu o ascenso á Segunda División, despois de derrotar na fase de promoción a Cornellà, Cartagena e Hércules. Na seguinte tempada disputou 32 encontros coa Ponferradina na Segunda División e marcou un gol contra o Cádiz no Ramón de Carranza.

O 1 de outubro de 2020 fíxose oficial a súa incorporación ao CD Mirandés, tamén da categoría de prata, por unha tempada. Con todo, disputou só 18 partidos no equipo de José Alberto, que preferiu aos centrais Berrocal e Vivian.

O 6 de xullo de 2021, despois de rematar o seu contrato co club burgalés, asinou polo Deportivo da Coruña, na nova Primeira División RFEF. Debutou co club galego na vitoria por 0-1 da segunda xornada fronte ao Tudelano no Ciudad de Tudela. Con todo, foi un dos xogadores menos utilizados polo adestrador Borja Jiménez, participando só en oito partidos de liga e dous de Copa do Rei. Ao remate da tempada o seu contrato non foi renovado e puxo rumbo a Castela e León, onde asinou como novo xogador da Cultural Leonesa.

Disputou un total de 31 partidos no club leonés, marcando 2 goles. En 2023 fichou polo Gimnàstic de Tarragona, da mesma categoría.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados na provincia de Toledo Categoría:Futbolistas de Castela-A Mancha Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Arandina CF Categoría:Xogadores do Rápido de Bouzas Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona