miniatura|Alzado do Capitolio Estatal de Xeorxia, sede da Asemblea Xeral, en Atlanta
A Asemblea Xeral de Xeorxia (en inglés, Georgia General Assembly) é o parlamento do estado de Xeorxia, nos Estados Unidos. Os 236 membros da Asemblea Xeral de Xeorxia son escollidos por sufraxio universal e exercen o poder lexislativo. A súa fundación remóntase a 1777 e ten a súa sede no Capitolio Estatal de Xeorxia, en Atlanta.
Composición O artigo 3º da Constitución de Xeorxia determina que a Asemblea Xeral está integrada por:
O Senado: que non pode contar con máis de 56 membros (número que ten na actualidade). O tenente gobernador do estado é o presidente do Senado, aínda que só vota cando se produce un empate. Os senadores tamén escollen entre eles a un presidente para cando o tenente gobernador non asiste ás sesións. Os senadores deben ter, polo menos 25 anos, ser cidadáns dos Estados Unidos e levar dous anos de residencia en Xeorxia. A Cámara de Representantes: que non pode contar con menos de 180 deputados (número que ten na actualidade). Os representantes son escollidos en distritos uninominais e deben ter, polo menos, 21 anos, ser cidadáns dos Estados Unidos, levar dous anos residindo en Xeorxia e un na circunscrición pola que concorre.
Ambas as dúas cámaras son colexisladoras pois teñen funcións similares, se ben o Senado debe ratificar ou rexeitar determinados nomeamentos feitos polo gobernador, e a Cámara de Representantes ten un papel destacado nas leis de tipo fiscal.
A Asemblea Xeral renóvanse cada dous anos na súa totalidade e non existe límite de mandatos para os lexisladores.
Proceso lexislativo Cando un lexislador pretende facer unha proposta de lei, primeiramente debe dirixirse á Oficina de Consello Lexislativo, onde o orientarán sobre de que xeito redactala para ser precisa e adecuada. Unha vez feito, debe presentala nos rexistros da cámara á que pertenza. Logo, procédese á primeira lectura, é dicir, o título da lei é lido na cámara e remítese a un comité ou comisión parlamentaria. No comité a proposta é valorada e debatida, de non ser rexeita, o proceso lexislativo prosegue e chega ao pleno da cámara. Alí debátense as emendas e vótase a lei. É entón cando pasa á outra cámara e no caso de ser modificado o proxecto a outra debe votalo tamén. Unha vez votada na Asemblea Xeral, a lei é remitida ao gobernador para a súa entrada en vigor. Se o gobernador veta a lei, a Asemblea Xeral pode revogalo se así o votan dous terzos de cada cámara.
Membros destacados miniatura|O posterior Presidente Jimmy Carter foi senador estatal durante dous mandatos entre 1962 e 1966. Ao longo da súa historia, as cámaras da Asemblea Xeral de Xeorxia contaron con destacados políticos como William Pierce, William Few e Abraham Baldwin, que tamén participaron na Convención Constitucional que redactou a Constitución dos Estados Unidos.
En 1868, logo da Guerra Civil, foron electos os primeiros lexisladores afroamericanos que son chamados colectivamente "Original 33". Con todo, as manobras dos seus compañeiros de Asemblea lograron a expulsión destes 30 representantes e 3 senadores, en setembro de 1868. En 1870, o Tribunal Supremo de Xeorxia obrigaría a readmitilos.
As primeiras mulleres lexisladoras foron Bessie Kempton e Viola Ross Napier electas representantes no ano 1922.
Ademais, entre 1962 e 1966 Jimmy Carter foi senador estatal de Xeorxia. Este foi o primeiro cargo electo gañado polo que sería Presidente dos Estados Unidos entre 1977 e 1981.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos:
Xeorxia
Ligazóns externas:
Páxina web da Asemblea Xeral de Xeorxia (en inglés)
Categoría:Xeorxia, Estados Unidos de América Categoría:Política dos Estados Unidos de América Categoría:Parlamentos