Pedro Tomé Alonso, nado en Teixeiro o 30 de abril de 1932 e finado na Pobra do Caramiñal o 20 de xullo de 2022, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa central e facíao sempre cun pano branco na cabeza, imitando ao seu ídolo Pedrito.
Traxectoria Naceu en Teixeiro, sendo o cuarto dos cinco fillos de Argimira Alonso Nieto e do industrial Pedro Tomé Couceiro, fundador en Trasanquelos da primeira fábrica de queixos e manteiga de Galicia. Comezou a xogar ao fútbol nos Salesianos da Coruña, pasando máis tarde ao Español da mesma cidade.
En 1949 asinou un contrato de cinco anos co Deportivo da Coruña. Con todo, foi cedido nos seguintes anos ao Xuvenil, da Terceira División, equipo do que acabou sendo capitán e onde tivo como adestrador ao histórico Rodrigo. Xogaba sempre cun pano branco arredor da cabeza, imitando ao seu ídolo Pedrito. Durante esa época compaxinaba o fútbol co atletismo, chegando a ser campión de España militar nos 400 metros vallas.
O 17 de abril de 1952 debutou co Deportivo da Coruña da man de Chacho, nun partido da Copa do Rei contra o Valladolid en Zorrilla no que os coruñeses encaixaron seis goles (6-2). Disputou tamén o partido de volta en Riazor, no que o Deportivo quedou eliminado (3-3). En febreiro de 1953 foi atropelado por un trolebús na rúa de San Andrés, sufrindo varias lesións, entre elas a fractura dunha clavícula.
En xullo de 1953 pediu rescindir o seu contrato co Deportivo e para a tempada 1953/54 asinou coa Cultural Leonesa, coa que debutou na Segunda División na primeira xornada contra o Racing de Ferrol no Inferniño. No equipo adestrado por Galarraga coincidiu con varios futbolistas galegos como Chas, Quis, Ricardo e Barbeito, e foi titular en case tódolos partidos da tempada, rematando a liga na cuarta posición.
En abril de 1954 foi traspasado ao Valencia por 50.000 pesetas, e asinou un contrato co club che por un salario de 125.000 pesetas ao ano. No equipo de Carlos Iturraspe non dispuxo de minutos e non chegou a debutar na Primeira División, disputando só dous partidos amigables contra o Burjassot e o Alzira. En febreiro de 1955 saíu cedido ao Oviedo, co que xogou só un encontro ante o Eibar. Na tempada 1955/56 xogou co San Fernando na Segunda División. No club gaditano recuperou o protagonismo e foi o futbolista de campo con máis minutos durante a tempada.
En 1956 regresou ao Xuvenil, no que militou durante a tempada 1956/57 e boa parte da 1957/58. En abril de 1958 o Racing de Ferrol recorreu aos seus servizos despois de que se lesionase o seu defensa Juan Sánchez. Debutou coa camiseta verde nun partido ante o Indautxu e foi titular nos restantes encontros da tempada. A continuación, e con só 27 anos, deixou o fútbol por mor dunha lesión.
Trala súa retirada do fútbol, converteuse en secretario técnico do Deportivo da Coruña durante a presidencia de Antonio González, e ocupou o cargo durante 16 anos. Xogou tamén ao tenis e foi directivo do Club de Tenis da Coruña, onde fixo amizade con Manolo Santana. Foi tamén directivo da Hípica da Coruña e secretario técnico do Aero Club de Santiago e presidiu a Mutua Gallega de Accidentes dende finais da década de 1980 ata a de 2010.
Vida familiar Foi tío do produtor audiovisual e empresario Carlos Vasallo.
Notas
Categoría:Nados en Curtis Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Futbolistas de Curtis Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do San Fernando CD Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol