Valdecorvos é un barrio da cidade de Pontevedra na súa zona leste. É un barrio recente que ten unha función residencial.

Localización O barrio de Valdecorvos está situado ao leste da cidade de Pontevedra. Limita ao norte coa zona da Seca e de Santa Margarida, ao sur coa zona do final da rúa Loureiro Crespo e a avenida de Lugo, ao leste coa avenida de Lugo e a estrada N-541 e ao oeste co barrio do Castañal.

Historia O polígono residencial de Valdecorvos foi recollido no plan xeral de urbanismo da cidade de 1989 como área reservada para vivenda protexida. Os primeiros trámites para o seu desenvolvemento remóntanse a 1992 pero por distintas vicisitudes o expediente de urbanización non se retomou ata o ano 2001. Con todo, a urbanización dos terreos non se concretou ata o seu impulso definitivo en xaneiro de 2008, cando se aprobou a modificación puntual do plan de urbanismo que desbloqueou o proxecto.

O proxecto de urbanización foi finalmente presentado en setembro de 2008 pola entón Conselleira de Vivenda Teresa Táboas, prevendo a construción de máis de medio milleiro de vivendas no barrio, algunhas de protección oficial.

As obras de urbanización do barrio duraron 20 meses e finalizaron en abril de 2010. A primeira licenza de construción dos tres primeiros edificios outorgouse en xuño de 2010 e o 9 de xuño de 2010 abriuse ao tránsito peonil e circulatorio a rúa central Prado Novo.

En agosto de 2010 empezouse a construción dun paso inferior baixo a vía férrea para conectar o barrio polo oeste coa rúa José Malvar e o centro da cidade. En abril de 2011 comezaron as obras de urbanización da rúa da Sequiña desde o novo paso inferior ata a rúa Prado Novo.

En abril de 2022 completouse unha mellora integral do parque de Valdecorvos.

Descrición O barrio articúlase ao redor dunha gran zona verde, o parque de Valdecorvos, polo sur do cal discorre o regato de Valdecorvos. É o maior parque do leste da cidade. Á parte do arboredo, inclúe sendas peonís e unha ponte de madeira para cruzar o regato de Valdecorvos, unha pasarela sobre pilotes para conectalo coa zona do Costado e escaleiras de madeira cara a rúa Prado Novo. Ten un miradoiro na parte norte con vistas á zona leste da cidade. Na zona atópase unha carballeira e o miradoiro está concibido como área de descanso con mobiliario urbano. A este parque súmanse as zonas axardinadas vinculadas a cada bloque de edificios e ao leste do barrio o parque das Regas.

Valdecorvos ten unha rúa principal semicircular de 22 metros de ancho, a rúa Prado Novo, e conta con 375 prazas de aparcadoiro en superficie. Esta rúa ten conexión coa avenida de Lugo e a estrada de Ourense a través dunha rotonda e un vial de entrada e outro de saída. Da rúa central Prado Novo tamén saen tres ramais interiores que acaban en senllas glorietas, e unha rúa no oeste de conexión directa coa rúa José Malvar, a rúa da Sequiña, que inclúe un paso subterráneo baixo a vía do tren.

O barrio está presidido no norte pola leira dos Pita, unha propiedade declarada como singular, que conta con varias árbores centenarias, entre eles unha colección de camelias.

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Barrio da Parda

Ligazóns externas A compostaxe no barrio

Categoría:Barrios de Pontevedra