Para outras moedas dun dólar dedicadas a Eisenhower, véxase Dólar de prata do centenario de Eisenhower e Dólar presidencial
Dólar Eisenhower "1 Dollar "Eisenhower Dollar"". Numista.com 190x190px190x190px A/: Cabeza de Dwight D. Eisenhower cara á esquerda. Data no exergo. Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. R/: Aguia cunha póla de loureiro nas súas poutas sobre paisaxe lunar, baseado na insignia da misión Apollo 11. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE DOLLAR Datas: 1971-1978. Cecas e marcas: Filadelfia (sen marca), Denver (D) e San Francisco (S). Gravador: Frank Gasparro (estándar) e Dennis R. Williams (bicentenario). Aliaxe: Circulante: alma de cobre; baño de cuproníquel (total: 91,67 cobre, 8,33 % níquel). / Para coleccionistas: alma de cobre; baño de prata (total: 60 % cobre, 40 % prata). Diámetro: 38,1 mm. Peso: 22,68 g (cuproníquel) e 24,59 g (prata). Espesor: 2,58 mm. Canto: estriado. O dólar Eisenhower é unha moeda con valor facial dun dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1971 e 1978, caracterizada por amosar no seu anverso a figura do expresidente estadounidense Dwight D. Eisenhower.
No reverso represéntase unha imaxe estilizada en conmemoración da misión lunar Apollo 11 en 1969, baseada na insignia oficial desta misión. Ambas as faces foron deseñadas por Frank Gasparro, daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU.
O dólar Eisenhower é a primeira moeda dun dólar cuñada pola US Mint desde a cancelación da serie do "dólar Peace" en 1935. É tamén o derradeiro dólar cuñado no seu tamaño grande orixinal e a primeira deste valor e tamaño cuxas tiraxes destinadas á circulación non conteñen prata.
En 1965, por mor da suba do prezo do metal precioso, a US Mint comezou a cuñar moedas bañadas en cuproníquel, no canto da prata. Nos anteriores 30 anos non se cuñara ningunha moeda dun dólar mais, a partir de 1969, os lexisladores trataron de reintroducir no sistema moedas con este valor facial. Ademais, logo do falecemento de Eisenhower no mes de marzo, comezaron a xurdir propostas para honrar a súa figura cunha moeda. Malia contaren estes proxectos de lei cun grande apoio, a súa aprobación demorouse por unha disputa acerca de se a nova moeda debería ser de metal común ou levar un 40 % de prata. En 1970 chegouse a un acordo polo que se cuñarían moedas en metal común para a súa posta en circulación e, por outra parte, cun 40 % de prata destinadas aos coleccionistas. O presidente Richard Nixon, que fora vicepresidente con Eisenhower, asinou a lei que autorizaba a emisión desta nova moeda o 31 de decembro de 1970.
Aínda que a versión con prata tivo éxito comercial no mercado do coleccionismo, a versión estándar practicamente non chegou a utilizarse na circulación, coa excepción dos casinos de Nevada, onde pasaron a ocupar o lugar das fichas emitidas por particulares.
As moedas cuñadas tanto en 1975 como en 1976 amosan a dobre data 1776-1976 e portan un reverso especial, obra do gravador Dennis R. Williams, en conmemoración do centenario da independencia dos Estados Unidos. A partir de 1977, a Casa da Moeda comezou os seus intentos para a substitución do dólar Eisenhower por outro de menor tamaño e, neste sentido, o Congreso autorizou a creación do dólar Susan B. Anthony, que comezou a cuñarse en 1979, aínda que tamén con escaso éxito na circulación.
Antecedentes miniatura|300px|"Dólar Peace" de 1928.
O dólar de prata nunca foi nos Estados Unidos unha moeda de ampla circulación, excepto no oeste do país. Serviu máis ben como medio para a monetización do metal e en moitas ocasións, logo da súa cuñaxe, ficaba nas bóvedas dos bancos. O coñecido como "dólar Peace", o último en circulación cuñado en prata, xa non se producía desde 1935 e na maioría dos anos do cuarto de século anterior o valor da súa prata non superaba os 70 centavos. No entanto, a partir da década de 1960 os prezos da prata subiron e as enormes reservas de dólares de prata nas mans dos bancos e do Goberno chegaron ás mans da poboación mediante o troco de "certificados de prata". Esta situación ocasionou unha escaseza de dólares de prata nos estados occidentais, onde estas moedas circulaban realmente, e alí foi onde máis interese se orixinou pola emisión de máis dólares.Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2844-2846.
miniatura|160x160px|Cuñaxe privada, non oficial, do "dólar Peace" datado en 1964.
O 3 de agosto de 1964, o Congreso aprobou unha lei que prevía a cuñaxe de 45 millóns de dólares de prata. Esta lexislación promulgouse cando as moedas desapareceran da circulación ao subir o prezo da prata por riba dos 1,29 dólares a onza, o que fixo que os dólares de prata valesen máis como metal precioso que como moeda. Prevíase que estas novas pezas estivesen destinadas a seren utilizadas nos casinos de Nevada, onde os dólares de prata eran moi populares. As publicacións numismáticas queixábanse de que a cuñaxe dos dólares suporía un dispendio de recursos.Breen, W. (1988). Páxina 461. A lei aprobárase por instancias do líder da maioría no Senado, o demócrata por Montana Mike Mansfield, representante dun estado no que os dólares de prata tiñan moito uso.Burdette, R. W. (2005). Páxina 78. Malia os esforzos da directora da Casa da Moeda dos EEUU, Eva Adams, o senador Mansfield negouse a tomar en consideración ningún tipo de cancelación nin demora e o 12 de maio de 1965 a Casa da Moeda de Denver comezou a cuñar unha nova tiraxe dos "dólares Peace"Burdette, R. W. (2005). Páxina 86. (a ceca acadara en 1965 a autorización do Congreso para seguir cuñando moedas con data 1964).Bardes, H. C. (1964).
O 15 de maio de 1965 realizouse o anuncio público das novas pezas,Burdette, R. W. (2005). Páxinas 87-88. que foi recibido con moitas obxeccións. Tanto a poboación como moitos congresistas consideraron que a emisión supuña un mal uso dos recursos da US Mint nun momento de grave escaseza de moedas. O 24 de maio, un día antes dunha sesión convocada apresuradamente polo Congreso, Adams anunciou que as pezas cuñadas serían consideradas como unha tiraxe de proba, e non se debían considerar como para a súa posta en circulación. A Casa da Moeda declarou despois que se cuñaran 316.076 pezas, que finalmente foron refundidas entre grandes medidas de seguridade. Para se asegurar de que estes feitos non se producisen novamente, o Congreso incluíu unha disposición na Lei da Moeda (Coinage Act) de 1965 que prohibía a cuñaxe de dólares de prata durante un período de cinco anos.Burdette, R. W. (2005). Páxinas 98-101. Mediante esta lei tamén se eliminou a prata das moedas de dez e de vinte e cinco centavos, e reduciuse o contido deste metal ao 40 % na moeda de medio dólar.Logan, C. (1979-a-). Páxina 36.
Proceso de aprobación En 1969, a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos durante a presidencia de Nixon, Mary Brooks, tratou de recuperar a moeda dun dólar. Naquel momento, o aumento do prezo dos metais preciosos ameazaba a continuidade do uso da prata no medio dólar co busto de Kennedy, aínda que Brooks esperaba manter o dólar como moeda de prata. A proposta de Brooks para un novo dólar de prata atopou a oposición do presidente do Comité Bancario da Cámara de Representantes, Wright Patman, a quen o predecesor de Nixon, Lyndon Johnson, convencera, en contra do seu criterio, de que seguise a utilizar a prata no medio dólar.Logan, C. (1979-a-). Páxina 37.
O 28 de marzo de 1969 morreu o expresidente e xeneral na segunda guerra mundial Dwight D. Eisenhower. Pouco despois, a representante de Nova Jersey Florence Dwyer, republicana, como Eisenhower, suxeriu que a moeda dun dólar proposta levase a súa imaxe. Falou coa representante demócrata de Missouri Leonor Sullivan, quen estivo conforme con esa idea, en "igualdade de condicións", dado que o medio dólar amosaba o retrato do expresidente demócrata John F. Kennedy.Logan, C. (1979-a-). Páxinas 37, 40. O congresista por Connecticut Robert N. Giaimo presentou un proxecto de lei para autorizar o dólar Eisenhower, que se cuñaría sen contido ningún de prata. A Comisión Conxunta da Moeda, formada por membros da Administración e do Congreso, incluído Giaimo, recomendou o dólar na primavera de 1969. Esta comisión pedía tamén que se eliminase a prata da moeda de medio dólar e que se transferisen do Tesouro á Administración de Servizos Xerais cantidades de dólares de prata pouco comúns, para que puidesen venderse. Giaimo Afirmou que a moeda sería útil nos casinos, que estaban a emitir as súas propias fichas ante a carencia de moedas dun dólar en circulación, e tamén na industria das máquinas expendedoras, que estaba empezando a vender artigos de maior prezo.Haney, T. W. (1969).
O 3 de outubro de1969, o Comité Bancario da Cámara deu a súa aprobación á lexislación para a creación do dólar Eisenhower sen prata, e Patman declarou que esperaba tela aprobada polo pleno da Cámara a tempo para o aniversario do defunto presidente, o 14 de outubro.NYT (1969-a-). O 6 de outubro, os patrocinadores do proxecto de lei perderon unha votación de trámite que tería permitido non poder presentar emendas. A pesar de que algúns representantes se pronunciaron en contra da forma en que se ía tomar en consideración a lei, o congresista por Iowa H. R. Gross opúxose á composición do metal base da moeda proposta: "non se lle faría ningunha honra á memoria do presidente Eisenhower cuñando un dólar quizais feito de chatarra".NYT (1969-b-).
Ambas as cámaras votaron o 14 de outubro, o día do aniversario de Eisenhower. Aínda que a Cámara de Representantes aprobou o proxecto de lei apoiado pola Administración para un dólar de metal común, o Senado aprobou o proxecto de lei emendado polo senador de Colorado Peter Dominick, que pedía que a moeda se cuñase cun 40 % de prata. Unha carta de Mamie Eisenhower contribuíu á aprobación da emenda do Senado, lembrando que ao seu marido lle gustaba agasallar dólares de prata como recordo e que se esforzara por conseguir estas moedas cuñadas no ano do seu nacemento,1890.Grose, P. (1969).The Bulletin (1979). O senador por Idaho James McClure declarou: "dalgún xeito está por baixo da dignidade dun gran presidente como o xeneral Eisenhower retirar a prata da moeda". O 29 de outubro de 1969, o representante de Texas Robert R. Casey presentou un proxecto de lei para honrar tanto a Eisenhower como a recente aluaxe do Apollo 11. Estas disposicións pasarían a formar parte do proxecto de lei promulgado que autorizaría o dólar Eisenhower.Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2860. Nun principio, Casey quería que o lema da misión lunar do Apollo 11 (We came in peace for all mankind, "vimos en paz para toda a humanidade") aparecese na moeda. Cando a Casa da Moeda o informou de que non habería sitio para esa inscrición, conformouse con solicitar no seu lugar que o reverso representase unha imaxe emblemática sobre ese tema.Ezerman, R. et al. (2007). Páxina 57.
En marzo de 1970, ambas as cámaras chegaron a un compromiso mediante o cal se cuñarían 150 millóns de dólares cunha aliaxe de prata do 40 % para o mercado do coleccionismo, en tanto que os dólares circulantes carecerían de prata e se cuñarían en cantidades moi superiores.NYT (1970-a-). Os 47,4 millóns de onzas troy de prata que cumprían para a cuñaxe das pezas de colección procedían do metal precioso que xa posuía o Goberno. O compromiso foi elaborado por McClure e outros congresistas republicanos, coa axuda de Brooks, de Idaho. McClure describiu este acordo como "moito menos do que o país merece, pero moito máis do que parecía que iamos obter".SDC (1970). A razón para ter unha edición con prata para os coleccionistas, e non toda a tiraxe, era evitar o acaparamento que xa sacara da circulación a moeda de medio dólar co busto de Kennedy.Wolenik, R. (1971). Páxina 29.