O Retrato de Adele Bloch-Bauer I, tamén coñecida como A dama dourada ou A dama de ouro (en inglés: The woman in gold), é unha pintura de Gustav Klimt completada en 1907. De acordo con informes xornalísticos, foi vendida por 135 millóns de dólares estadounidenses a Ronald Lauder, propietario da Neue Galerie en Nova York, en xuño de 2006, o que a converteu nese momento na segunda pintura de maior valor de todo o mundo. A obra exhíbese na Neue Galerie dende xullo do mesmo ano.
Historia A Klimt levoulle tres anos completar este retrato, que mide 138 x 138 cm e que está feito con óleo e ouro sobre tea, cunha ornamentación elaborada e complexa tal como se ve nos traballos do Jugendstil. Klimt foi membro da Secesión vienesa, un grupo de artistas que romperon coa forma tradicional de pintar. A obra foi realizada en Viena, encargada por Ferdinand Bloch-Bauer.Ferdinand Bloch-Bauer, rexistrado como Ferdinand Bloch, fillo de David Bloch (tamén coñecido como Abraham Bloch), banqueiro e industrial do azucre, e a súa esposa Marie, rexistrada como Straschnow. Ferdinand casou con Adele Bauer, filla de Moritz Bauer, director do banco Wiener Bankverein, e a súa esposa Jeanette, rexistrada como Honig. Cando Ferdinand casou con Adela, ambos adoptaron o apelido Bloch-Bauer.
Como rico industrial que fixo a súa fortuna na industria azucreira, apoiou as artes e favoreceu e promoveu o labor de Klimt. Adele Bloch-Bauer converteuse na única modelo pintada en dúas ocasións por Klimt cando completou un segundo cadro, Retrato de Adele Bloch-Bauer II, en 1912. Adele indicou no seu testamento que os cadros de Klimt deberían doarse á Galería do Estado de Austria. No 1925 Adele morreu de meninxite, e cando os nazis ocuparon Austria, o seu viúvo exiliouse en Suíza. Todas as súas propiedades foron confiscadas, incluída a colección Klimt. No seu testamento de 1945, Bauer-Bloch designa aos seus sobriños e sobriñas, incluíndo a Maria Altmann, como herdeiros do seu patrimonio.
Como as pinturas propiedade de Bloch-Bauer permaneceron en Austria, o goberno inclinouse polo testamento de Adele. Logo dunha batalla legal en Estados Unidos e en Austria, determinouse que Maria Altmann era a propietaria legal tanto desta como das outras catro pinturas de Klimt que posuía o seu tío. A decisión foi aceptada en Austria con resignación. Despois de que os cadros fosen enviados aos Estados Unidos, estiveron en exhibición nos Ánxeles ata que o Retrato de Adele Bloch-Bauer I foi vendido a Lauder.
A pintura pasou a ser a peza central da colección de Lauder na súa Neue Galerie de Nova York, que durante anos tentou recuperar a arte propiedade da comunidade xudía, a maioría de Alemaña e Austria, confiscada ou roubada polo goberno nazi. Lauder traballou con este obxectivo mentres foi embaixador dos Estados Unidos en Austria, membro da World Jewish Restitution Organization e da comisión designada por Bill Clinton para examinar casos de roubos polos nazis. É significativo o comentario de Lauder ao recuperar o Retrato de Adele Bloch-Bauer I: «Esta é a nosa Mona Lisa...».Cita
No ano 2015 realizouse unha película da BBC con Helen Mirren e Ryan Reynolds chamada Woman in Gold, dirixida por Simon Curtis, con guión de Alexi Kaye Campbell e música composta por Hans Zimmer e Martin Phipps, que relata precisamente a restitución desta obra.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Documentación sobre la batalla legal Artículo en Guardian (06/2006) Artículo en IHT (06/2006) Artículo en Slate (06/2006) Los Angeles County Museum of Art: Klimt The Illicit Cultural Property Blog Neue Galerie La batalla de las pinturas de Klimt
Categoría:Obras pictóricas de 1907 Categoría:Gustav Klimt