Noruega (en noruegués: Norge (bokmål), Noreg (nynorsk), en saami: Norga), é un país nórdico gobernado por unha monarquía constitucional que ocupa a porción oeste da península escandinava. O país fai fronteira con Suecia, Finlandia e Rusia. A súa capital e principal cidade é Oslo.
Forman parte do Reino de Noruega os territorios árticos de Jan Mayen e das illas Svalbard, cuxa soberanía foi establecida polo tratado de Svalbard asinado en 1920. Porén os territorios meridionais da illa Bouvet na parte sur do océano Atlántico e a Illa de Pedro I no sur do océano Pacífico considéranse dependencias e polo tanto non conforman parte do reino como tal. Noruega é ademais un dos países que reclama territorio na Antártida, concretamente o sector coñecido como Terra da Raíña Maud.
Dende a segunda guerra mundial, o país experimentou un rápido crecemento, que contribuíu a que o país estea actualmente entre aqueles cun maior nivel de vida grazas ao seu sistema nacional de subsidios. Este crecemento económico débese en parte ao desenvolvemento e explotación das reservas costeiras de gas e petróleo do país. O desenvolvemento humano de Noruega é un dos maiores do mundo, ocupando o país o primeiro posto na listaxe de países por nivel de desenvolvemento humano (IDH) entre o 2001 e o 2007 (compartindo este posto con Islandia no 2007). É ademais un dos membros fundadores da Organización das Nacións Unidas.
Etimoloxía Existen dúas formas de lingua norueguesa escrita, o bokmål e o nynorsk, así pois o nome oficial de Noruega é Kongeriket Norge, na primeira normativa e Kongeriket Noreg na segunda. Ademais do noruegués no país tamén se falan as linguas saamis e o finés, sendo o nome nestas linguas Norga ou Norgga gonagasriika en saami setentrional, Vuodna ou Vuona gånågisrijkka en saami de Lule, Nøørje ou Nøørjen gånkarijhke en saami meridional e Norja ou Norjan kuningaskunta en finlandés.
O nome usual de Noruega no antigo nórdico era Noregr, Nord veg ou Norð vegri, que quere dicir "ruta do norte" ou "camiño cara ao norte". No latín medieval o nome utilizado era Nor(th)vegia e en saxón antigo Norþ weg. O nórdico antigo e o nynorsk teñen bastantes similitudes cunha palabra do saami antigo que significa "ao longo da costa" ou "ao longo do mar", que se escribe nuorrek no actual saami de Lule. A presenza de dito arcaísmo é empregado por outros estudosos para estabelecer que a palabra saami é aborixe e non foi tomada das linguas nor-xermánicas. A primeira evidencia escrita do emprego da verba "Noruega" data do século IX nunha tradución en anglosaxón dun libro de Paulo Orosio, "Sete libros de historia en contra dos pagáns". A tradución foi feita polo rei Alfredo o Grande de Wessex para incluír un reconto seu das viaxes de Ohthere de Hålogaland, unha aventura viquinga.
Historia Era Viquinga
miniatura|esquerda|Leif Eriksson descobre Vinlandia, sendo un dos primeiros europeos en chegar a América do Norte. En Noruega, que non era máis que unha rexión xeográfica sen unidade política, había no século VIII estados minúsculos cuxos xefes militares eran chamados Jarl. Estes tiñan ao seu servizo homes libres, campesiños e pescadores, que ademais cumprían unha función militar. Á súa vez, os campesiños eran servidos por escravos e servos libres. Considérase que a Era Viquinga en Noruega esténdese aproximadamente dende o 800 até o ano 1100. Historicamente, esta época adoita limitarse dun xeito máis específico, dende o ataque á illa de Lindisfarne en 793 até a batalla de Stamford Bridge de 1066.
Dende o século VIII, os Jarl comezaron a organizar expedicións militares fóra dos seus territorios, atacando estados europeos por medio de correrías e saqueos. Xunto con daneses e suecos, serían coñecidos como viquingos ou normandos. As campañas norueguesas dirixíronse principalmente ao norte e ao oeste, colonizando a costa setentrional do que hoxe é Noruega, e poboando territorios até entón deshabitados: Shetland, as Illas Feroe e Islandia. Desde Islandia, o explorador Erik o Vermello partiu á colonización de Groenlandia a fins do século X, chegando o seu fillo Leifr Eiríksson ao continente americano, o cal chamou Vinlandia.
Na era viquinga, os Jarl locais comezaron a organizarse por rexións. Os poboados ao redor do Fiorde de Trondheim uníronse nunha liga rexida por un só ting (asemblea), mentres no sur de Noruega ocorreu algo similar. No final do século IX Harald I de Noruega asumiu como rei de Vestfold, e a través de alianzas cos Jarl de Håløyg e Møre puido incrementar o seu poder e derrotar os seus rivais de Hordaland e Rogaland na batalla de Hafrsfjord (no ano 872). Esta batalla foi considerada tradicionalmente como o evento que marcou a unificación do país nun só reino baixo a autoridade de Harald.
Porén os sucesores do rei non puideron fortalecer o poder monárquico e as loitas dos monarcas cos Jarl ou os pretendentes rivais propiciaron a intervención de Dinamarca, convertendo a Noruega nun reino vasalo daquel. O fillo de Harald, Haakon I de Noruega, foi o primeiro rei noruegués en adoptar o cristianismo, pero non puido establecer a nova fe ante a reticencia da poboación, mais o seu sobriño, Olavo o Santo, lograría quince anos despois, fortalecer a monarquía e a Igrexa e establecer estritas leis, pero os seus rivais pediron a intervención de Dinamarca e lograron expulsalo e finalmente, dándolle morte en 1030. A pronta canonización de Olaf influíu en que o seu fillo Magnus ocupase o trono en 1035, tras chegar a un acordo co seu rival Hardeknut de Dinamarca: o que sobrevivise ao outro tomaría o poder de ámbolos reinos, así Magnus herdou o trono de Dinamarca en 1042. Á morte de Magnus, Noruega e Dinamarca separáronse e Harald Hardråde, o sucesor en Noruega, tentou sen éxito conquistar Dinamarca, viaxando en 1066 a Inglaterra a reclamar o trono dese país, mais atopou a morte na batalla de Stamford Bridge fronte ao seu inimigo Haroldo o Saxón. Coa súa morte finaliza a Era Viquinga.
Idade Media
miniatura|esquerda|Margarida de Dinamarca Entre 1066 e 1130, o reino de Noruega estableceuse xa solidamente, aínda que aínda contaba cun sistema administrativo bastante rudimentario. Na época inmediatamente posterior á Era Viquinga, alcanzouse en Noruega un período de paz interna e de crecemento económico, pero a carencia dun sistema claro do dereito de sucesión do trono provocou tensións e finalmente, tras a morte de Sigurd o Cruzado en 1130, unha guerra civil. Esta guerra, por regra xeral, consistiu en conflitos armados intercalados entre breves períodos de paz. Os bandos opostos trataban de impor o seu pretendente e, á morte dun deles, os seus seguidores mantíñanse aglutinados ao redor dun sucesor.
A Igrexa interveu nos anos 1160 a favor de Magnus Erlingsson, que sería o primeiro monarca noruegués en ser coroado. Ao mesmo tempo, por influencia da Igrexa, redactouse a primeira lei de sucesión escrita, que estipulaba a condición de fillo lexítimo para alcanzar o trono. Porén, os seus opositores uníronse, co patrocinio do clero, na facción coñecida como os bagler. Desde 1208 até 1217, o país quedou dividido pola guerra entre ambos os partidos, ata que se alcanzou a reconciliación e o rei Haakon IV foi recoñecido polas dúas faccións en 1217.
Haakon V, rei desde 1299, trasladou a capital a Oslo, casou cunha princesa alemá e tentou incrementar a influencia norueguesa en Escandinavia, participando en conflitos internos de Suecia. Esa política levaría á unión de Noruega cos seus veciños por longos períodos. Así pois, aínda que unidos baixo un mesmo monarca, Suecia e Noruega mantivéronse como reinos independentes, coas súas propias leis e o seu propio Consello. Magnus VII tivo dous fillos, e os dous Consellos acordaron que se outorgase o trono dun país a cada un deles. Magnus abdicou a coroa norueguesa no seu fillo Haakon VI en 1362, que casou coa princesa Margarida de Dinamarca, sendo o seu único fillo, Olav, rei de Dinamarca en 1375 e á morte de Haakon VI en 1380, tamén en rei de Noruega. Desde entón, agás breves excepcións, Noruega permanecería unida a Dinamarca até 1814.
Olav IV morreu á idade de 17 anos, e con el extinguiuse a dinastía dos Folkung en Escandinavia. A súa nai, Margarida de Dinamarca, quen xa gobernaba como rexenta, foi nomeada raíña de Dinamarca en 1387 e de Noruega en 1388. Enfrontouse ao poder da Liga Hanseática e interveu en Suecia contra o goberno do príncipe alemán Alberte de Mecklemburgo. Unha vez nomeada raíña en Suecia, constituíu a Unión de Kalmar en 1397, chamada así pola cidade sueca onde se reuniron os consellos reais do tres reinos para acordar os termos da unión. Esta foi unha unión persoal baixo a éxida de Margarita, mais os tres reinos manténdose de facto independentes politicamente.
Unión con Dinamarca
miniatura|Cristián III de Dinamarca, rei que introduciu o luteranismo en Noruega. miniatura|"Unha tarde na Sociedade Norueguesa" de Eilif Peterssen (1814), agrupación que fomentou en gran medida o nacionalismo noruegués. Trala rotura da Unión de Kalmar, Noruega mantívose unida a Dinamarca. En 1536 Cristián III converteuse en rei de Dinamarca tras unha cruenta guerra civil. En Noruega había certa oposición a que Cristián asumise como rei, principalmente pola súa relixión luterana e a súa inimizade co campesiñado. Este rei introduciu en 1537 a reforma protestante en Dinamarca, e en 1539 en Noruega, tras ser recoñecido como rei polo consello real. Ese mesmo ano o consello foi disolto e o país perdeu a súa independencia política. A nova Igrexa seguía os ensinos de Martiño Lutero e tiña como líder o rei, quen expulsou as comunidades monásticas católicas e se apropiou de todas as propiedades da Igrexa católica, que en Noruega alcanzaban preto do 40% das terras.
Noruega foi dividida en cinco provincias principais, e cada unha destas foi subdividida en provincias menores. As provincias eran gobernadas por un landsmann, que no seu maior parte eran aristócratas daneses e só en poucos casos nobres noruegueses. Os lendmann tiñan a responsabilidade de cobrar impostos e dereitos de aduana, recrutar soldados en situacións de guerra, designar sacerdotes e servir de xuíces nos tribunais superiores. O control sobre estes gobernadores nunca foi o mellor e sucedían casos de corrupción.
Antes de 1660, o rei de Dinamarca e Noruega gobernaba xunto a un consello de nobres. O poder real estaba limitado e o consello podía elixir o sucesor á morte do monarca. Despois das guerras sueco-danesas, para asegurar a defensa dos seus territorios, Frederico III obtivo créditos da burguesía, despois na asemblea dos estados os burgueses e o clero alegaron que ante a derrota na guerra necesitábase un Estado máis forte e propuxeron que o rei tivese dereitos hereditarios en Dinamarca e que decidise como debían ser gobernados os dous reinos no futuro. O rei tivo a oportunidade de asegurarse o poder absoluto, que foi ratificado por escrito na Lei Real de 1665. En Noruega, a entrada do absolutismo marcou a perda das súas últimas institucións nacionais, e desde entón o país quedou reducido ao papel dunha provincia danesa, aínda que, oficialmente, continuou sendo un reino. A educación superior estaba restrinxida ás elites do país que podían custear estudos en Copenhague.
Máis tarde, nas guerras napoleónicas, Dinamarca e Noruega mantivéronse aliadas de Francia. As actividades bélicas en Noruega foron marxinais, e inscribíronse principalmente na serie de escaramuzas que o goberno mantivo fronte ao Reino Unido na chamada guerra das canoneiras. O desenlace do conflito sería, con todo, de gran transcendencia na historia de Noruega. En 1814, a derrota de Napoleón foi tamén a de Dinamarca-Noruega e o rei Frederico VI asinou o Tratado de Kiel o 14 de xaneiro dese ano, polo cal Noruega era cedida a Suecia. Islandia, as Illas Feroe e Groenlandia, territorios até entón oficialmente parte de Noruega, non se incluíron no tratado e permaneceron como dominios daneses.