José Carlos Bergantiños Díaz, nado en Parga (Guitiriz) en 1955, é un emprendedor, marchante e galerista galego, coñecido por estar envolto nunha trama de falsificación de obras de arte en Nova York. Tamén está acusado de ser co-responsable do desfalco e o colapso do Banco Peravia na República Dominicana, onde é considerado prófugo da xustiza.

Traxectoria Alcumado o Maletilla, e fillo de Isolina do Capataz, comezou de neno a traballar no balneario de Guitiriz. De alí marchou de camareiro a Madrid e despois, como mozo axudante dun toureiro, a México. En Guanajuato enfermou de disentería e no hospital coñeceu a enfermeira Glafira Rosales, con quen emparellou. Ao recuperarse, marcharon aos Estados Unidos, país onde entraron de xeiro ilegal cruzando o río Grande.

Nos Estados Unidos, Bergantiños comezou a traballar ilegalmente na hostalaría en Nuevo Laredo, Houston, logo en Nova York e finalmente nunha empresa de subministracións de peixe que facía a viaxe entre a costa de Maine e Nova York. Para poder facer as entregas máis rápido mercou unha ambulancia de segunda man.

Tamén en Nova York comezou a traballar como asistente dunha parente de Gertrude Stein e empezaron os seus contactos co negocio da arte. Coñece o pintor e médico Osvaldo Gomáriz, que ten unha galería de arte de moda. Fixo un curso de emprendemento en negocios artísticos na Universidade de Nova York e en 1986, cos aforros do peixe, abriu unha pequena galería de arte, a King’s Fine Arts, no barrio de Chelsea.

Foi neses anos tamén cando coñeceu o artista Pei Shen Qian, que vivía de debuxar con xiz no chan. Aconsellado artisticamente pola muller, e segundo as pescudas da policía, convenceu a Qian de imitar obras de pintores de arte contemporánea. En 1993 vendéronlle un cadro de Mark Rhotko á galerista Ann Freedman (da galería Knoedler), que foi o primeiro dunha serie de obras que atopaban perdidas e que atribuían a pintores contemporáneos. A prosperidade do negocio levounos a progresar rapidamente: mudaron a unha mansión de Long Island, mercaron cadros de Basquiat ou Warhol, e empezaron a relacionarse coa alta sociedade estadounidense. Tamén venderon sete obras de Maruxa Mallo que, segundo eles, atoparan na cidade.

O progreso de Bergantiños continuou ata 2011: abriu unha fundación benéfica na República Dominicana, participou activamente e sobre o terreo nos programas de axuda no Haití logo do tremor de terra de 2010, e seguiu vivindo nas capas máis altas da sociedade estadounidense. Porén as acusacións de falsidade xa comezaran. En 2003, un executivo de Goldman Sachs denunciou a Freedman porque un Rothko que lle vendera non fora recoñecido por auténtico por unha terceira parte. En 2009 Freedman dimitiu da galería e dous anos máis tarde a súa galería Knoedler pechaba por sorpresa: catro días despois o financeiro belga Pierre Lagrange denunciaba a Freedman por venderlle un Jackson Pollock falso.

A rede desmantelouse mentres comezaban as pescudas. Rosales foi detida en Nova York e condenada en 2017 a pagar 81 millóns de dólares aos seus demandantes, que sufragou en parte coa arte e as propiedades do matrimonio. Bergantiños, que xa se separara de Rosales pero continuaba a facer negocios con ela, fuxiu a España, onde foi detido en Sevilla, en 2014. O seu irmán Jesús Ángel Bergantiños foi detido uns días despois en Madrid. Pei Shen Qian trasladou o seu negocio artístico á China.

Rosales e Bergantiños acusáronse mutuamente de seren os artelladores da trama. Sobre Bergantiños abríronse dúas ordes de extradición aos Estados Unidos: a primeira fracasou por defecto de forma e a segunda por motivos de saúde, pois Bergantiños estaba a se recuperar dun ictus. O FBI pedía para Bergantiños un total de 114 anos de prisión por once delitos entre os que se atopaban estafa, evasión fiscal, falsidade documental, asociación ilícita e lavado de diñeiro. Ademais, na República Dominicana está acusado de ser un dos responsables da creba do banco Peravia de Santo Domingo, do que era directivo, e de evadir fondos da entidade a paraísos fiscais. A xustiza estadounidense considera que 33 millóns de dólares dos negocios de Bergantiños chegaron a España e reclámanllelos a el e mais ao irmán.

Vida posterior Bergantiños vive en Lugo.

Participou en dous documentais sobre os casos e a súa vida: Made you look: a true story about fake art (2020), de Barry Arvich, e Driven to abstraction (2019), de Daria Price.

Notas

Categoría:Marchantes de arte Categoría:Nados en Guitiriz Categoría:Galegos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1955 Categoría:Alumnos da Universidade de Nova York Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Falsificadores