Mehmed Baždarević, nado en Višegrad o 28 de setembro de 1960, é un exfutbolista e adestrador bosníaco.

Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Željezničar do seu país e no Sochaux francés, militando nove tempadas en cada un deles. Alcumado Meša na antiga Iugoslavia e Mécha en Francia, está considerado como un dos mellores futbolistas bosníacos da historia.

Internacional coa selección de Iugoslavia, disputou con esta a Eurocopa de 1984. Trala disolución de Iugoslavia foi o primeiro capitán da selección de Bosnia e Hercegovina.

Traxectoria

Como futbolista

Željezničar Nacido o 28 de setembro de 1960 en Višegrad, por aquel entón parte de Iugoslavia e actualmente en Bosnia e Hercegovina, comezou a súa carreira como futbolista no Željezničar en 1978. Militou no club de Saraxevo durante nove anos, disputando máis de 300 partidos.

Na tempada 1980/81, o Željezničar alcanzou a final da Copa de Iugoslava por primeira e única vez na súa historia. Baždarević marcou dous goles na final, pero a vitoria acabou sendo para o Velež Mostar por 3-2. Catro anos despois formou parte do equipo que chegou ás semifinais da Copa da UEFA de 1985 con Ivica Osim como adestrador.

Sochaux En 1987 mudouse a Francia, onde fichou polo Sochaux, xunto co seu compatriota Faruk Hadžibegić. Militou outros nove anos no equipo francés, co que logrou o ascenso á Ligue 1 na súa primeira campaña. Disputou máis de 350 encontros co club de Montbéliard.

Últimos anos En 1996 fichou polo Nîmes, onde xogou durante unha tempada antes de pechar a sa carreira no fútbol suízo, nas filas do Étoile Carouge, no que se retirou en 1998.

Selección nacional Internacional con Iugoslavia dende as categorías inferiores, xogou nas seleccións júnior, olímpica e sub-21, e foi capitán da selección sub-20 que participou no Copa do Mundo sub-20 de 1979. Participou nos Xogos Olímpicos de 1984 nos Ánxeles, gañando a medalla de bronce.

En 1983 debutou coa selección iugoslava absoluta, nun partido amigable contra Francia. Disputou 54 partidos co conxunto iugoslavo, marcando catro, e participou con este na Eurocopa de 1984, na que foi titular en todos os partidos do equipo no torneo.

En 1989 a FIFA sancionouno por un ano por cuspir ao árbitro turco Yusuf Namoğlu durante a disputa dun partido contra Noruega en Saraxevo válido para a clasificación para o Mundial de 1990. Por este motivo non puido participar no torneo mundial, no que o seu equipo acadou os cuartos de final.

Coa disolución de Iugoslavia, Baždarević comezou a xogar coa selección de Bosnia e Hercegovina en 1992. Con todo, o equipo non foi recoñecido pola FIFA ata 1995 en parte debido á guerra de Bosnia. Debutou oficialmente en setembro de 1996, nun partido de clasificación para o Mundial de 1998 contra Grecia, portando o brazalete de capitán. Xogou o seu segundo e último partido ese mesmo ano contra Croacia.

Como adestrador

Inicios Entre 1998 e 2003 traballou como segundo adestrador no Sochaux, primeiro con Jean Fernandez e logo con Guy Lacombe, ademais de dirixir os equipos filiais do club.

Istres En 2003 converteuse no adestrador do Istres, da Ligue 2, co que conseguiu durante a súa primeira campaña o ascenso á Ligue 1. Este éxito supúxolle o premio ao mellor Adestrador do Ano da Ligue 2.

Étoile O 16 de xullo de 2005 fíxose cargo do Étoile du Sahel tunisiano. Con este club acadou ese mesmo ano a final da Liga de Campións da CAF, na que perdeu por un global de 3-0 diante do Al Ahly adestrado polo portugués Manuel José.

No campionato doméstico, o equipo acabou subcampión de liga, despois de perder na derradeira xornada ante o USM Monastir, indo parar o título ás vitrinas do seu máximo rival, o Espérance de Tunis. Tras esta derrota, Baždarević foi despedido.

Al-Wakrah (1ª etapa) Na tempada 2006/07 adestrou o Al-Wakrah de Qatar, rematando a liga na metade da táboa.

Grenoble En decembro de 2007 chegou ao banco do Grenoble francés, por recomendación do seu mentor, Ivica Osim. Rexeitou ofertas do Le Mans e do Niza, da primeira división, para facerse do equipo de Isère na segunda división. Ao final da tempada 2007/08 o Grenoble de Baždarević logrou o ascenso á Ligue 1 por primeira vez na súa historia. Na seguinte campaña o equipo conseguiu comodamente a permanencia e chegou ás semifinais da Copa de Francia, caendo ante o Rennes.

Deixou o club en setembro de 2010 por motivos económicos.

Sochaux O 10 de xuño de 2011 foi nomeado adestrador do Sochaux, club no que militara como xogador durante nove tempadas. Con todo, o 6 de marzo de 2012, despois de 8 meses no cargo, foi despedido debido aos malos resultados.

Al-Wakrah (2ª etapa) Na tempada 2012/13 adestrou por segunda vez o Al-Wakrah, co que só puido ser noveno (de 12 equipos) na liga qatarí.

Bosnia e Hercegovina ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e7/20150331_2201_AUT_BIH_2601.jpg/200px-20150331_2201_AUT_BIH_2601.jpg|miniatura|301x301px| Baždarević dirixindo a Bosnia e Hercegovina nun partido amigable contra Austria o 31 de marzo de 2015. O 13 de decembro de 2014, Baždarević foi nomeado adestrador da selección de Bosnia e Hercegovina, sendo elixido por diante das outras opcións, entre as que estaban Milovan Rajevac, Vahid Halilhodžić, Igor Štimac e Felix Magath. Sucedeu no cargo a Safet Sušić, que foi destituído pola N/FSBiH debido a unha serie de malos resultados na clasificación para a Eurocopa de 2016, con só dous puntos en catro partidos. A selección mellorou considerablemente con Baždarević no banco e conseguiu a clasificación para a repesca, pero nesta foi eliminada pola selección irlandesa cun marcador global de 3-1.

O seu contrato foi ampliado e en 2016 gañou a Copa Kirin despois de eliminar a Dinamarca nas semifinais e de vencer ao Xapón por 2-1 na final.

Deixou a selección bosníaca en decembro de 2017, despois de non ter conseguido a clasificación para o Mundial de 2018.

Paris FC En xuño de 2018 foi nomeado adestrador do Paris FC, da Ligue 2, co que asinou un contrato de dous anos. Na súa primeira tempada, o equipo francés rematou nun bo cuarto posto. Con todo, foi despedido o 30 de decembro de 2019 debido aos malos resultados da tempada seguinte.

Guingamp O 30 de agosto de 2020 asinou como novo técnico do Guingamp ata 2022. O 1 de febreiro de 2021, rescindiu o seu contrato co club debido aos malos resultados.

Vida persoal A esposa de Baždarević, Marina Baždarević, naceu en Belgrado, Serbia. Coñecéronse en 1979 nun avión que viaxaba do Xapón a Belgrado. Nove meses despois encontráronse de novo noutro voo de Tunisia a Belgrado e dende entón comezaron a saír. A súa filla, Téa Baždarević, traballa como xornalista en Francia.

Palmarés Como xogador Sochaux Ligue 2 (1): 1987/88.

Como adestrador Bosnia e Hercegovina Copa Kirin (1): 2016.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Sitio web oficial . Datos do xogador no Comité Olímpico Internacional .

Categoría:Nados na República Serbia Categoría:Nados en 1960 Categoría:Futbolistas de Iugoslavia Categoría:Futbolistas de Bosnia e Hercegovina Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Sochaux-Montbéliard Categoría:Xogadores do Nîmes Olympique Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Iugoslavia Categoría:Futbolistas olímpicos de Iugoslavia Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1984 Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1984 Categoría:Medallistas olímpicos de bronce por Iugoslavia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Bosnia e Hercegovina Categoría:Adestradores de fútbol de Bosnia e Hercegovina