Paulo Jorge dos Santos Futre, nado en Montijo o 28 de febreiro de 1966, é un exfutbolista portugués que xogaba principalmente como extremo esquerdo.
Comezou a súa carreira no Sporting, fichando aos 18 anos polo Porto, co que gañou dúas ligas portuguesas e a Copa de Europa 1986/87. A continuación militou en clubs de varios países de Europa, destacando especialmente no Atlético de Madrid, co que xogou durante sete tempadas, do que foi capitán, e co que gañou dúas Copas do Rei. Pechou a súa carreira en 1998 no Xapón, xogando coa camiseta do Yokohama Flügels.
Foi 41 veces internacional coa selección portuguesa, coa que debutou aos 17 anos, e participou con esta no Mundial de 1986.
A revista World Soccer incluíuno na súa lista dos 100 mellores futbolistas do século XX.
Traxectoria
Inicios en Portugal Nacido en Montijo, no distrito de Setúbal, aos 9 anos ingresou nas categorías inferiores do Sporting CP, debutando co primeiro equipo aos 17, nun partido de liga diante do Penafiel. Un ano despois solicitou un aumento de soldo ao presidente João Rocha e tras ser rexeitado abandonou o club e fichou polo Porto.
Militou no club do Porto durante os seguintes tres anos, gañando dúas veces a Primeira Liga e contribuíndo na conquista da Copa de Europa 1986/87. Marcou un dos goles nas semifinais contra o Dynamo de Kíiv de Lobanovskyi e tivo unha destacada actuación na final contra o Bayern de Múnic no Praterstadion de Viena, onde o seu equipo gañou por 2-1.
Atlético de Madrid Trala vitoria continental foi traspasado ao Atlético de Madrid e ese mesmo ano quedou segundo nas votacións ao Balón de Ouro, superado só polo neerlandés Ruud Gullit. No club da capital española converteuse nun dos xogadores máis carismáticos e admirados polos seareiros, a pesar das continuas lesións de xeonllo que afectaron toda a súa carreira deportiva.
Capitaneou o equipo na conquista das Copas do Rei de 1990/91 e 1991/92, marcando un dos goles da final na segunda delas, contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu. Na tempada 1991/92 marcou un total de 16 goles e deu numerosas asistencias ao dianteiro Manolo, que con 27 tantos gañou o Trofeo Pichichi.
Benfica En xaneiro de 1993 decidiu deixar o Atlético, motivado polas críticas recibidas por parte do seu adestrador, Luis Aragonés. Regresou entón ao seu país e fichou polo Benfica, o último dos tres grandes clubs portugueses no que aínda non xogara. Militou só uns meses no equipo, co que gañou a Copa de Portugal, marcando dous goles na final contra o Boavista FC.
Olympique de Marsella A continuación asinou un contrato dunha tempada co Olympique de Marsella, onde coincidiu co seu compatriota Rui Barros. Con todo, as lesións e a competencia de Dragan Stojković na súa posición limitaron a súa participación a só oito partidos e dous goles.
Reggiana En novembro de 1993 deixou o club francés e trasladouse a Italia, asinando contrato coa Reggiana, club que viña de ascender á máxima categoría do fútbol italiano despois de 65 anos fóra dela. No seu debut, o 21 de novembro, marcou o primeiro gol na vitoria por 2-0 sobre o Cremonese, a primeira vitoria para o equipo de Reggio Emilia na historia da Serie A. Con todo, uns minutos despois sufriu unha grave lesión tras unha entrada de Alessandro Pedroni, que o mantivo lonxe dos terreos de xogo durante todo o que restaba de tempada.
Na campaña seguinte, disputou só 14 partidos, nos que marcou catro goles, insuficientes para salvar a Reggiana do descenso.
Milan En 1995 pasou ao Milan, adestrado por Fabio Capello, co que disputou un só partido. Foi na derradeira xornada de liga, xogando de titular na vitoria por 7-1 sobre o Cremonese en San Siro, coa que o equipo milanés celebrou a conquista do título de liga.
West Ham e Yokohama Na tempada 1996/97 militou no West Ham, da Premier League, antes de regresar ao Atlético de Madrid na 1997/98, na que apenas tivo participación no equipo de Radomir Antić. Puxo fin á súa carreira no Yokohama Flügels, da J1 League do Xapón en 1998.
Trala retirada Trala súa retirada traballou como director deportivo do Atlético de Madrid, posto que ocupou entre os anos 2000 e 2003. Posteriormente exerceu como promotor inmobiliario na súa cidade natal. En maio de 2011 formou parte da candidatura de José Eugénio Dias Ferreira á presidencia do Sporting, sen conseguir a vitoria.
Selección nacional Foi 41 veces internacional coa selección portuguesa, coa que marcou seis goles. Debutou nun partido contra Finlandia correspondente á clasificación para a Eurocopa de 1984 con só 17 anos e 204 días, converténdose no terceiro futbolista máis novo en vestir a camiseta do combinado nacional portugués, superado só por José Gralha e João dos Santos, que xogaran con 16 anos na década de 1920.
Foi convocado por José Torres para o Mundial de 1986 en México, onde xogou como substituto de Fernando Gomes nos dous primeiros partidos ante Inglaterra e Polonia, e como titular na derrota por 1-3 ante Marrocos que supuxo eliminación do equipo portugués na primeira fase.
Estatísticas Clubs ClubTempadaLigaCopas NacionaisCopa da LigaEuropaOutrasTotalDivisiónPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesSporting CP1983–84Primeira Divisão21350—30—293Porto1984–85Primeira Divisão30672—214143101985–86Primeira Divisão26741—30203581986–87Primeira Divisão251041—92224015Total8123154—1438311833Atlético de Madrid1987–88Primeira División35841———3991988–89Primeira División28570—21—3761989–90Primeira División271020—20—31101990–91Primeira División26361—20—3441991–92Primeira División31665—650043161992–93Primeira División16600—3120217Total16338257—1572020552Benfica1992–93Primeira Divisão11322—00—135Olympique de Marsella1993–94Ligue 1820000——82Reggiana1993–94Serie A1100———111994–95Serie A12410———134Total13510———145Milan1995–96Serie A1000—00—10West Ham1996–97Premier League900000——90Atlético de Madrid1997–98Primeira División10000—00—100Yokohama Flügels1998J.League1330030——163Total330774812303210103423103
Internacional Portugal AnoPartidos Goles 1983 1 0 1984 4 0 1985 4 1 1986 4 0 1987 2 0 1988 1 0 1989 4 1 1990 1 0 1991 8 2 1992 3 0 1993 8 2 1994 0 0 1995 1 0 Total 41 6
Palmarés Porto Primeira Liga (2): 1984/85, 1985/86. Copa de Portugal (1): 1992/93. Supercopa de Portugal (2): 1984, 1986. Copa de Europa (1): 1986/87.
Atlético de Madrid Copa do Rei (2): 1990/91, 1991/92.
Milan Serie A (2): 1995/96.
Individual Balón de Prata (1): 1987. Futbolista Portugués do Ano (2): 1986, 1987.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador na J.League . Datos do xogador coa selección portuguesa .
Categoría:Nados en 1966 Categoría:Nados no distrito de Setúbal Categoría:Futbolistas de Portugal Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Sporting Clube de Portugal Categoría:Xogadores do FC Porto Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do SL Benfica Categoría:Xogadores do Olympique de Marsella Categoría:Xogadores do AC Reggiana 1919 Categoría:Xogadores do AC Milan Categoría:Xogadores do West Ham United FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Portugal Categoría:Directores deportivos de fútbol