Álvaro Vázquez García, nado en Badalona o 27 de abril de 1991, é un futbolista español que xoga como dianteiro no Arenas de Getxo, da Primeira Federación. É irmán do cantante Raoul Vázquez.
Traxectoria
Inicios Naceu en Badalona, nunha familia de orixe galega con raíces en Lugo e Portomarín. Aos cinco anos comezou a xogar ao fútbol na localidade de San Adrián de Besós, nas filas do CF Trajana. Posteriormente pasou polo CF Damm ata que en 2005 se incorporou ás categorías inferiores do Espanyol.
Espanyol
Categorías inferiores Comezou no cadete B, onde marcou 35 goles na súa primeira tempada, un máis que no cadete A na tempada seguinte. A continuación fixo 23 goles co xuvenil B na campaña 2007/08 e foi subcampión do Mundial de Clubs Sub-17. Na tempada 2008/09 pasou ao xuvenil A, pero perdeu gran parte do curso por lesión, anotando só sete goles. Xa na campaña 2009/10 foi o máximo goleador do equipo, a pesar de xogar durante a segunda volta en Segunda División B co Espanyol B, onde tamén foi o máximo goleador con oito goles.
Aos 19 anos, Mauricio Pochettino seleccionouno para realizar a pretempada co primeiro equipo, aínda que regresou ao filial para o inicio da tempada 2010/11 na Terceira División.
Primeiro equipo O 22 de setembro de 2010, debutou en Primeira División no estadio Santiago Bernabéu ante o Real Madrid CF, saltando ao terreo de xogo no minuto 72 substituíndo a Sergio García. Ao día seguinte, ante as baixas na dianteira, Pochettino colocouno de inicio ante Osasuna e marcou o gol da vitoria para o seu equipo. En 2011 foi nomeado ao Premio Golden Boy, que finalmente gañou Mario Götze. O 8 de xaneiro de 2012 marcou o gol do empate para o seu equipo no derbi barcelonés ante o FC Barcelona. Días despois, o 11 de xaneiro, marcou un triplete nos oitavos de final da Copa do Rei ante o Córdoba, que permitiu ao seu equipo clasificarse para os cuartos de final.
Acumulou 70 partidos co club catalán ata 2012, nos que marcou 17 goles.
Getafe Para a tempada 2012/13 fichou polo Getafe, co que disputou 31 partidos e marcou 4 goles. En setembro de 2013 puxo rumbo a Gales para xogar cedido no Swansea de Michael Laudrup, onde compartiu equipo con outros sete futbolistas españois. Debutou na Premier League o 22 do mesmo mes nunha vitoria por 2-0 contra o Crystal Palace, na que lle deu a asistencia a Nathan Dyer para o segundo gol. Disputou un total de 20 encontros co club galés, nos que non viu porta.
Trala fin da cesión regresou a Xetafe. Na tempada 2014/15 foi o máximo goleador do equipo madrileño, con nove tantos, mentres que na seguinte achegou cinco, insuficientes para que o equipo lograse a permanencia.
Espanyol (2ª etapa) Tralo descenso a Segunda do Getafe e cando parecía que ficharía polo Deportivo da Coruña, anunciouse o seu regreso ao Espanyol cun contrato por catro tempadas. Con todo, apenas dispuxo de minutos no equipo de Quique Sánchez Flores, co que disputou 10 partidos e só 2 deles como titular, antes de saír cedido ao Gimnàstic de Tarragona na segunda parte da tempada 2017/18 e ao Zaragoza na 2018/19, ambos da Segunda División. No segundo deles foi o máximo goleador do equipo, con 10 tantos.
Sporting de Gijón En xuño de 2019 rescindiu o seu contrato co Espanyol e ao mes seguinte anunciouse a súa fichaxe polo Sporting de Gijón. Na súa primeira tempada no equipo asturiano disputou un total de 38 partidos, sendo habitual no once titular trala chegada ao banco de Miroslav Đukić. Na tempada 2020/21, con David Gallego como adestrador, foi suplente en case tódolos partidos, e en xaneiro saíu cedido ao Sabadell ata o final da tempada. No equipo catalán xogou 9 partidos, 5 deles como titular, e acabou descendendo á Primeira División RFEF.
India O 30 de agosto rescindiu o seu contrato co Sporting de Gijón e asinou por unha tempada co Kerala Blasters da Superliga india. Fíxose coa titularidade dende o primeiro momento no equipo adestrado polo serbio Ivan Vukomanović e disputou un total de 23 partidos. Foi xunto co arxentino Jorge Pereyra o máximo goleador do conxunto, con 8 goles cada un. O equipo acabou cuarto na liga e disputou os play-offs, chegando ata a final, que perdeu na quenda de penaltis ante o Hyderabad.
En xuño de 2022 deixou Kochi e asinou polo FC Goa. Ás ordes do salmantino Carlos Peña, disputou 18 partidos, marcando un gol ante o Odisha.
Regreso a España En agosto de 2023 regresou ao fútbol español, asinando como novo xogador da Ponferradina, da Primeira Federación. Con todo, apenas tivo participación co equipo do Bierzo, disputando sete encontros, só un deles como titular, e un total de 168 minutos, ata que o seu contrato foi rescindido en decembro. Unhas semanas despois fichou polo Linares Deportivo, da mesma categoría. No equipo andaluz contou con máis protagonismo, sumando 4 goles en 16 partidos, pero non puido evitar o descenso á Segunda Federación. A continuación militou un ano no Badalona, da Terceira Federación, antes de volver á terceira categoría do fútbol español en 2025, cando asinou polo Arenas de Getxo.
Selección nacional Foi internacional coa selección española sub-20 no Mundial de fútbol sub-20 de 2011, celebrado en Colombia. Chegaron aos cuartos de final tras perder ante Brasil na quenda de penaltis. Foi o máximo goleador da selección española no torneo, con cinco goles, o que lle valeu a Bota de Prata, empatado co francés Alexandre Lacazette e co brasileiro Henrique Almeida. Foi tamén internacional coa selección española sub-21, coa que disputou a Eurocopa sub-21 de 2013, marcando un gol ante os Países Baixos e proclamándose campión do torneo.
En 2010 debutou coa selección de Cataluña, nun partido contra Honduras, e converteuse nun fixo das convocatorias do combinado catalán nos seguintes anos.
Vida persoal É irmán máis vello do cantante Raoul Vázquez, que saltou á fama tralo seu paso polo programa de televisión Operación Triunfo 2017.
Notas
Categoría:Nados en Badalona Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1991 Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do RCD Espanyol B Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Getafe CF Categoría:Xogadores do Swansea City AFC Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores do Kerala Blasters FC Categoría:Xogadores do FC Goa Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Linares Deportivo Categoría:Xogadores do CF Badalona Categoría:Xogadores do Arenas Club de Getxo Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cataluña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21