miniatura|O bisfenol A é un composto xenoestróxeno ambiental con capacidades estroxénicas usado na fabricación de plásticos. Os xenoestróxenos (/ksenoestróʃenos/) son un tipo de xenohormonas que teñen unha estrutura que imita os estróxenos e ten efectos estroxénicos. Poden ser sintéticos ou naturais. Entre os xenoestróxenos sintéticos están algúns compostos moi utilizados industrialmente, como os PCBs, o BPA e os ftalatos, que teñen efectos estroxénicos sobre os organismos vivos incluso se son bastante diferentes quimicamente das substancias estroxénicas producidas internamente polo sistema endócrino dos organimsos. Entre os xenoestróxenos naturais están os fitoestróxenos que son xenoestróxenos derivados de plantas. Como a principal ruta de exposición a estes compostos é o consumo na comida de plantas fitoestroxénicas, denomínanse ás veces "estróxenos dietarios". Os micoestróxenos son substancias estroxénicas procedentes de fungos que son outro tipo de xenoestróxenos e foron considerados tamén micotoxinas.

Os xenoestróxenos son clinicamente significativos porque poden imitar os efectos dos estróxenos endóxenos e foron implicados en favorecer a puberdade precoz e outros trastornos do sistema reprodutivo.

Tamén son xenoestróxenos os estróxenos farmacolóxicos (nos cales a acción estroxénica é o seu efecto pretendido, como no fármaco etinilestradiol usado en pílulas anticonceptivas), pero outros compostos químicos poden tamén ter efectos estroxénicos. Os xenoestróxenos foron introducidos no medio ambiente polos consumidores e empresas industriais, agrícolas e químicas só desde hai uns 70 anos, pero os arquiestróxenos existen de forma natural. Algunhas plantas (como os cereias e os legumes) usan substancias estroxénicas de forma natural posiblemente como parte das súas defensas naturais contra os animais herbívoros para controlaren a súa fertilidade.Infertility in the modern world: present and future prospects, Gillian R. Bentley, C. G. N. Mascie-Taylor, Cambridge University Press, p.99-100

O posible impacto ecolóxico e sobre a saúde humana dos xenoestróxenos causa unha preocupación crecente. A palabra xenoestòxeno deriva das palabras gregas ξένο (xeno, que significa 'alleo, estranxeiro'), οἶστρος (oistros, que significa 'desexo sexual') e γόνο (gono, que significa 'xerar') e literalmente significa "estróxeno alleo" (ao organismo). Os xenoestróxenos tamén se denominan "hormonas ambientais" ou compostos perturbadores endócrinos (ou EDC, do inglés Endocrine Disrupting Compounds). A maioría dos científicos que estudan os xenoestróxenos, como os de The Endocrine Society, considéranos como un perigo ambiental serio que ten efectos perturbadores hormonais tanto sobre a vida silvestre coma sobre o ser humano.

Mecanismo de acción

O comezo da puberdade caracterízase por un incremento dos niveis da hormona liberadora de gonadotropinas hipotalámicas (GnRH). A GnRH orixina a secreción de hormona luteinizante (LH) e de hormona estimulante dos folículos (FSH) desde a glándula pituitaria anterior, o cal á súa vez causa que os ovarios respondan segregando estradiol. O aumento do estróxeno gonadal promove o desenvolvemento dos peitos das mulleres, a distribución da graxa típica das femias e o crecemento esquelético. Os andróxenos adrenais e gonadais causan a aparición do pelo pubiano e axilar. A puberdade precoz periférica causada por estróxenos exóxenos avalíase estimando a diminución dos niveis de gonadotropinas.

Os xenoestróxenos que se encontran en plásticos, comida empaquetada, bandexas e contedores de bebidas, (máis aínda se queceron ao sol ou nun forno), poden interferir co desenvolmento da puberdade actuando a diferentes niveis: no eixe hipotalámico-hipofisario, nas gónadas, en órganos periféricos como as mamas, folículos pilosos e xenitais. Os compostos químicos exóxenos que imitan estróxenos poden alterar as funcións do sistema endócrino e causar varios problemas de saúde ao interferire coa síntese, metabolismo, a unión ou as respostas celulares dos estróxenos naturais.

Aínda que a fisioloxía do sistema reprodutor é complexa, a acción de estróxenos exóxenos ambientais hipotetízase que ocorre por dous posibles mecanismos. Os xenoestróxenos poden alterar de xeito temporal ou permanente os bucles de retroalimentación do cerebro, pituitaria, gónadas e tiroide, imitando os efectos dos estróxenos e activando os seus receptores específicos ou poden unirse a receptores de hormonas e bloquear a acción das hormonas naturais. Así é posible que os estróxenos ambientais poidan acelerar o desenvolvemento sexual se están presentes en concentración suficiente ou cunha exposición crónica. A semellanza da estrutura dos estróxenos exóxenos e os endóxenos cambia o balance hormonal dentro do corpo e como resultado aparecen diversos problemas reprodutivos nas femias. O mecanismo global de acción é que os compostos exóxenos que imitan estróxenos se unen aos receptores de estróxenos e causan a acción determinada nos órganos diana.

Efectos Os xenoestróxenos foron implicados en diversos problemas médicos e durante os últimos 10 anos moitos estudos científicos atoparon sólidas evidencias de efectos adversos sobre a saúde animal e humana.

Preocupa que os xenoestróxenos poidan actuar como falsos mensaxeiros e alterar os procesos de reprodución. Os xenoestróxenos, como todos os estróxenos, poden incrementar o crecemento do endometrio, polo que os tratamentos para a endometriose inclúen evitar os produtos que os conteñen. Igualmente, evítanse para previr o comezo ou o agravamento da adenomiose. En diversos estudos observáronse perturbacións na vida silvestre coa exposición estroxénica. Por exemplo, a vertedura desde asentamentos humanos, incluíndo a escorredura superficial e a auga que sae das plantas depuradoras de augas residuais libera grandes cantidades de xenoestróxenos nas correntes fluviais, o cal orixina grandes alteracións na vida acuática. Cun factor de bioacumulación de 105 –106, os peixes son extremadamente susceptibles aos contaminantes. As correntes fluviais en condicións máis áridas pénsase que teñen máis efecto debido ás concentracións máis altas dos compostos químicos que se encontran pouco diluídos.

Cando se comparan os peixes de augas arriba dunha planta depuradora de augas residuais cos que viven augas abaixo, os estudos indican que se encontra augas abaixo unha histopatoloxía alterada de ovarios e testículos, intersexo gonadal, tamaño reducido das gónadas, indución de viteloxenina e unha alteración na proporción de sexos.

A proporción de sexos está nesgada en favor das femias porque os xenoestróxenos interrompen a configuración gonadal causando unha reversión sexual completa ou parcial. Cando se comparan poboacións contiguas do peixe ciprínido de río Catostomus commersonii, as femias expostas poden ter ata cinco etapas ovocíticas e desenvolver os ovarios asincronicamente en comparación coas femias non expostas que xeralmente teñen dúas etapas ovocíticas e desenvolven os ovarios sincronicamene no grupo. Previamente, este tipo de diferenzas soamente se atoparan en especies tropicais e temperadas.

A concentración do esperma e os perímetros de mobilidade están reducidos en peixes macho expostos a xenoestróxenos ademais de estaren alterados os estadios da espermatoxénese. Ademais, os xenoestróxenos tañen causado a aparición dunha gran cantidade de peixes intersexo. Por exemplo, un estudo sinalou que o número de individuos intersexo no peixe Catostomus commersonii era igual ao número de machos na poboación que vivía augas abaixo dunha depuradora de augas. Non se atoparon individuos intersexo augas arriba da depuradora. Ademais, atoparon diferenzas na proporción de tecido ovárico e testicular e o seu grao de organización entre os peixes intersexo. Adicionalmente, os xenoestróxenos expoñen os peixes a indutores do CYP1A ao inhibiren unha posible proteína lábil e potenciar o receptor Ah, o cal foi ligado ao cancro epizoótico e á iniciación de tumores.

Estableceuse que a indución de CYP1A é un bo indicador para a exposición a xenoestróxenos. Ademais, os xenoestróxenso estimulan a viteloxenina (Vtg), a cal actú como unha reserva de nutrientes e as proteínas da zona radiata (Zrp), que forman as cubertas dos ovos. Por tanto, a Vtg e a Zrp son biomarcadores da exposición en peixes.

Outro efecto potencial dos xenoestróxenos é sobre os oncoxenes, concretamente en relación co cancro de mama. Algúns científicos dubidan que os xenoestróxenos teña ningún efecto biolóxico significativo nas concentracións en que se encontran no medio ambiente. Porén, hai unha evidencia substancial en diversos estudos recentes que indica que os xenoestróxenos poden incrementar o crecemento do cancro de mama en cultivo de tecidos.

Sinalouse que niveis moi baixos do xenoestróxeno bisfenol A poderían afectar con máis intensidade á sinalización neural fetal que niveis máis altos, o que indica que os modelos clásicos nos que a dose é igual á intensidade da resposta poderían non ser aplicables en tecidos susceptibles. Como neste estudo se aplicaban inxeccións intracerebelares, a súa relevancia respecto a exposicións ambientais non está clara, xa que é o papel dun efecto estroxénico comparado con algún outro efecto tóxico do bisfenol A.

Outros científicos argumentan que os efectos observados son espurios e inconsistentes ou que as cantidades dos axentes son demasiado baixas como para ter algún efecto. Unha enquisa de 1997 entre científicos de campos relacionados coa avaliación dos estróxenos atopou que o 13 % consideraba os perigos para a saúde dos xenoestróxenos como "altos", o 62 % como "menores" ou "ningún" e o 25 % estaban inseguros.

Especulouse que a diminución do reconto de espermatozoides en machos podía deberse a un incremento na exposición a estróxenos in utero. Sharpe nun estudo de revisión de 2005 indicou que as substancias estroxénicas externas son demaisado débiles nos seus efectos acumulativos como para alteraren as funcións reprodutivas dos machos, pero sinalou que a situación parece ser máis complexa, xa que os compostos químicos externos poden afectar o balance interno testosterona-estróxeno.

Impacto

A presenza tan estendida destas substancias estroxénicas é unha preocupación sanitaria significativa, tanto individualmente coma para a poboación. A vida depende da transmisión de información bioquímica á seguinte xeración e a presenza de xenoestróxenos pode interferir con este proceso transxeneracional introducindo o que Vidaeff e Sever chaman "confusión química" , que afirman: "Os resultados non apoian con certeza a idea de que os estróxe os ambientais contribúen a un incremento nos trastornos reprodutivos en machos, nin proporcionan suficiente base para rexeitar dita hipótese."

Un informe de 2008 mostra máis evidencias dos estendidos efectos dos compostos químicos feminizantes no desenvolvemento dos machos en todas as clases de vertebrados como un fenómeno espallado por todo o mundo. O 90 % dos aproximadamenete 100.000 compostos químicos introducidos recentemente están pouco regulados, de acordo coa Comisión Europea.It's official: Men are the weaker sex 7 de decembro de 2008. The Independent.

Axencias como a Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos e o Programa Internacional sobre Seguridade Química da Organización Mundial da Saúde son algunhas das encargadas de tratar estes asuntos.

Puberdade precoz