María Érika Reija López, nada en Lugo o 13 de maio de 1981, é unha politicóloga, xornalista e correspondente galega.
Traxectoria Érika Reija é licenciada en Ciencias da Información, na especialidade de Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e en Ciencias políticas e Goberno pola UNED. Ademais é experta no mundo árabe.
Desde setembro de 2004 a xuño de 2015, foi redactora da área de Internacional dos Servizos Informativos de Televisión Española, sendo enviada especial en diversos destinos, desde onde informou sobre a revolución da praza Tahrir ocorrida en 2011 en Exipto, a Guerra de Libia de 2011 e o conflito entre Israel e Palestina pola Franxa de Gaza. Tamén cubriu o rescate dos mineiros chilenos de 2010 na mina San José.
En 2011 traballou en Buscamundos, un programa de turismo solidario emitido na 2.
Entre o 1 de xullo de 2015 e o 30 de xuño de 2017, foi correspondente de TVE en Rabat, en substitución de Luis Pérez López. Como correspondente en Marrocos, cubriu a información daquel país e a de todo o continente africano.
Desde o 1 de xullo de 2017 ao 7 de marzo de 2022, pasou á correspondencia en Moscova. Como correspondente de Televisión Española en Rusia, cubriu a información daquel país e dos países que pertencían á Unión Soviética, sendo enviada especial en 2014 durante a anexión rusa de Crimea. Tivo que abandonar a cidade en 2022 durante a invasión de Ucraína debido á aprobación dunha nova lei que sanciona con até 15 anos de cárcere pola difusión de noticias que o goberno ruso considere como falsas.
Premios e recoñecementos
Recibiu en 2015 o premio «Entre Mulleres», outorgado polo concello de Lugo. Premio Internacional de Xornalismo á Mellor Correspondente Española en 2018 polo Club Internacional de Prensa e a Asociación de Correspondentes de Prensa Estranxeira. Recibiu o Premio José Couso en 2022.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1981 Categoría:Xornalistas de Lugo Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid