300 px|miniatura|As Meninas, a obra cume de Velázquez Diego Rodríguez de Silva y Velázquez, nado en Sevilla o 6 de xuño de 1599Bardi, Documentación sobre el hombre y el artista, p. 83. e finado en Madrid o 6 de agosto de 1660, xeralmente referido como Diego Velázquez, foi un pintor español, o principal artista da corte de Filipe IV de España e do século de Ouro español, e un dos máis grandes pintores de todos os tempos. Sobresaíu en retratos de gran realismo e penetración psicolóxica, entre outros da familia real, á que tiña acceso en calidade de pintor da Corte. Tamén creou escenas históricas e mitolóxicas.

O seu catálogo consta dunhas 120 ou 125 obras. O recoñecemento coma pintor universal foi serodio, cara a 1850. Acadou a súa máxima fama entre 1880 e 1920, coincidindo coa época dos pintores impresionistas franceses, para os que foi un referente. Manet sentiuse marabillado coa súa obra e cualificouno coma o «pintor de pintores» e «o máis grande pintor que xamais existiu». A parte fundamental dos seus cadros que integraban a colección real consérvase no Museo do Prado en Madrid.

Traxectoria Creou escenas cunha forte pegada histórica e cultural así como retratos da familia real española e outras figuras europeas notables, a súa obra é un exemplo de constante e ininterrompido progreso que culminou na produción da súa peza mestra, As Meninas (1656). A súa obra é escasa en cantidade, un cento de lenzos, pero proba o seu actuar reflexivo.

Na súa primeira actividade en Sevilla apréciase a influencia do naturalismo escuro de Caravaggio dentro dunha linguaxe persoal dirixida cara ás escenas de cociña, realistas en tipos, calidades e luces cunha certa melancolía. Xa nomeado pintor da corte os seus retratos seguirían esta tendencia, son retratos que non son detallistas nin adulatorios, móvense na austeridade matizados pola cor e de actitude severa.

Durante a súa estadía en Italia (1629-1630), Velázquez adquiriu experiencia en composición e na disposición das figuras no espazo, a súa paleta faise máis clara e a pincelada máis solta, de volta a Madrid aumenta o cromatismo dos seus retratos sempre mantendo a veracidade e o respecto co retratado. Na súa segunda estadía en Italia (1649-1651) adopta difíciles combinacións cromáticas, cunha penetración psicolóxica absoluta e toque inconexo.

Nos seus anos finais aumentou o seu barroquismo, que acada o seu cumio en As Meninas e na obra de 1657 As fiadeiras, construídas a través da perspectiva aérea e dunha factura desfeita.

Obra A rendición de Breda

miniatura|300px|A rendición de Breda, (1635). 307x367cm. Nesta obra atopou unha nova forma de captar a luz. Velázquez xa non empregou o modo «caravaggista» de iluminar os volumes con luz intensa e dirixida, como fixera na súa etapa sevillana. A técnica volveuse moi fluída.Pérez Sánchez, Velázquez y su arte, pp. 37-38. Sobre a marcha modificou a composición varias veces borrando o que non lle gustaba con lixeiras superposicións de cor. Así as lanzas dos soldados españois engadíronse nunha fase posterior. Este cadro da batalla de Breda estaba destinado a decorar o gran Salón de Reinos do Palacio do Bo Retiro, xunto con outros cadros de batallas de varios pintores. O Salón de Reinos concibiuse coa fin de exaltar á monarquía española e a Filipe IV.

Trátase dunha obra de total madureza técnica onde atopou unha nova forma de captar a luz. O estilo sevillano desapareceu, xa non emprega a forma «caravaggista» de tratar o volume iluminado. A técnica volveuse moi fluída ata o punto de que nalgunhas zonas o pigmento non cobre o lenzo deixando ver a preparación do mesmo. Neste cadro Velázquez rematou de desenvolver o seu estilo pictórico. A partir del pintou sempre con esta técnica, realizando posteriormente só pequenos axustes nela.Brown, Velázquez. Pintor y cortesano, pp. 84-87.

Na escena representada, o xeneral español Ambrosio Espínola recibe do holandés Xustino de Nassau as chaves da cidade conquistada. A escena é unha invención, xa que o acto de entrega de chaves non se produciu.López-Rey, Velázquez, p. 17.

Sobre a marcha Velázquez modificou a composición varias veces. Borraba o que non lle gustaba con lixeiras superposicións de cor. As radiografías permiten distinguir a superposición de moitas modificacións. Unha das máis significativas é a que fixo nas lanzas dos soldados españois, elemento capital da composición, que foron engadidas nunha fase posterior. A composición articúlase en profundidade mediante unha perspectiva aérea. Entre os soldados holandeses da esquerda e os españois da dereita hai rostros fortemente iluminados e outros están tratados en diferentes niveis de sombras. A figura do xeneral vencido tratado con nobreza é unha forma de resaltar ao vencedor. Á dereita, o cabalo de Espínola móvese impaciente. Entre os soldados, uns atenden e outros parecen distraídos. Son estes pequenos movementos e xestos os que quitan rixidez á rendición e lle dan unha aparencia de naturalidade.

O retrato do papa Inocencio X esquerda|miniatura|Inocencio X (1649-51). Inspirouse en anteriores retratos papais de Rafael e de Tiziano, aos que rendeu homenaxe. Sobre unha combinación de distintas tonalidades de vermellos, amarelos e brancos, a figura do pontífice erguida na cadeira de brazos ten moita forza, resaltando o vigor do seu rostro e a súa mirada severa. Trátase do retrato máis aclamado en vida do pintor e segue aínda hoxe en día suscitando admiración, é o que realizou ao papa Inocencio X. Pintado na súa segunda viaxe a Italia, o artista estaba no cumio da súa fama e da súa técnica.

Inspirouse no retrato de Xulio II que Rafael pintou cara ao ano 1511, e na interpretación que deste fixo Tiziano no retrato do papa Paulo III, ambos moi célebres e reproducidos. Velázquez rendeu homenaxe ao seu admirado mestre veneciano neste cadro máis que en ningún outro, aínda que se trata dunha creación independente: a figura erguida na cadeira ten moita forza.

Con pinceladas soltas varias tonalidades de vermellos combínanse, dende o máis afastado ao máis próximo, ao fondo o vermello escuro da cortina, despois o máis claro da cadeira, en primeiro plano o impresionante vermello da muceta cos seus luminosos reflexos. Sobre este ambiente domina a cabeza do pontífice, de trazos fortes e mirada severa.

Este retrato sempre foi moi admirado. Inspirou a pintores de todas as épocas dende Neri a Francis Bacon coa súa atormentada serie. Para Joshua Reynolds este cadro tratábase do mellor de Roma e un dos mellores do mundo.

Palomino dixo que Velázquez levou na súa volta a Madrid unha réplica, que se considera que é a versión conservada no Museo Wellington (Apsley House, Londres). Wellington arrebatóullela aos franceses trala batalla de Vitoria, que á súa vez a espoliaran en Madrid durante a Guerra da Independencia. Trátase da única copia considerada autógrafa por Velázquez das moitas réplicas existentes.

As Meninas

miniatura|300px|As Meninas, (1656). 318x276cm. Este cadro é considerado o cumio da súa pintura. A súa luz fai sentir como verdadeiro o aire do cuarto.Pérez Sánchez, Escuela espanola, p. 118. Velázquez atopábase, despois da súa segunda viaxe a Italia, en plena madureza vital e artística. En 1652 fora nomeado apousentador maior de palacio dispoñendo de pouco tempo para pintar, pero aínda así os escasos cadros que realizou nesta última etapa da súa vida considéranse excepcionais. En 1656 realizou As Meninas.Calvo Serraller; Las Meninas de Velázquez; p. 9-30Pérez Sánchez; Velázquez, Catálogo Exposición 1990; p. 46-50 Trátase dunha das obras máis famosas e controvertidas do noso tempo. Grazas a Palomino sabemos os nomes de case todas as personaxes. No centro aparece a infanta Margarita, asistida por dúas damas de honor, tamén coñecidas como meninas. Na dereita están dúas personaxes da corte, que padecían ananismo, María Bárbara Asquín e Nicolás Pertusato, este último dando un golpe a un can tumbado en primeiro plano. Detrás, en penumbra, aparecen unha dama de compañía e un garda de corps, ó fondo, na porta, José Nieto, apousentador da raíña. Á esquerda pintando un gran lenzo que se ve por detrás, atópase Diego Velázquez. No espello adivíñanse os reis, Filipe IV e a súa muller Mariana.Brown, Velázquez. La técnica del genio, pp. 181-194. Este cadro pintouse para ser colocado no despacho de verán do rei.

Para Gudiol As Meninas supoñen a culminación do seu estilo pictórico nun proceso continuado de simplificación da súa técnica pictórica, primando o realismo visual sobre os efectos do debuxo. Na súa evolución artística Velázquez entendeu que para plasmar con exactitude calquera forma só se precisaban unhas poucas pinceladas. Os seus amplos coñecementos da técnica pictórica permitíronlle determinar cales eran esas pinceladas e a intuición de darllas no lugar xusto ao primeiro toque, sen reiteracións nin rectificacións.Gudiol; Velázquez; p. 289-290

Segundo a descrición de Palomino, Velázquez serviuse do reflexo dos reis no espello para descubrir enxeñosamente o que estaba pintando.Palomino, pp. 248-251. As miradas da Infanta, do pintor, da anana, do garda, do can, da menina Isabel e do apousentador dende a porta do fondo diríxense cara ao espectador que observa o cadro, ocupando o punto focal no que previsiblemente se situaban os reis. Foucault destacou como Velázquez logrou integrar e confundir este espazo real do espectador e o primeiro plano do cadro creando a ilusión de continuidade entre os dous espazos.Gallego; Velázquez, Catálogo Exposición 1990; p. 324-328

Sobre o modo no que Velázquez se autorretrata, destaca que non se representa na acción manual de aplicar o pincel ao lenzo, senón nunha posición máis nobre e intelectual: en actitude de pensar e de reflexionar sobre o deseño interno da obra. Foi a primeira vez na arte occidental na que un pintor se retrataba xunto aos seus señores, en compañía dalgúns membros da familia real. Fíxoo no desempeño das súas funcións como pintor de cámara e coas insignias do seu rango, a chave de axuda de cámara e a cruz da Orde de Santiago, quizais engadida posteriormente e, por orde do propio rei, «para alento dos profesores desta nobilísima arte». O portugués Félix Costa describiu: «A Diego Velázquez pintor, deulle Filipe IV, rei de Castela, o hábito de Santiago, que é a primeira orde daquel reino, e a chave da súa cámara».Citado en Gilles Knox, Las últimas obras de Velázquez, p. 132.

Nas Meninas salienta a súa equilibrada composición e orde. En Velázquez, pintor barroco, permanecía aínda un intenso compoñente clásico, un interese pola orde e un menosprezo polos eixes oblicuos barrocos. A metade inferior do cadro está chea de personaxes en dinamismo contido, mentres que a metade superior está infundida nunha progresiva penumbra de quietude. Os cadros das paredes, o espello, a porta aberta do fondo son unha sucesión de formas rectangulares que forman un contrapunto os sutís xogos de cor que ocasionan as actitudes e movementos dos personaxes.

A composición articúlase repetindo a forma e as proporcións nos dous tríos principais (Velázquez-Agustina-Margarita por un lado e Isabel-Maribarbola-Nicolasito por outro), nunha posición moi reflexionada que non necesitou modificacións sobre a marcha, como era habitual nel (debido á súa forma de pintar chea de cambios e axustes durante o proceso de pintado).

miniatura|esquerda|A face da Infanta Margarita está tratada con tenues sombras e luminosos toques que dan lixeireza ao seu cabelo e modelan a súa figura.López-Rey (1978), Velázquez, pp. 156-164.