miniatura|San Bruno nos montes de Calabria. Obra de Juan Sánchez Cotán, O. Cart, de principios do século XVII. Bruno de Colonia, nado en Colonia (actual Alemaña) c. 1030 e finado en Serra San Bruno (Italia) o 6 de outubro de 1101, foi un relixioso católico fundador da Orde dos Cartuxos. É considerado santo pola Igrexa católica.

Traxectoria

Mocidade Descoñecendo a data exacta do seu nacemento, admítese que naceu entre o 1024 e o 1030 en Colonia, naquela altura unha cidade-estado integrante do Sacro Imperio Romano Xermánico. Nado no seo dunha familia senlleira e formouse academicamente na escola de San Cuniberto na súa cidade natal, ata que con 15 anos trasladouse a Reims (Francia) para cursar os estudos superiores na escola catedralicia. Alí fíxose sacerdote e foi nomeado cóengo da catedral e cara 1056 mestrescola, é dicir superior, da escola da catedral de Reims, unha das principais institucións intelectuais da época e onde tería como alumno ao futuro papa Urbano II.

En 1068 ou 1069 Manasés de Gournay foi nomeado arcebispo de Reims. A súa designación foi mediante a simonía, é dicir, a compra do cargo co beneplácito do rei Filipe I de Francia. Manasés foi atacado polos seus abusos, aínda que intentou congraciarse cos críticos promovendo a Bruno de Colonia ao cargo de chanceler, encargado da expedición e rexistro da documentación da curia arcebispal. Máis críticas continuaron, sendo Bruno de Colonia un dos que denunciaba as arbitrariedades. A situación derivou nun conflito co arcebispo que acabou por cesar dos seus cargos a Bruno, en 1076, quen canda outros compañeiros fuxiu de Reims por medo ás represalias, atopando refuxio no castelo do conde Ebal de Roucy. Bruno e os outros perseguidos denunciaron Manasés por simonía no Concilio de Clermont en 1076 e, de novo, no de Autun, onde foi suspendido nas súas funcións, aínda que ordenou a confiscación dos bens dos seus críticos. O enfrontamento continuaría ata que en 1080 o papa Gregorio VII destituíu definitivamente a Manasés. Segundo a tradición, a experiencia da persecución e da perda dos seus bens reafirmaron a súa vontade de retiro para achegarse a Deus. Foi así que buscou integrarse na vida monástica, partindo canda outros dous compañeiros, Lamberto e Pedro, cara Molesmes, onde o abade do mosteiro, Roberto, logo un dos fundadores do Císter, permitiu que se instalaran nunha leira en Sèche-Fontaine. Aló formaron unha comunidade case eremita que se mantivo entre 1081 e 1083. Tras esta experiencia rexeita unirse á vida cenobítica do mosteiro, marchando con outros compañeiros a Grenoble, onde son recibidos polo bispo Hugo de Châteauneuf.

Fundación da Orde dos Cartuxos miniatura|Ilustracións dun libro do século XV que mostran ao bispo Hugo conducindo a Bruno de Colonia e os seus seguidores ata o lugar onde fundar a Grande Cartuxa. En Grenoble, no ano 1084, consegue o apoio do bispo para establecer un eremitorio no monte que estará formado por Bruno e outros sete compañeiros. Segundo a tradición, Hugo, guiado por un soño no que sete estrelas lle indicaban o lugar, levounos ata o macizo prealpino de Chartreuse. Este é considerado como o momento fundacional da Orde dos Cartuxos e fundación da casa nai da orde, a Grande Cartuxa. Bruno e os seus ergueron un refuxio que consistía nunhas cabanas de madeira abertas a unha galería que lles daba acceso ás zonas comúns (igrexa, refectorio, sala capitular) mais protexidos das condicións climáticas. Deste xeito, estableceron a arquitectura que logo imitarán o resto de cartuxas, pero tamén esa comunidade era heteroxénea internamente: se ben cinco eran relixiosos, dous non o eran, senón que eran leigos que traballaban para garantir a supervivencia dos outros, centrados na contemplación. Así se establecía unha das particularidades da Orde dos Cartuxos, a convivencia no mosteiro dos chamados monxes do claustro, monxes que tamén son sacerdotes, e os conversos, aqueles monxes que non son curas e traballaban nos servizos precisos para a comunidade. En 1086, o bispo Hugo de Grenoble confirmou as doazóns feitas para fundar o eremitorio.

En 1090 foi convocado polo seu antigo alumno e agora papa Urbano II a Roma, obrigándolle a marchar da cartuxa. Ao servizo do papa trasladouse con el ao sur de Italia marchando da ofensiva do emperador Henrique IV contra Roma. Sen adaptarse á corte papal e botando en falta a vida que pensara na cartuxa, Bruno de Colonia rexeitou aceptar o ofrecemento do pontífice para ser arcebispo de Reggio. Co apoio papal fundou un novo eremitorio en Calabria: Santa María da Torre. Alí faleceu o 6 de outubro de 1101.

Canonización Logo da súa morte foi considerado xa santo en Calabria así como en Reims. En 1514, o papa León X autorizou aos cartuxos a render culto ao seu fundador, e en 1674, Clemente X estendeuno a toda a Igrexa católica.

Representación iconográfica Malia a que a súa vida monacal foi serodia, adoita ser representado como un home novo, cunha ampla tonsura e de barba rasurada, levando como vestido o hábito cartuxo: túnica branca con amplas mangas, cinto negro e o característico capucho.

Notas

Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Finados en 1101 Categoría:Nados en Colonia