miniatura|240px|Exterior da valva esquerda de Argopecten purpuratus miniatura|240px|Interior da valva esquerda do espécime arriba citado Argopecten purpuratus é unha especie de moluscos bivalvos mariños da orde dos ostreidos, superfamilia dos pectinoideos, familia dos pectínidos, subfamilia dos pectininos e tribo dos equipectininos, unha das oito integradas no xénero Argopecten.Argopecten purpuratus (Lamarck, 1819) no WoRMS. Consultado o 29 de agosto de 2022.

Taxonomía Descrición A especie foi descrita polo naturalista francés Jean-Baptiste Lamarck, baixo o nome de Pecten purpuratus.

Sinónimos Ademais de polo nome actualmente válido, a especie foi tamén coñecida polos sinónimos: Pecten purpuratus Lamarck, 1819 (protónimo) Pecten rudis G. B. Sowerby I, 1846 †

Hábitat e distribución Hábitat Argopecten purpuratus habita en substratos rochosos cubertos por algas, encontrándose en agrupacións chamadas bancos, onde se distingue unha zona de alta concentración e outra periférica, onde se alimenta de fitoplancto, que filtra mediante cilios.

Distribución Distribúese polas costas do océano Pacífico de Perú e Chile, onde se coñece polos nomes vulgares de ostión del norte en Chile, e concha de abanico no Perú.

Características Argopecten purpuratus presenta unha cuncha grande, sólida, circular, moderadamente convexa e máis longa do que alta. A súa cuncha ten forma de abano, con ambas as valvas convexas; a esquerda lixeiramente máis convexa que a dereita. A súas cunchas son equivalvas, simétricas, pleurotéticas, equilateradas; a valva esquerda é algo máis empenada que a dereita. Os umbos son ortóxiros. Posúen un contorno circular e un perióstraco opaco.

A coloración externa por riba das costelas da cuncha é branca con zonas púrpuras, e tamén poden aparecer tons rosados e marróns. Ás veces pode ser completamente branca, crema ou alaranxada, con pintas crema ou púrpura. A coloración interna das cunchas brancas é branca relucente; porén, nas coloreadas, hai bandas concéntricas de diferentes cores. Existen estrías de interrupción do crecemento concéntricas ben marcadas. O ligamento externo está inserto nunha raíz ligamentaria. É monomiario, coa impresión do músculo pouco acusada e a súa impresión é pouco clara.

Importancia comercial e gastronómica miniatura|240px|Prato típico de "ostiones frescos" miniatura|240px|"Conchitas a la parmesana", receita típica para consumir as "conchas de abanico" no Perú

Este molusco é moi apreciado polo tamaño do seu músculo adutor (denominado localmente "callo"). Explótase masivamente e tamén se cultiva, sobre todo no norte de Chile. A súa comercialización no mercado internacional alcanza gran valor. É unha especie suxeita a explotación pesqueira moi grande. Durante o ano 2014, desembarcáronse 4.146 toneladas en Chile onde, na IV rexión, se extraeron 3.340 toneladas, e a III rexión 806 toneladas.

O éxito logrado en Chile co cultivo deste molusco fixo desta actividade unha das máis prometedoras no campo da acuicultura. En 1999, as 1.700 toneladas de carne de Argopecten purpuratus producidas permitiron a Chile situarse como o terceiro produtor mundial de pectínidos de cultivo, por detrás da China e o Xapón. O seu cultivo no ano 1998 alcanzou o primeiro lugar entre as distintas especies de moluscos que comercializa este país.

Hai constancia da súa extracción e consumo desde a época pre-hispánica de Chile. Este molusco é consumido en fresco pola poboación, sendo acompañado con zume de limón e outros aderezos; tamén se come "á parmesana". Considérase de uso gourmet e tamén se lle atribúen propiedades afrodisíacas.

Confusión con outras especies no norte de España Investigadores da Universidade de Oviedo constataron en 20 restaurantes, 18 deles na Comunidade asturiana, a presenza da especie Argopecten purpuratus vendida como zamburiña coa que se adoita confundir en ocasións, especialmente por Internet, onde abonda a publicidade da «vieira do Pacífico, un molusco bivalvo coñecido de forma xeral como zamburiña». Esta "vieira do Pacífico" non é outra que a especie Argopecten purpuratus, que é un dos sucedáneos das xenuínas zamburiñas.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ostreidos Pectinoideos Pectínidos Pectininos Equipectininos Argopecten

Ligazóns externas SUBPESCA - Ostión del Norte Argopecten purpuratus - Inventario Nacional de Especies de Chile, MMA Argopecten purpuratus - FAO

Categoría:Pectínidos Categoría:Animais descritos en 1819 Categoría:Taxons descritos por Jean-Baptiste Lamarck