1806 (MDCCCVI) foi un ano común comezado en mércores segundo o calendario gregoriano.

Acontecementos Reino Unido O almirante e meteorólogo irlandés Francis Beaufort (nado no ano 1774 e finado 1857) crea e pon a punto unha escala graduada para medir a velocidade do vento. A escala proposta por Beaufort está divida por 12 graos (aínda que algún autor propón 13 - de se contar co grao "0"-) que abranguen a velocidade do vento dende "0 km/h para a calma" ata "118 km/h para o furacán". A escala pronto comezou a utilizarse universalmente. O 23 de xaneiro o político británico William Pitt, o Novo, primeiro ministro dende 1783 ata 1801 e dende 1804 ata a súa morte, falece en Londres con 46 anos de idade. Parlamentario desde 1781 como "whig" independente, Pitt é nomeado primeiro ministro con 24 anos de idade, o feito veulle tras contribuír á caída da coalición ministerial Fox-North e polos seus argumentos enérxicos xunto aos habituais razoamentos como home de estado. Pitt toma o mando da política de Gran Bretaña durante as guerras da revolución francesa. Pola confianza que lle dá o rei acompañado dunha sólida maioría no Parlamento, dan lugar a que o poder político decisorio pase baixo el ás mans do primeiro ministro. Prontamente toma o mando dun grupo de políticos reformistas, e ocúpase de restablece-lo equilibrio nas finanzas conseguindo mellora-la situación económica do seu país trala perda na guerra de Independencia norteamericana. O 16 de maio o consello de ministros británico, dirixido polo Lord William Wyndham Grenville (antigo ministro de Asuntos Exteriores de Pitt), decreta o bloqueo dos portos europeos, dende Brest ata Hamburgo. O chamado "ministerio de tódolos talentos", formado á morte de William Pitt (o novo); e que agruparía os partidarios de Pitt, de Addington e de Fox (tan só se mantería no poder un ano, pero lograría suprimir a trata de escravos en 1807), non atopa outra forma para asegura-lo comercio e prevenilo contra un posible ataque francés que impoñerse por medio da súa poderosa mariña.

Venezuela No primeiro semestre deste ano, o xeneral Francisco de Miranda (que intentará en dúas ocasións, sen éxito, organiza-lo alzamento nas colonias venezolanas contra a dominación española) non ten posibilidade de facer fronte ao exército que avanza dende Caracas na súa procura. Miranda volve embarcar cara a Trindade con voluntarios que viñeran dende os Estados Unidos, onde preparara a expedición liberadora coa axuda do presidente Jefferson (quen buscou como aliado polo consello o primeiro ministro británico Pitt). Pitt estaba interesado en forzar aos Estados Unidos, xa comprometidos co tema de Miranda, en entrar na guerra contra Francia e España; porén, Pitt desbotaba o proxecto de crear unha América baixo o auspicio da coroa británica coma unha monarquía parlamentaria. Pero a entrada en escena dun universitario e militar, nado en Caracas no 1750, de nome Miranda, e que viaxara por España no 1771 servindo o exército peninsular ata 1780 no que foi enviado a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia estadounidense, mudou todo ao respecto. Pola súa contra, Miranda, que grazas aos seus contactos con Jefferson e Hamilton, dos que xurdiu o proxecto da independencia venezolana, volve a Europa, onde participa na revolución francesa obtendo o grao de mariscal. Encarcerado polos xacobinos, puido librarse da guillotina. Creou en Londres (onde coñeceu a Bolívar) a Gran Reunión Americana (unha loxa masónica que propugnaba, unha vez obtida a independencia, a unión de toda a América hispana). Francisco de Miranda intenta apoderarse de Venezuela, contaba para iso co apoio económico do Reino Unido e o visto e prace de Estados Unidos. Logo de saír en febreiro de Nova York con 200 unidades, tenta desembarcar en Ocumare (en abril, feito que resulta un fracaso). Pero vese na obriga de refuxiarse na Illa de Granada e, posteriormente (na Illa de Barbados) recibe a axuda do almirante Cochrane. Despois do intento de conquista de Coro, no que consegue ocupala dez días (en agosto), Miranda volve ao Reino Unido, onde se xuntará con Simón Bolívar nos preparativos independentistas.

Europa O 15 de febreiro fírmase o tratado de París, entre Francia e Prusia, polo que esta última nación vese na obriga de acepta-lo peche do seus portos ao comercio británico. A resposta británica non se fai esperar, coa declaración de guerra a Prusia, unha resposta na que se inclúe tamén a entrega de Hannover a Francia. En marzo, Nápoles terá como novo rei a Xosé Bonaparte, con 38 anos, que no ano 1808 abdicará sobre Joachim Murat para que lle suceda cando se traslade a reinar en España. O 16 de maio Inglaterra decreta o estado de bloqueo en tódolos portos dende Brest a Hamburgo. Napoleón, mediante o decreto de Berlín, prohibe toda relación coas illas Británicas o 21 de novembro. O bloqueo continental que non rematará ata 1811 trae consigo o endurecemento recíproco das medidas no 1807. As novas conquistas de Napoleón como resposta: Holanda, cidades hanseáticas (entre os anos 1810/11), Portugal, España e os Estados Pontificios. A situación británica é crítica, pero non chega a ser desesperada porque compensa polas relacións con América do Sur. A hostilidade xeral dos países europeos súplese con materias nos cultivos que substitúen os produtos coloniais: remolacha de azucre, liño, algodón. O 24 de xullo Prusia e Rusia firman un convenio antifrancés. A creación da Confederación do Rin, da que Prusia non forma parte, pero na que si se integraban territorios que se atopaban baixo a súa soberanía, constitúe motivo de carraxe para os prusianos. Ó mesmo tempo, Rusia firma con Francia a concesión do porto de Cattaro e Iliria. En outubro fórmase a cuarta coalición contra Francia. Integrada por Rusia, Prusia (a que se unirán os territorios de: Saxonia, Brunswick e Saxonia-Weimar), Inglaterra e Suecia. Napoleón derrotará os prusianos en Jena 14 de outubro quedándose para si Prusia oriental (tomada o 8 de febreiro de 1807, ata alcanza-la paz de Tilsit (firmada o 7 de xullo de 1807). O 27 de decembro Rusia recibe a declaración de guerra do Imperio Otomán, polo que dende Turquía comezarán a saír novas tropas o 30 de decembro. A guerra turco-rusa non rematará ata o ano 1812. A pesar das vitorias rusas en Silistria (no 1809) e en Rustchuk (no 1811), o Tratado de Bucarest (firmado entre as dúas potencias o 28 de maio de 1812) deixará en favor de Rusia a cesión de Besarabia.

Francia En Francia o físico, Charles de Coulomb (nado en Angoulème un 14 de xuño de 1736 e finado en París o 23 de agosto de 1806), enxeñeiro militar que construíu o forte Bourbon na Martinica. Pero deixou o exército e se adicou ás investigacións científicas, ocupándose do magnetismo, o roce e da electroestática. Nos seus estudos e experiencias descubriu a lei que lle fixo famoso (a lei de Coulomb); que indica as atraccións mutuas, de atracción ou repulsión, de dous corpúsculos eléctricos, cuxos valores son inversamente proporcionais aos cadrados das distancias que os separan. Tamén desenvolveu a teoría da electrificación superficial dos condutores. No 1789, tras facer estudos sobre a acción do campo magnético terrestre na que emprega unha agulla imantada, introduciu a noción do momento magnético. Tamén creou a teoría da polarización e foi nomeado membro do Instituto. Desde que Napoleón I Bonaparte fora coroado como emperador dos franceses (o 2 de decembro de 1804), eleva a toda súa familia á dignidade real poñendo sobre as súas cabezas as coroas dos estados dependentes de Francia; pouco importaba que eses estados tivesen outro idioma, outra tradición política e outros costumes diferentes a Francia, e por iso rexeitaban con todas as súas forzas a idea dun rei, un goberno e unha administración estranxeira. Porén, estas consideracións non son válidas para Napoleón, quen tan só desexa poñer a Europa baixo o seu dominio. Para iso necesita persoas que sexan leais á súa persoa, que cumpran as súas ordes e, que estean capacitadas para impoñe-lo dominio francés sobre as demais nacións. Desconfiado por natureza, non cre na lealdade á súa persoa da maioría dos xenerais que o auxilian, nin tampouco confía na súa capacidade política; ademais de ver neles unhas persoas de ambicións escrupulosas, polo que non desexa entregarlle un excesivo poder. Tal situación, vese na obriga de acudir aos seus irmáns que, con escasa experiencia política, polo menos lle son fieis e préstanlle bos servizos. Seu irmán máis vello, Xosé, negociou no seu nome tratados con Austria e Gran Bretaña obtendo bos resultados. Seu irmán Luciano ocupaba a presidencia do Consello do Cincocentos o 18 de brumario (9 de novembro 1799 no calendario revolucionarios francés), data en que Napoleón fixo un golpe de estado, e dende o seu posto de presidente Luciano impediu que se celebrara unha votación con fin de condena-la toma de poder. Lois, dedicado tamén á carreira militar, e que xa o acompañara na súa campaña a Exipto como axudante, e máis tarde (no 1805), estivo como gobernador xeral de Piemonte (cargo que desenvolveu con acerto). Para iso, tras realizar unha calculada expansión nos territorios circundantes a Francia, instala como soberanos dos mesmos os seus irmáns. O 30 de marzo de 1806, José obtén a coroa de Nápoles que abandona no 1808 pola de España. En Nápoles, Napoleón coloca entón a Xaquín Murat, home da súa irmá Carolina. Nin que dicir ten para as demais irmás (Paulina e Elisa). No 1806 a República Bátava, estado dependente de Francia, convértese no reino de Holanda, de cuxa coroa faise cargo Luís. En Alemaña, Xerome é proclamado rei de Westfalia (feito que ocorrería o 18 de agosto 1807), estado formado recentemente con parte dos territorios de Prusia, Hannover e Hesse-Kassel. Deste modo, Napoleón colocou nos estados "tapón" entre Francia e Prusia, e demais territorios veciños, as persoas que máis confianza lle ofrecían. Porén, as súas esperanzas víronse defraudadas, xa que seus irmáns non se contentan con ser simples peóns da súa política, senón que intentan gobernar con estilo propio, e levar adiante as ideas que posúen, antagónicas ás veces ás do emperador. O 13 de febreiro Napoleón Bonaparte enfróntase ao papa Pío VII coma consecuencia das súas reservas ante o anuncio da aparición do "Catecismo Imperial", que será proclamado o 4 de abril, e no que aparece Napoleón definido como ministro de Deus na Terra. O 22 de agosto morre na cidade de París o pintor francés, Jean-Honoré Fragonard (que nacera un 5 de abril de 1732 en Grasse). Durante a súa aprendizaxe recibiu influencias dalgúns pintores famosos da súa época (Chardin, Boucher e Natoire). Neste período de aprendizaxe adicouse sobre todo a copia-las obras dos grandes pintores barrocos italianos e flamengos. Entre 1765 e 1772 centrou os seus cadros en temas de paisaxes e nus, nos que revela unha moderna sensualidade mediante a utilización de tons tenues, alternando entre os rosáceos e os perláceos ("La cómica estirada", no museo de Louvre, París). Foi máximo expoñente do decadentismo rococó, conseguindo algúns do cadros máis famosos do estilo, que resaltan polo seu cromatismo chispeante, especialmente poético ("Alegorías", no museo Louvre, París; "A rapaza que le", no museo National Gallery, Washington).

Países Baixos