Roberto Olabe del Arco, nado en Salamanca o 5 de maio de 1996, é un futbolista español que xoga como centrocampista no Ibiza, da Primeira División RFEF. É fillo do antigo porteiro vasco Roberto Olabe.

Traxectoria

Real Sociedad Naceu en Salamanca, na época na que seu pai, Roberto Olabe, defendía a portería do Salamanca. Criouse en Donostia e formouse como futbolista na canteira da Real Sociedad. Co equipo xuvenil do club disputou a edición inaugural da Liga Xuvenil da UEFA na tempada 2013/14, na que ademais foi subcampión da Copa de Campións Xuvenil, despois de perder a final contra o Real Madrid.

Ao remate da súa etapa xuvenil xogou no Berio (segundo filial realista) ás ordes de Imanol Alguacil, así como no Sanse, primeiro filial do club, na Segunda División B.

Villarreal C En 2015 incorporouse á estrutura do Vilarreal CF, co que xogou durante a tempada 2015/16 nas filas do Vilarreal C, na Terceira División.

Atlético de Madrid B Para tempada 2016/17 fichou polo Atlético de Madrid B, tamén de Terceira. Co filial atlético logrou o ascenso a Segunda B ese mesmo ano, no que debutou ademais co primeiro equipo do Atlético de Madrid, nunha eliminatoria da Copa do Rei ante o Guijuelo na que xogou os minutos finais como substituto de Correa.

Durante a tempada 2017/18 foi un habitual nas aliñacións titulares de Óscar Fernández na categoría de bronce, adestrando tamén de xeito frecuente co primeiro equipo, co que foi convocado a varios partidos da Copa do Rei e da Europa League. En marzo de 2018 o seu contrato foi renovado por tres tempadas máis. En agosto de 2018 foi convocado para a Supercopa de Europa que o Atlético conquistou ante o Real Madrid, aínda que quedou no banco durante todo o partido.

Cesión ao Extremadura Ese mesmo mes anunciouse a cesión do centrocampista ao Extremadura UD, para xogar na Segunda División. Habitual no once titular para os tres técnicos que ocuparon o banco durante a tempada, disputou un total de 34 partidos e marcou un gol na vitoria por 1-2 sobre o Deportivo da Coruña en Riazor que serviu para sacar o equipo estremeño dos postos de descenso.

Eibar

Cesión ao Albacete O 7 de xullo de 2019 fichou polo Eibar por catro tempadas, aínda que na primeira delas saíu cedido ao Albacete Balompié, de Segunda. Con todo, no club adestrado por Ramis non estivo á altura das expectativas e en xaneiro chegouse a un acordo para poñer fin á súa cesión.

2ª cesión ao Extremadura Pasou a segunda metade da tempada cedido no Extremadura, cumprindo así a súa segunda etapa no club. Disputou a maioría de partidos restantes, pero o equipo de Manuel Mosquera acabou descendendo ao remate da campaña.

Cesión ao Tondela Para a tempada 2020/21 formou parte do cadro de xogadores do Eibar, pero non chegou a debutar na Primeira División, participando só en dous encontros da Copa do Rei. O 17 de xaneiro de 2021 anunciouse a súa saída para xogar cedido no CD Tondela ata o final da tempada. No equipo portugués tivo como técnico ao tamén donostiarra Pako Ayestarán e disputou un total de 17 encontros na Primeira Liga, 13 deles como titular.

Regresou a Eibar para a campaña 2021/22, pero Gaizka Garitano aliñouno só en tres encontros (un de liga e dous de Copa).

Alcorcón O 31 de xaneiro de 2022 rescindiu o seu contrato co club vasco e ese mesmo día fichou polo Alcorcón ata o final da tempada. No club amarelo recuperou protagonismo, disputando 15 encontros da Segunda División, 13 deles como titular, pero o equipo acabou descendendo.

Deportivo da Coruña O 7 de xullo de 2022 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña por dous anos. Iniciou a tempada 2022/23 con pouco protagonismo no equipo de Borja Jiménez, que lle deu a titularidade no centro do campo a Bergantiños e Villares. Con todo, acabou sendo un fixo no once inicial durante a parte central da competición, antes de perder peso no equipo de novo no treito final. Xogou un total de 35 partidos co club galego, 26 deles como titular. Non chegou a iniciar a segunda campaña do seu contrato, pois este foi rescindido no verán de 2023.

Ibiza Trala súa marcha da Coruña recalou nas Illas Baleares, onde fichou polo Ibiza, da mesma categoría.

Selección española Foi internacional coa selección española sub-17, coa que disputou tres encontros en 2012.

Vida persoal É fillo do exfutbolista Roberto Olabe, que militou entre outros equipos no Salamanca e na Real Sociedad. É neto por parte materna de Alfonso del Arco, que foi o último presidente do Salamanca antes da desaparición do histórico club en 2013.

Palmarés Atlético de Madrid Supercopa de Europa (1): 2018.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Salamanca Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Xogadores do Villarreal CF C Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Extremadura UD Categoría:Xogadores do SD Eibar Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do CD Tondela Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UD Ibiza-Eivissa Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17